Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

14.2.08

Diversidade lingüística


O goberno andaluz (PSOE) propón ofertar galego nalgunhas escolas de idiomas de Andalucía e o PP ridiculiza a proposta.

Uns días despois Esperanza Aguirre (PP, creo) propón crear en Madrid un colexio catalán e ata lle escolle o nome: Josep Tarradellas.

País, país, ...

A min parécenme ben as dúas propostas. Se o galego se estuda en case 40 universidades de todo o mundo, non sei que mal fai que se estude entre as oliveiras andaluzas.

Pero levo tempo dicindo que, máis que o estudo dos idiomas en si, boto de menos que se difunda por todo o estado a situación legal e social de todas as linguas do país. Non resulta difícil comprobar o absoluto descoñecemento que hai con respecto á situación real das distintas linguas.

Moita xente cre cegamente os tópicos interesados que difunden determinados medios ou políticos analfabetos e así non é raro atopar españolitos que cren que en Galicia, Cataluña e Euskadi almorzamos cada mañá un neno castelanfalante ou que xa nin iso podemos facer porque o castelán está practicamente extinguido nestas Comunidades.

Dáse por feito que hoxe en Galicia é imposible estudar en castelán, que se lle impón o galego a todos, cando precisamente un punto de desencontro no intento de reforma do Estatuto foi a proposta da obrigatoriedade de coñecer o galego IGUAL CA É OBRIGATORIO COÑECER O CASTELÁN, segundo se establece na Constitución. –Disto non din nada os tangas monolingües que percorren o país bilingüe co seu autobús policromo-.

Creo que xa falei unha vez dun columnista con tratamento de Usía ata no DNI que vendeu miles de exemplares dun libro no que confunde a Mesa pola Normalización Lingüística coa Dirección Xeral de Política Lingüística. Tamén son frecuentes os comentarios sobre as decisións políticas “de los nacionalistas gallegos” cando a Secretaría Xeral de Política Lingüística depende directamente de Presidencia e está en mans do PSOE. Ademais, como xa contei, non propoñen nada que non estivese no Plan Xeral elaborado polo PP cando gobernaba.

Nada se sabe por aí abaixo da situación real da nosa lingua, nada se sabe da nosa literatura máis alá ca catro tópicos sobre Rosalía. Nada se sabe do aragonés salvo que hai un tipo con bigote que di Chunta no Parlamento e que un día tiña unha mochila. Nada se sabe tampouco da existencia do aranés, do portugués en Olivenza e non só, do tamazigh que falan tipos e tipas veladas ou sen velar que tamén son españois, ... Nada se sabe da diversidade que agroma en cada recanto desde a esquiniña do fondo de Melilla ata Cabo Ortegal.

Estou canso de oír cando convén que o bilingüismo enriquece. Claro que si! E o trilingüismo máis aínda, e o tetralingüismo o dobre có bilingüísmo, e máis aínda o pentalingüismo e poderiamos seguir! Vivimos nun estado máis ca pentalingüe e supoño que esa riqueza é riqueza de todos e todos temos que mirar por ela.

Pero estou esperando a que algún destes defensores do bilingüísmo en Galicia defendan o multilingüísmo en todo o Estado. Non lle pido a ningún chulapas madrileño que aprenda todos os idiomas, pero si que se alegre se nalgún momento CALQUERA dos idiomas que temos dá un pasiño adiante para vivir con un pouco máis de dignidade. Ou acaso o bilingüísmo só é bo para min?

Polos centros de ensino desfilan cada curso especialistas en tráfico para convencer ós rapaces de que anden a modiño, especialistas en nutrición para que coman menos bollicaos e máis mazás, especialistas en enerxías para que aprendan a apagar a luz e a billa cando non lles fan falta, especialistas en lombos estrangallados para que aprendan a meter menos peso nas mochilas, especialistas en sexo para que aprendan a facer mellor o que xa fan como poden, especialistas en defensa para que se metan no exército para facer guerras pola paz, especialistas en patrimonio para que aprendan a loitar contra os construtores depredadores, especialistas en natureza para que non maten as arañas, especialistas en animación á lectura para que lean algo máis có Marca, ... Hai especialistas para todo e a todos lles damos cabida nas aulas.

Sería tanto pedir que por aí abaixo os alumnos dedicasen tres ou catro horas do curso a coñecer con rigor cal é a situación real, legal e social, de todas as linguas do Estado?

Sería moito pedir que escoitasen un día un conto de Casares ou “Paraules d’amor” de Serrat?

Mal ningún non lles facía e se cadra valía para rachar tópicos, para avergonzar impostores, para sementar tolerancia e orgullo pola diversidade.

2 comentarios:

Carlos Andina dixo...

Ola Suso.
¿Que podría dicirche?
Pois que cada vez o fas mellor desde que te visito.
Vaia discursiño botaches.
Seguro que se vas ao Congreso e lle lo contas ali che aplauden.

A min sorprendeume moito.
Sigue así.

Anónimo dixo...

Ola Suso. Moito ánimo para seguir adiante con este blog. Está moi ben iso de poder ler en galego en internet. Algúns habíanse asustar se comproban cantas e cantas páxinas se poden ler en galego... Así da gusto.