Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

6.10.08

Fronteiras - VI

EMPEZA AQUÍ
Internacionais : Baarle

Un caso similar, pero moito máis sorprendente é o de Baarle, que supón unha complexa mestura de territorios belgas e holandeses. Maioritariamente trátase de territorio holandés, dentro do cal hai enclaves belgas que, á súa vez, teñen no interior zonas holandesas. As partes holandesas forman o municipio de Baarle-Nassau, e as belgas constitúen o de Baarle-Hertog. Baarle-Nassau son oito enclaves, dos cales sete están dentro dos enclaves belgas –a modo de bonecas rusas-, e o oitavo está en territorio belga.

As orixes da estraña división deste territorio sitúanse no século XII, e débense a un complicado entramado de señoríos, herdades, compras e doazóns. A situación mantense practicamente intacta desde aquela, a pesar de que houbo momentos nos cales se deron circunstancias políticas favorables para acabar con este puzle. En 1843 unha comisión creada para o establecemento da fronteira entre os dous países chegou á conclusión de que, neste territorio resultaba imposible establecela con continuidade. O que si fixeron foi determinar a nacionalidade, unha por unha, das 5732 parcelas que comprendía a zona. En 1995 levouse a cabo unha pequena reforma que, lonxe de simplificar a situación, o que fixo foi reasignar pequenísimas zonas dun xeito que, visto desde lonxe, resulta ridículo. Nalgún caso trátase tan só duns canto metros cadrados no medio dunha extensa pradeira.

Como consecuencia destas estrañas partillas, non é raro que a fronteira divida en dous anacos unha mesma propiedade: unha nave con algún negocio, unha rúa, e sobre todo, moitas vivendas. O sorprendente é que todo isto non soe supoñer incomodidades para os seus habitantes. Incluso, ás veces, sucede o contrario: cada propiedade paga os impostos no territorio ó cal dá a súa entrada, e é moi frecuente que os donos fagan obras para desprazar a porta e poder así acollerse a unhas condicións tributarias máis vantaxosas. Isto sucede especialmente coas tendas. Para que sexa doado para os visitantes saber en que país se atopan, as placas cos números das casas son diferentes segundo pertenzan a un país ou a outro: as belgas son ovaladas e as holandesas son cadradas.

Llivia e Baarle non son os únicos exemplos de enclave, ou sexa, de territorio dun país, situado totalmente noutro.

Se pescudamos un pouco pola xeografía europea ―e ignoramos intencionadamente outras latitudes seguramente moi interesantes― atopamos varios casos: Austria ten terreos en Alemaña, Bélxica en Holanda, Holanda en Bélxica, Italia en Suíza, Suíza en Austria, Armenia en Acerbaixán, Acerbaixán en Armenia, Alemaña en Bélxica e en Suíza, Rusia en Bielorrusia, etc. Antigamente había máis, pero moitos desapareceron mediante acordos amigables entre os países implicados. Se cadra un dos máis recentes foi o acadado en 1990, mediante o cal Lituania deixou de ter un enclave en Bielorrusia, ó revisarse a delimitación fronteiriza entre ambos os dous países.

Ningún comentario: