Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

7.11.06

"pola sin general" e María Mariño

Hai anos tentei ir desde Mondoñedo a Bretoña cun amigo. Case perdidos no medio do monte, preguntámoslle pola ruta a un paisano, e guiounos:

- "Alí abaixo tedes que coller pola sin general".

Matámonos a rir co xeito que tivo de chamarlle a unha estrada secundaria: "sin general".
Non volvín saber nada do paisano nin demos chegado a Bretoña, pero quedoume gravada esa construción.

Agora leo que unha das particularidades estilísticas no galego de María Mariño, a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas é algo parecido: o sintagma formado por substantivo + de + (sen substantivo)

Lumieiro que alumeas con luz de sin farol

...terra de sin pisadas.

Eu nunca me volvera atopar con esa estrutura, pero agora sei do mérito estilístico daquel paisano anónimo.

Daquela non deramos chegado a Bretoña. Anos despois si, e penso que é un claro exemplo daquelo que seica dixo Fernández Ferreiro:
"Este país non ten remedio. Había que tirar con todo e empezar de novo, e aínda así non tería remedio".

1 comentario:

lloytron dixo...

Que curioso!
Que o home que se pensaba inculto non o era,senon que ademais sabía algo de lingua que ti non sabías.