Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

10.1.16

O galego, oficial na Veiga











O Concello da Veiga acaba de aprobar unha ordenanza que permite usar de xeito oficial o galego de Asturias nas relacións entre a cidadanía e o consistorio. Así, por primeira vez na historia, moitos habitantes do concello poderán facer trámites escritos no mesmo idioma que falan.

Visto así a novidade parece de risa, porque debería ser o máis normal do mundo que a xente poida escribir e falar na mesma lingua, pero as cousas son como son e hai idiomas que teñen licenza para entrar polos oídos pero non polos ollos. Non ten moito sentidiño esta discriminación dos sentidos pero é o que hai polo mundo adiante.

Boa parte do mérito creo que é dun par de músicos, que agora ocupan a Alcaldía e a Concellería de Cultura, respectivamente. Xente sabia, sen dúbida. Coñecendo a labia do edil de Cultura, Abel Pérez, non imaxino a ninguén capaz de sacarlle a idea da cabeza. 

Como era de esperar, a decisión acolleuse con diversidade de opinións, e seica xa hai por aí discusións acendidas porque o Concello puxo nun cartel XENEIRO e non ENERO, “como se dixo toda a vida”. Se cadra é que a vida dalgúns é moi limitada.

Pero tampouco ese tipo de disputas é sorpredente. Outros pasamos antes por esas e, facendo un pouco de memoria, non é difícil acordarse das pedradas que voaron de bando a bando pola segunda forma do artigo, polo –cia / -za do nome do País que pisamos ou polo “grazas” que non fixo graza ningunha cando deixou de ser “gracias”.

Non sorprende, pois, que na beira de alá do Eo haxa agora disputas parecidas, pero se cadra neste momento non é tan importante o modelo de lingua como o feito de que poida usarse para todo. Un tamén pensa que o modelo debería ter outras referencias distintas ás que ten, pero non é tempo de avivar ese lume.
 
Pouco antes do Nadal asistimos con absoluta normalidade a unha representación teatral en galego na casa da cultura da Veiga. Agora o idioma de todos nós ergue un pouco máis a cabeza e pode entrar tamén gravado a tinta na casa consistorial. Son boas novas. Un alédase de que o tempo vaia atemperando as cousas, que as tensións lingüísticas que non hai tanto facían ferver o aire na zona vaian acougando, que non todos os ventos veñan á contra para a lingua e a cultura en galego de Asturias. 

Armando Cotarelo Valledor había estar contento. E supoño que tamén o está Belén, Viqui, Crisanto e moitos outros que saben o valor da lingua que herdaron .

Ergo a miña copa.

1 comentario:

paideleo dixo...

Unha boa noticia.