Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

2.6.22

Tesouros Novo(s) e V(B)ellos

Poetas e músicos en Mondoñedo

O toupo fuza pouco porque o tempo escasea, pero o mundo segue dando voltas e, aínda que sorprenda, hai veces que vira como debe.

En Mondoñedo agroman voces do pasado que din, con sobrada autoridade, que a literatura ten que ter vida prioritaria, que ten que medrar a semente que eles espallaron. Non vaia ser que alguén tome en serio o verso de Cordal:

"Non cres que este val daba un bon encoro?"

[...]

o cabelo dos anxos

daba volta baixo as augas

sobre a roda sen nome de santa catarina

Pero imos librando e seguro que Leiras, Noriega, Cunqueiro e toda a tribo de poetas que alí houbo aplaudiron a presenza na vella cidade do norte, hai cousa dun mes, de Miguel Anxo Fernán Vello, Olga Novo e Xuán Bello. Se lle engadimos a música de Gelría e os versos de xente nova que aviva o lume, xa non hai máis que pedir.

Olga Novo
Miguel Anxo Fernán-Vello
  
Xuán Bello

"Unha Novo entre dous V(B)ellos" dixen eu a xeito de brincadeira e Miguel Anxo tomoume a palabra e repetiuno na palestra. Pero despois de escoitar voces de tanta altura, corríxome a min mesmo e digo

En Mondoñedo, unha vez máis, houbo tesouros Novo(s) e V(B)ellos.

Que Cunqueiro me perdoe o destrozo do seu título. 

Ningún comentario: