Cabeceira de "El pequeño escolar" |
O día 1 de febreiro cúmprense oitenta anos da saída á rúa do primeiro número de El pequeño escolar, un xornal escolar que se publicou entre febreiro e xullo de 1935 con textos do alumnado de varias escolas da Mariña.
Gregorio Sanz |
O seu principal impulsor
foi Gregorio Sanz García, un mestre
que impartiu clase en varias escolas de Galicia desde 1922 ata 1970.
Naceu en Ayllón
(Segovia) o 4 de xaneiro de 1900. Procedía dunha familia moi humilde e, despois
de cursar os estudos primarios na súa vila, estudou Maxisterio por
libre a partir de 1914. Rematou con dezasete anos e, ó non atopar escola, desprazouse
a Madrid, onde tentou a carreira militar. Durante a súa estancia na capital
frecuentaba a biblioteca do Museo Pedagóxico e alí convidárono a dar clases na Casa Escuela Concepción Arenal do Protectorado del niño delincuente. Foi
tamén alí onde soubo que se buscaba mestre para a escola agrícola da Fundación
Pedro Murias, que ese rico indiano promovera na súa parroquia natal da Devesa,
en Ribadeo. Así recalou en Galicia en 1922, onde se asentou definitivamente. A
partir de 1923 dedicouse a dar clases particulares en Ribadeo, onde colaborou
na posta en marcha da Biblioteca Popular Circulante, a imitación da que xa
funcionaba en Castropol. En 1928 ingresou no ensino oficial por oposición e
obtivo destino na escola de San Pedro de Benquerencia, en Barreiros. Tamén
impartiu clase preparatoria no Instituto de Ensino Medio de Ribadeo. Ó empezar
a guerra detivérono, como lle sucedeu a tantos outros mestres republicanos, e
estivo cinco anos preso no cárcere de Lugo.
Portada de "Uno de tantos" de Gregorio Sanz |
O propio Gregorio Sanz
rememora esta etapa da súa vida no libro Uno
de tantos. Cinco años a la sombra. O libro inclúe un prólogo de Víctor
Moro, que desempeñou importantes cargos de responsabilidade pública e privada,
onde o que daquela era alumno seu conta como eran as clases de Don Gregorio:
innovadoras, motivadoras, abertas á realidade do alumnado, ...
Tendo en conta o nome do
mestre e a descrición que fai do seu labor docente, ó ler as palabras de Víctor
Moro resulta imposible non acordarse de Pardal, o neno protagonista do relato
“A lingua das bolboretas”, de M. Rivas. Uns anos despois da publicación da obra
de Rivas, a investigadora Rosa Cal establece tamén esta relación nunha reseña
do libro de Gregorio Sanz publicada en A
Nosa Terra. Di que,
pouco despois de coñecer ó mestre afincado en Ribadeo, leu o conto de Rivas e decatouse
da relación:
Inmediatamente recoñecín no personaxe do mestre a D. Gregorio. Dábase a casualidade de que entón se estaba a celebrar a Feira do Libro en Madrid, e Rivas asinaba exemplares. Alí me dirixín para confirmar a sospeita. Felicitei ó escritor e pregunteille “O mestre de A lingua das bolboretas é Don Gregorio?”. “Si, señora, vostede leu o libro?” foi a súa resposta. Díxenlle que si e que amais Don Gregorio estaba vivo e que aos 95 anos a súa mente estaba totalmente lúcida e que podía visitalo en Vilaframil, Ribadeo.
O mestre Don Gregorio na adaptación ó cine de "A lingua das bolboretas" |
Ó saír da cadea,
Gregorio Sanz volveu dar clases particulares, despois traballou como contable
nunha empresa de Guitiriz e, finalmente, regresou ó ensino nunha academia de
Lugo. Posteriormente permitíronlle o reingreso no ensino oficial e destinárono
a Covas (Viveiro). Opositou de novo e obtivo posto en Vigo, onde se xubilou en
1970. Tras a súa xubilación, afincouse
en Ribadeo, onde faleceu en 1997. Actualmente o colexio público da vila leva o
seu nome, como mostra de agradecemento e agarimo dos veciños.
El pequeño escolar
El pequeño escolar
publicouse con periodicidade quincenal entre febreiro e xullo de 1935. Saíron,
polo tanto, doce números. Cada exemplar constaba de catro páxinas e imprimíase
na Tipografía de “Las Riberas del Eo”, en Ribadeo. Vendíase a 10 céntimos e,
nunha nota aclaratoria que aparece no segundo número, indícase que se precisaba
unha venda mínima de 600 exemplares para cubrir as 50 pesetas que custaba
imprimir un millar, contando tamén cos gastos de administración e co desexo de
que quedase un remanente para premios en concursos escolares que se establecesen
para a rapazada.
Un artigo de "El pequeño escolar" |
O xornal, ademais do
saúdo inicial e dalgunhas notas aclaratorias dos responsables, está
integramente formado por colaboracións do alumnado das distintas escolas da
zona. Tamén admitía colaboracións de exalumnos menores de dezasete anos,
reservando para eles un máximo de 1/3 do espazo.
Predominan os textos en
prosa, con contido moi variado: contos, crónicas da actividade escolar,
reportaxes sobre as festas e celebracións da zona, crónicas deportivas dos
equipos da contorna, noticias curiosas, reflexións sobre asuntos de
actualidade, redaccións sobre temas diversos, reseñas de escritores, personaxes
ou acontecementos históricos, etc. Tamén aparece algún debuxo, uns poucos poemas
e cartas entre alumnado das distintas escolas da zona e incluso a alumnos doutros
lugares do Estado.
O idioma predominante é
o castelán. O galego tan só rezuma nalgunhas expresións en castelán traducidas
literalmente e, de xeito excepcional, en tres colaboracións da sección
“Cantares”. Utilízase unha variante con trazos propios da oralidade, como era
habitual na época:
Un exemplo do uso do galego no xornal |
CANTARES
Vexo a Rinlo, vexo o Rato
desd’o alto de Noceda
vexo a Rochela e Reinante
no alto d’a mau
esquerda.
Levantando un pouco a vista
vexo as folliñas d’o mare
y’escuitando unha miguiña
oens’os carros cantare
y’os labradores co arado
berrando pra que ande
o gado.
ALFONSO VENTOSO
Vilandriz, A Devesa, 6/01/1935
O vello perdeu a vella
entre a florida d’o toxo
e agora anda chorando
que lla comeu o
raposo.
Na escola que hay en Barreiros
agora hay moita alegría
porque ven o Ayuntamiento
pra facernos
compañía.
As nenas que hay en San Cosme
todas son muy aplicadas
si non mo queredes crer
non tedes mais que
miralas.
Aló enriba, no meu monte,
vin un neniño chorar
pregunteille: ¿Por que choras?
non me quixo contestar.
Este
día que nevou
fun ó campo co-a cabriña
estaba cuberto de lá
e volvinme pra
casiña.
MARÍA REGO
Barreiros, 12-1935
As neniñas de San Cosme
todas son muy aplicadas
e todas son muy guapiñas
e tamén muy resaladas.
A
escola de San Cosme
non che pode estar mellor
está no campo da República
con bon edificio ó redor.
O
reloj pra dar as horas
n’unha campá pra tocar
as neniñas d’esta escola
ben che podemos bailar.
E
os lús tamén temos
o mercado pra comprar
as agullas pra coser
e os fíos pra bordar.
MARÍA
TERESA GONZÁLEZ
San Cosme de Barreiros. Escola nº 1.
Tamén hai unha alusión ó
himno galego no remate da crónica dunha excursión pola zona, asinada por Jesús Vila Sanz, de Vilaselán, no número do 1 de xuño, que por erro aparece datado o
15 de maio, igual có anterior: “Luego regresamos por la carretera de Piñeira y
llegamos a la escuela a las 5 y media cantando el Himno Gallego contentísimos”.
Ademais dos méritos
pedagóxicos, visto desde a actualidade, El
pequeño escolar resulta tamén un interesante documento histórico que nos
permite coñecer moitos datos concretos do xeito de vida da xente da zona desde
a perspectiva inocente da rapazada das escolas: o estado de cada escola, as
actividades que facían, o xeito de vida nas casas, a alimentación, os hábitos
no tempo de lecer, as celebracións, ... e mesmo as inquedanzas e os soños dos
máis novos.
Mostra de ensino innovador, aproveitando unha excursión |
Conmove, por exemplo, a
inocencia nun fragmento dunha carta que a nena Arsenia Puente envía desde a
Pontenova, o 1 de marzo, dirixida a unha alumna de Santiago de Reinante:
“Y para terminar, una
pregunta a María López de Santiago de Reinante. He visto la marea en la ría de
Abres, y desearía saber si en la costa se notan también las crecidas de las
mareas y si es peligroso estar cerca del mar cuando las hay”.
María López contéstalle
no número do 1 de abril con todo detalle, explicándolle pormenorizadamente o
movemento das mareas na praia da Santiago de Reinante e dille que durante a
baixamar “va la gente del pueblo, y yo también muchas veces voy, a surtirnos de
percebes, mejillones y de lo que encontramos para alimento”, e remata
interesándose polo contorno da outra rapaza: “Yo desearía ver las minas de
hierro, porque nunca salí de Santiago de Reinante y me alegraría hacer una
excursión a Puentenuevo para verlas. ¿Como son esas minas”.
Aínda que a distancia
física é a mesma, é evidente que o mar e a Pontenova quedaban moito máis lonxe
no ano 35.
Un artigo que conmove |
Unha “Noticia comentada”
asinada por Carmen Miranda no exemplar do 1 de maio dános información
fundamental sobre as prioridades naquela época: para as mulleres, primeiro os
labores do campo e despois, se queda tempo, a formación académica:
Estos días hubo muy pocas niñas en mi
escuela porque están sembrando las patatas. Las patatas vinieron de América
para Europa. En Galicia hay muchas patatas. Las patatas se siembran en marzo.
Los días que graniza y llueve vienen las
niñas a la escuela, aunque a las niñas nos gusta mucho más venir a la escuela
en verano que en invierno porque en invierno hace frío y en verano calor. Yo
vengo todos los días a la escuela y aprendo mucho y las que tienen que sembrar
las patatas no vienen todos los días porque tienen que ir llamar el ganado a la
tierra. Las patatas se recogen en septiembre.
Outros artigos cóntannos
con detalle como se aproveitaban as excursións para facer medicións da
extensión dalgunhas leiras ou observacións atentas de distintos aspectos da
natureza. Algúns adiantos tecnolóxicos (termómetro, compás, cataventos, ...)
permitíanlle ó alumnado anotar diariamente datos das condicións meteorolóxicas.
Así podemos saber, por exemplo, que o día 7 de febreiro de 1935 dentro da
escola nº 2 de Barreiros había 11 graos e no exterior 8. O vento sopraba con
dirección N.E. e estaba un día chuvioso e con sarabiadas, segundo nos informa
Eugenio Niñe.
As clases non debían
manterse alleas ás tensións políticas da época, xa que no número do 1 de marzo
Pedro Vizoso, de Benquerencia, informa de que na súa escola tivo lugar unha
votación para ver quen era partidario da guerra. “Solo se levantaron Ramón de
Quietán y Carlos de Rosende y los demás nos quedamos sentados porque no
queremos guerras”. No número seguinte, Antonio Fernández Lozano, de Ribadeo,
retoma o tema e valora os datos: “[...] los niños de la escuela de Benquerencia
hicieron en la escuela una especie votación para ver quienes eran partidarios
de la guerra, y nada más fueron dos, todos los demás fueron buenas personas,
tienen conocimiento, mientras que los otros dos parece que no tienen
conocimiento y que no saben qué es la guerra porque si no ya dirían lo de los
demás. Me gustaría saber que piensan de las guerras los niños de otras escuelas
y si quieren que todos seamos amigos”. No número do 1 de xuño Antonio Molejón,
de Vilandriz – A Devesa, condena as guerras nun contundente artigo titulado
“¿Próximos a unha guerra?”.
Parece que naqueles
meses os contrarios á guerra eran unha maioría esmagadora nas escolas, pero
pouco máis dun ano despois acabarían gañando Ramón de Quietán e Carlos de
Rosende.
A pesar de que o número
do 1 de xullo abre cun “¡Hasta septiembre!” asinado por Narciso Ríos, de San
Miguel, a interrupción acabou sendo definitiva e o xornal non volveu saír.
Na Biblioteca Pública
Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, consérvase íntegra unha copia da
colección. A súa lectura deixa ver a ilusión da rapazada no proxecto e a
frescura dos seus textos acende en nós, oitenta anos despois, a admiración por
eles e por quen promoveu esta iniciativa.
BIBLIOGRAFÍA:
Cal, Rosa (2000): "A lingua das bolboretas e o cabodano do mestre Don Gregorio", en A Nosa Terra, semanario, nº 945, p. 23.
Costa, Antón (1992): “Entrevista a Don
Gregorio Sanz”, en Revista galega de
educación, nº 14, outubro de 1992.
Sanz, Gregorio (1986): Uno de tantos. Cinco años a la sombra. Ed. do Castro, Sada.
AGRADECEMENTO:
A Chus, da Biblioteca Pública de Ribadeo, que ten organizado un interesante fondo local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario