Exemplar da 2ª edición de Vento mareiro (1921) |
Mañá, 1 de marzo,
cúmprense cen anos da publicación do poemario Vento mareiro de Ramón Cabanillas, na Habana. Conservo con orgullo
un exemplar da segunda edición, de 1921 (Ed. Galatea, Madrid), con portada de
Castelao e ilustracións interiores de Álvaro Cebreiro.
Aproveitando a
data, quero dar conta da presenza do poeta de Cambados na prensa de Castropol rescatando
datos que xa incluín nunha análise máis ampla.
Cabanillas no Castropol (1905-1925).
A partir do 20 de xaneiro de 1924 (nº
675) iníciase a publicación dunha serie de entregas co título de “Por la tierra
ancestral. Crónicas de un viaje, escritas por el licenciado Tristán de Brul”. Descoñezo a identidade deste viaxeiro, que percorreu Galicia e deixou no xornal ampla crónica das
súas andanzas.
No nº 681 do
xornal, correspondente ó 20 de marzo de 1924, o cronista, dando conta do seu paso pola ría de Arousa,
intercala dous fragmentos do poema “A trainera” que Cabanillas incluíra en No
desterro (1913), despois de publicalo previamente na prensa galego-cubana:
[...]
Cabanillas en El aldeano (1929-1933).
O 30 de marzo de 1931, Manuel Marinero, un dos impulsores de El aldeano –o outro xornal de Castropol anterior á guerra- publica un artigo que el titula “Los deportes expontáneos”, que trata en realidade dos enredos da rapazada da época: loitas, lanzamento de pedras, etc..
Encabeza a colaboración
cun breve fragmento do poema “O sábado na escola”, pertencente tamén a a Vento mareiro, no que Cabanillas lembra
tamén os seus xogos de antano:
Comezo do artigo de Manuel Marinero, "El aldeano, 30/03/31 |
Non é moito, pero é o que
hai sobre Cabanillas na prensa de Castropol anterior á guerra. Menos hai
hoxe. Poderiamos falar algo tamén da profunda amizade entre Cabanillas e Fermín Penzol, nacido en Sahagún de Campos (León) pero intimamente ligado a Castropol. Os dous mantiveron longa e fonda amizade e publicaron conxuntamente en Madrid (1922) a primeira revista infantil en galego (As roladas. Follas dos rapaciños galegos), pero esa xa é outra historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario