A semana pasada morreu Alexandre de Fisterra, o inventor do futbolín. Tardei anos en oír por primeira vez ese nome; na miña terra sempre dixemos "xogar ós ferreiros".
Acórdome perfectamente de cando, onde e como descubrín este invento e do salvaxe que me pareceu:
Foi na taberna de Delia, que estaba fronte á escola onde empezaron a desbrozar a miña ignorancia. Eu aínda non daba a altura da mesa e, desde a miña perspectiva de neno pequeno, o que vía era a dous tipos de cada lado metendo berros e movéndose bruscamente adiante e a atrás. Por iso, a miña primeira impresión foi que o xogo consistía en darlle coa punta da barra no estómago ou nas pelotas ó tío de en fronte, e pareceume cousa de moito mérito atreverse a xogar a iso.
Afortunadamente estaba equivocado, e axiña descubrín que había bólas e que o obxectivo era outro.
Lembro as discusións que había polas normas cando se xogaba algún partido internacional, ou sexa, contra xente doutras parroquias:
- Non vale arrastrar!
- Aquí sempre valeu!
- Os goles “d’arredor” non valen!
- Si que valen!
Tardei en saber que o invento era galego e tamén en coñecer a súa nobre orixe: darlle contento ós nenos mutilados que gustaban do fútbol. Boa causa.
2 comentarios:
futbolín e billarda contra o imperilismo deportivo, un saudo con arrastre incluído ó toupo que fuza!!
Zimmer,
Ergue a copa de augardente polos ferreiros e a billarda!
Publicar un comentario