O recente falecemento de Neira Vilas levoume de novo ás Memorias dun
neno labrego, que descansaban no andel desde non sei cando. A edición que eu
posúo ten un debuxo de Díaz Pardo na portada, no que aparece un neno que ben
podería ser Balbino chamando unha xugada de vacas do país.
Un neno "chamando as vacas". Portada de Memorias dun neno labrego |
A imaxe tróuxome á memoria o desagrado que me produciu unha noticia de prensa de hai uns
meses, onde se daba conta dos Premios “al mejor joven manejador”, dentro da
edición Feiradeza de 2015. Os afortunados foron Miguel Rial e Avelino Souto.
Faro de Vigo, 28/06/2015 |
Alégrome por eles, que seguramente “manejan” as vacas con
moita arte, pero non deixa de poñerme triste que se denomine así o que sempre
foi chamar as vacas, que era o que
facía Balbino e moitos outros nenos e non tan nenos labregos. Non creo que xustifique
o cambio o feito de que agora a acción se leve a cabo nun recinto feiral ou nun
pavillón en vez de facelo nunha leira ou que sexa unha exhibición e non unha necesidade. Ademais, paréceme unha falta de respecto para as vacas, que non merecen que as "manejen" podendo "chamalas" e dicirlle as cousas como hai que dicírllelas.
Se perdemos a lingua, mellor é que nos nos disfracemos de cow boys ou que nos botemos tamén
definitivamente a manejar tractores e que deixemos definitivamente as vacas en paz, como símbolo dun tesouro que non
soubemos manter.
2 comentarios:
Eu sabía o de afalar ás vacas.
Na miza zona de orixe (Trasdeza) usabamos "chamar as vacas" para referirnos á acción de levalas pola corda, indo diante delas, por exemplo, cando levaban o carro enganchado, o arado, ect. E a expresión "afalar as vacas" utilizabámola para apuralas, indo detrás delas, por exemplo, cando se levaban desde as leiras para a casa.
Pero é moi probable que o sentido das expresións cambie dependendo das zonas.
Publicar un comentario