Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

12.1.24

Ao sur da liberdade

As angueiras do día a día non me deixaron tempo para falar da novela Ao sur da liberdade, de Xosé Henrique Costas

Sendo sincero, debo confesar que non lin a novela. Ou si. O que non lin foi a versión definitiva, editada por Morgante, pero lin o mecanoscrito que o autor tivo a ben enviarme cando aínda era obra inédita. E ben que me soubo. Agardo poder meterlle o dente axiña á versión editada porque me din que aínda gañou coa cocedura.

Atopei na novela datos que eu descoñecía, porque a nosa historia cóntannola como nola contan e xa vai sendo hora de que se abran portas que nos agocharon. Atopei interesantes reflexións teolóxicas que ignoraba -Disque na versión editada lle meteron un pouco a tesoira porque seica parecían excesivas-. Atopei aventuras que me lembraron as lecturas felices da adolescencia, algo favorecido polas fermosas ilustracións de Heitor Picallo. Atopei un léxico riquísimo, ben acaído ós tempos en que se sitúa a historia, algo que se bota de menos en moitos dos autores actuais... Atopei, en definitiva, unha novela que angaiola tanto polo contido coma pola lingua e polo estilo. 

Ademais, tiven a honra de participar na primeira presentación da novela. Foi xa o 17 de novembro en Ribadeo, nun acto organizado pola Agrupación Francisco Lanza. Dende aquela, foron xa moitos os lugares onde o autor participou en actos similares e cónstame que a obra está sorprendendo e tendo unha magnífica acollida.

Presentación da novela, en Ribadeo

Trátase da primeira novela que publica o amigo Quique, pero os que xa tivemos a sorte de ler outras, estamos seguros de que non ha ser a única, porque hai textos que non poden quedar no caixón dos inéditos.


Ningún comentario: