Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

14.11.07

A forza que vén de lonxe -V: Mark Wiersma, David Mackenzie, Takekazu Asaka

A SERIE EMPEZA AQUÍ
Mark Wiersma gañou no 2006 o III concurso de monólogos monolingües organizado polas tres universidades galegas.
Mark Wiersma é americano de California. Chegou a Compostela no 2004 para facer o doutoramento sobre literatura comparada. Dous anos despois, ademais de contar os contos en galego, púxose a argallar unha asociación de estranxeiros galegofalantes.

“Eu vin a Galicia sen plans definitivos e arestora xa decidíon ficar. Agora vivo aquí e paréceme normal aprender e falar a lingua do lugar”.
Benvido Mr. Marshall!

De todos os non galegos ós que lle oín falar en galego, quen máis me impresionou foi David Mackenzie. É que non só fala galego, senón que o fai con acento e con retranca.
David Mackenzie creou e dirixiu o Centro Irlandés de Estudos Galegos, incluido no Departamento de Estudios Hispánicos da Universidade de Cork (UCC), que este ano celebra o seu X aniversario.
Mackenzie, escocés de nacemento, xa creara con anterioridae o centro de estudos galegos de Birmingham.

Takekazu Asaka, Takiño para os amigos, é xaponés e ben se lle ve na pinta e no nome. En 1977 andaba por Madrid estudando castelán e tropezou cun exemplar de A Nosa Terra. “Esta Terra non é vosa, rapaces”, -debeu pensar- e interesouse por aquel idioma raro. Agora leva xa un montón de artigos e varios libros sobre o galego: Gramática do galego moderno, Guía de conversación en galego, Vocabulario básico da lingua galega,... Tamén traduciu para o xaponés Cantares Gallegos de Rosalía e os Seis poemas galegos de Lorca.
Doutorouse en Osaka e imparte clases de Lingüística Hispánica y Románica na Universidad Tsudajuqu de Tokio, pero cada verán vén dar unha voltiña e cando marcha vai dicindo:
Sayonara ríos
Sayonara fontes

Con ese precedente, non me estraña que Shin Chan se movese con tanta soltura na nosa tele.

NOTA: A foto roubeilla a Perfecto Conde do seu blog; espero que me desculpe.

Ningún comentario: