Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

10.12.15

Catalina de Santiso, da lenda á narrativa culta.

Catalina de Santiso: nunca dela oíra falar e ultimamente chégame por carreiros diversos. Non vou contar aquí a lenda, que se pode atopar na rede, pero si que quero referirme a un par de textos literarios nos que se recrea a súa historia.

Cando hai uns meses Aurora García Rivas presentaba Vía muerta, no Cantón de Ribadeo, anunciou que estaba traballando xa na súa próxima novela, inspirada precisamente neste personaxe. A novela xa está na rúa; a Catalina de Santiso da escritora de Santiso está a disposición dos lectores desde hai unhas semanas. Non cadrou aínda, pero espero ser pronto un deles, que sempre un le con especial interese todo o que chega desde o Eo-Navia, tan achegado e tan distante.

Pouco antes desta nova editorial, caeu nas miñas mans un título doutra autora benquerida: E Xoel aprendeu a voar, de MaricaCampo.  Trátase dunha obra pensada para lectores novos, por iso me parece moi apropiada para os grandes –retomo intencionadamente este xeito de denominar os adultos, agora en desuso, como homenaxe a Memorias dun neno labrego, onde Neira Vilas titulou así un capítulo-. 

O capítulo 26 de E Xoel aprendeu a voar titúlase “Tras as pegadas de Catarina Santiso e os namorados da Cova da Serpe”, pero antes, no capítulo 22, os protagonistas len un documento no que se narra a “tristísima historia acontecida naquel castelo no século XVI”, a historia de Catarina de Santiso, virtuosa esposa de Vasco das Seixas, que morreu a mans do seu marido celoso, como sucede tantas veces hoxe en día.


Non sei que pensarás ti do asunto, pero se cadra non era Catarina (ou Catalina) mal símbolo para esgrimir nestes tempos de violencias anovadas contra as mulleres.

Ningún comentario: