Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

18.10.08

Estamos no mundo. Somos o demo!


O Agroglamour galego triúnfa en Bruselas. Os chimpíns do festival de Cans (O Porriño) trepan na alfombra vermella da Vendome e arrasan entre o público.

En Ribadeo (Mar por medio) as culturas galega e portuguesa fan as beiras á beira da ría. Queda moito camiño por percorrer, pero para iso están os sete pés de Susana Marques e cantos cantos fagan falta para alancar por riba dun río que nos leva ó mesmo mar.

Boy Elliot representou dignamente a Galicia en Lulea (Laponia) no Liet, ese festival de Eurovisión alternativo –moito mellor có outro-, onde xa temos historia e mérito.

Xusto Beramendi, un historiador de fóra afincado en Galicia desde hai anos, que abrazou o galego como lingua súa e fixo da nosa historia a súa historia, gaña o “Premio Nacional de Ensayo” cunha obra en galego de 1200 páxinas. Competía con ensaístas de todo o Estado, en todas as linguas.

O libro galego déixase ver na feira de Frankfurt, o maior evento de libro do mundo, en versión orixinal e travestido ("Telling stories from Galician. Writters for a neew Millennium”.

O nacionalismo galego ten peso como nunca tivo en Madrid para aprobar os orzamentos do Estado.

En Valladolid o cine galego é protagonista da Seminci. En Lugo o demo é protagonista dun congreso.

Todo iso en 48 horas. Estamos vivos e estamos no mundo. Somos o demo!

2 comentarios:

Carvalhais dixo...

Obrigado polo comentário. Está bem nestes dias encontrar este tipo de notícias que nos fagam sentir vivos..

Anónimo dixo...

agregado por aqui ...

http://ladainasnabrisa.blogspot.com/

vale, vale, ... xa paso estudiar (encantaronme os post sobre fronteiras, por certo ^^)