O Concello da Veiga acaba de aprobar unha ordenanza que permite usar de xeito oficial o galego de Asturias nas relacións entre a cidadanía e o consistorio. Así, por primeira vez na historia,
moitos habitantes do concello poderán facer trámites escritos no mesmo idioma
que falan.
Visto así a novidade parece de risa, porque debería ser o
máis normal do mundo que a xente poida escribir e falar na mesma lingua, pero
as cousas son como son e hai idiomas que teñen licenza para entrar polos oídos
pero non polos ollos. Non ten moito sentidiño esta discriminación dos sentidos
pero é o que hai polo mundo adiante.
Boa parte do mérito creo que é dun par de músicos, que agora
ocupan a Alcaldía e a Concellería de Cultura, respectivamente. Xente sabia, sen
dúbida. Coñecendo a labia do edil de Cultura, Abel Pérez, non imaxino a ninguén capaz de sacarlle a idea da cabeza.
Como era de esperar, a decisión acolleuse con diversidade de
opinións, e seica xa hai por aí discusións acendidas porque o Concello puxo nun
cartel XENEIRO e non ENERO, “como se dixo toda a vida”. Se cadra é que a vida
dalgúns é moi limitada.
Pero tampouco ese tipo de disputas é sorpredente. Outros
pasamos antes por esas e, facendo un pouco de memoria, non é difícil acordarse
das pedradas que voaron de bando a bando pola segunda forma do artigo, polo
–cia / -za do nome do País que pisamos ou polo “grazas” que non fixo graza
ningunha cando deixou de ser “gracias”.
Non sorprende, pois, que na beira de alá do Eo haxa agora
disputas parecidas, pero se cadra neste momento non é tan importante o modelo
de lingua como o feito de que poida usarse para todo. Un tamén pensa que o
modelo debería ter outras referencias distintas ás que ten, pero non é tempo de
avivar ese lume.
Pouco antes do Nadal asistimos con absoluta normalidade a
unha representación teatral en galego na casa da cultura da Veiga. Agora o idioma
de todos nós ergue un pouco máis a cabeza e pode entrar tamén gravado a tinta
na casa consistorial. Son boas novas. Un alédase de que o tempo vaia
atemperando as cousas, que as tensións lingüísticas que non hai tanto
facían ferver o aire na zona vaian acougando, que non todos os ventos veñan á contra para a lingua e a cultura en galego de Asturias.
Armando Cotarelo Valledor había
estar contento. E supoño que tamén o está Belén, Viqui, Crisanto e moitos
outros que saben o valor da lingua que herdaron .
Ergo a miña copa.
1 comentario:
Unha boa noticia.
Publicar un comentario