Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

10.3.18

A forza que vén de lonxe - XIII: "As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas".

A SERIE EMPEZA AQUÍ
Portada de "As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas"

Un paxariño deses que anuncian primaveras tróuxome hai uns días As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas, un traballo promovido e coordinado por Xosé Henrique Costas, que tantas boas iniciativas leva posto a andar a prol do noso idioma.

O título recórdame outra das súas ideas: 55 mentiras sobre a lingua galega, unha publicación imprescindible aínda agora para desmontar a enxurrada de ventos avesíos que nunca remata. Se este país fose normal, a súa multipresentación simultánea en cinco ou seis ducias de lugares distintos abriría os telexornais e enchería páxinas da prensa escrita. Como somos o que somos, tivo que conformarse con menos atención mediática cá que recibe un cogomelo de quilo e medio ó comezo de cada outono.

Este novo proxecto do amigo Quique foi posible grazas á implicación de moita xente. Como non quero omitir os seus nomes nin reescribilos todos, vai esta imaxe co limiar do coordinador, onde dá conta de todas estas persoas galegoamantes, como el as denomina acertadamente:
Limiar do libro, da autoría de X. H. Costas
Houbo un tempo no que eu quixen tamén agradecer publicamente o labor de persoas que desde todo o mundo botaban unha man na recuperación da dignidade para o galego e fun dando conta dalgunhas nunha serie de posts que bauticei como “A forza que vén de lonxe”. Despois, inxustamente, fun deixando a cousa, que non sempre un ten tempo, forza e autodisciplina para darlle continuidade a algúns camiños que abre.
Quero agora engadir este capítulo como homenaxe colectiva a todos os que axudaron a darlle internacionalidade ás cantigas de Martín Codax, case cadrando coa data na que o Pergamiño Vindel fai de novo a travesía cara á outra beira do Atlántico, igual ca fixeron miles de galegos ó longo de toda a historia.
A ver se estes meses de estancia coa fermosa silueta das Cíes ó fondo fai que un día fuxa da Biblioteca Morgan para regresar definitivamente  á beira das ondas do mar de Vigo, que é onde debe estar ese tesouro da nosa cultura.
[CONTINÚA AQUÍ]

Ningún comentario: