Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

16.12.15

O naZimento na literatura galega

Non. Aínda que se achega o Nadal, non é do nacemento dun meniño nun pendello vello do que vou falar, que ese é un tema moi trillado e dorme ata as mulas que lle dan alento. O que pasa é que que a un ás veces dálle por facer malabarismos léxicos gratuítos.

Odessa, as antenas de Arneiro en Cospeito, a ruta das ratas, o colexio alemán en Vigo, os submarinos U-boot, o avión de Córneas, Farandulo.net, o mosteiro-zulo de Samos, Lesli Howard,... Son nomes que pouco ou nada me dicían ata hai algún tempo. Todos teñen algo en común: a relación cos nazis en Galicia.

Supoño que os historiadores saberán diso o que lles deixen saber, e ata hai algunha publicación específica sobre o tema, coma Galicia en guerra, de Eduardo Rollan, pero desde hai algún tempo parece que o asunto interesa tamén ós literatos.

Xa Jaureguízar acollera nazis en A cova das vacas mortas (2006). Uns anos despois aparecen de novo na trama de Os fillos do mar, de Pedro Feijoo (2011). É de supoñer que a presenza do nazismo nesta obra ten moito máis que ver coa realidade có que sucede na novela de Jaureguízar, que seica os filoesvásticos andaban máis mestos en Vigo ca na raia asturgalaica.

Máis recentemente chegáronnos dous títulos nos que se retoma o tema: Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, e Izan o da saca, de Xabier Quiroga. Na primeira, Vigo volve ser o espazo predominante, mentres que na de Xabier son as terras de Lemos as que se prestan como espazo para esta novela que nos recorda, en moitos aspectos, a súa magnífica ópera prima: Atuado na braña.

De propina, acaba de estrearse o documental A viaxe de Leslie, inspirado no derribo dun avión fronte á costa de Ortegal, en 1943, onde morreu, entre outros, o actor británico Leslie Howard

Non fo o único caso de combate aéreo fronte ás nosas costas: na presentación en Ribadeo de Cabalos e lobos, o autor referiuse a un combate entre alemáns e aliados fronte ás costas de Ribadeo, un episodio que ningún dos alí presentes coñecía pero sobre o que se pode atopar información na rede.

Como non teño nada claro onde remata a verdade histórica e onde comeza a ficción literaria, mellor deixo o asunto, que ademais teño sono.

Ningún comentario: