Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

20.6.22

Onde estará Silleda?

En xullo de 1926 Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Lois Feixoo, Antón Sánchez, Florentino Cuevillas, Alfonso V. Monxardín  e Xavier Prado realizaron unha viaxe desde Ourense ata o Pico Sacro. Cuevillas e Monxardín uníronse ó grupo en Silleda, a onde chegaron no Castromil; os outros fixeron todo o percorrido a pé. No Pico Sacro xuntáronse con outros amigos chegados desde Compostela, a onde foron despois todos xuntos.

Xavier Pardo fai a crónica da viaxe a partir de notas que foi redactando Risco e publícaa en A Nosa Terra en varias entregas nos números 227 a 235, desde o 25 de xullo de 1926 ata o 1 de abril de 1927, aínda que a primeira non é propiamente a crónica de ningunha etapa, senón unha introdución ás entregas posteriores.

O sete de xullo xuntáronse na casa de Risco para definir o traxecto e o oito comezan a viaxe. O itinerario discorre polo “camiño dos arrieiros”, que pasa polo Carballiño, O Irixo, Vilatuxe, Laro, Silleda e continúa despois pola Ulla cara a Santiago.

Camiño dos Arrieiros ó seu paso por Laro (Mapa: Vuelo Americano, 1956) 

Camiño dos Arrieiros ó seu paso por Laro (Mapa: PINOA, 2017)

Camiño dos arrieiros entre Vilanova e Pazos (Oleiros) [Foto: Lito Andión]

Silleda aparece mencionada por primeira vez no nº 231, do 1 de nadal. Polo que conta o cronista, a etapa deparoulle fermosas vistas, pero tamén moita dureza:

Eran as catro da tarde cando deixabamos a Ponte Irixo, que é a derradeira aldea de algunha importanza na ruta Carballiño- Silleda. 
Coa derradeira casa do Irixo escomeza a serra, brava, adusta, forte e misteriosa, que xa casi vai ata perto de Silleda. 
Ao deixar, pois, O Irixo e rubir á serra, escomezaba pra nós, a parte máis penosa, e a máis seria da nosa pelengrinaxe. Tiñamos inda moitas leguas por diante para chegar a Silleda, mais non tiñamos camiños nin xente que nos indicara se iamos ben.
Afortunadamente, levábamos unha boa carta de ruta, sacada do Fontán, que nos tiña que servir de “brújula” para nos ourentar. 
Non embargante, ao entrar na serra entrou en nosco a preocupazón. Tiñamos que andar moito e ben, pra que non nos collese a noite n-ela. A toda costa, precisábamos chegar a Silleda n-ista xornada, sopena de dormir á intemperie. E isto pra nós non tiña nada de divertido. 

Tramo O Irixo- A Hermida, no mapa de Fontán, que usaron para planificar a ruta

No número 232, do 1º de xaneiro do 27, retómase a situación anterior e continúa detallando a viaxe:

Ás cinco e media chegamos á Hermida do Fondo [...] Esta é a derradeira aldea do Irixo, e tamén da provincia do Ourense: a de Pontevedra escomenza xa na Hermida do Medio, pra que inda temos moito que andar. [...]

A Hermida do Medio no mapa de Fontán

Xa o sol vai quentando menos, cando, logo de moito andar, tocamos o límite das terras ourensáns. Son as sete do serán e estamos no outo da Hermida do Medio. [..]

Seguimos camiñando apresa, e con folgos de abondo pra chegar a Silleda, que xa nos parez que estará a dúas ou tres horas. Ás sete e dez estamos no punto máis outo da serra, camiño do Espiño; marca o altímetro que levamos, 880 metros.
Chegamos ó Espiño ás sete e vinte [...]
Seguimos polo lugar de Castiñeiras, na parroquia de Lebouzán. De eiquí imos á Saborida e Dodeirón (sic) da mesma freguesía. Ás nove e quince estamos en Vilatuxe, desde onde se olla, tamén á esquerda, o monte Chamor. [...]
A Saborida- Lodeirón- Vilatuxe [Mapa: PINOA, 2017]


O Espiño- A Saborida [Mapa: Fontán]
Pasada a divisoria das augas, atopámonos na terra de Trasdeza. Cruzámonos con xentes que nos demandan si por alí vai pasar o tren. As casas son cada vegada meirandes e boas; os albres máis outos e sombrosos, e camiño máis amprio e millor. 

E aquí aparécenos a primeira dúbida sobre os detalles do itinerario. O cronista di que están en Trasdeza, pero a continuación sinala que seguen nos Carballiños (Vilatuxe) e describe con detalle o campo da feira:

Son as dez. Cai a noite, e camiñamos entre lusco e fusco cando pasamos polo campo da feira de Carballiños, que é un lugar fermoso, que é un lugar fermoso, con camiño tan bo coma unha estrada moderna de primeiro orde, eisí é de ancho e de ben pisado. O campo da feira é moi grande, cadrado, arrodeado de casetas moi longas de táboas, todas pechadas e prantado de outísimos carballos e algús castiñeiros que xuntan as ponlas convertindo o campo en fermoso túnel.

[...]

Xa case é noite pecha e índa temos que chegar a unha casa detrás dunha ponte pra tomarmos por ela pra Silleda.

Supoñemos que se refire á ponte da Veiga, onde está o Deza e, verdadeiramente comeza a terra de Trasdeza:

En algús pobos dinnos que estamos pra chegar, mais por moito que andamos a estrada non parez. [...]
De súpeto, o camiño estréitase e escomeza a baixar. Vai de cote entre as somas do arboredo. A noite faise escura e, ás vegadas, nós alumeamos c’unha linterna eléitrica, pra non ter que tropezar.
Temos que ir baixando pra o río, mais andamos e andamos e o río non chega.

Pero desconcértanos de novo a información que lles dá a muller a que se refire o seguinte fragmento:

Chegamos a un lugar, onde nos fala unha muller desde unha casa, mais outa que o camiño, boa e con luz acesa. Dinos que aquelo chámase a carretera, mais debe ser pol-a que imos pisando e non pol-a outra, pois inda temos que andar moito ata que por fin chegamos á ponte, do outro lado da que comeza a estrada que vimos buscando. Hai alí outras dúas casas, unha con parra diante. Botamos a andar pol-a estrada, layándonos de que seia tan de noite, e non pidamos ademirar a paisaxe que debe ser ben fermosa.

Cruzarían, por fin, a ponte da Veiga e estarán en Trasdeza?

Levamos andando moito sen atopar nin casas nin xente. Facemos unha pousa no pretil dunha ponte.

A que ponte se refire? Pazos, se cadra?

As horas van avanzando e nós seguimos anda, anda, anda pol-a estrada camiño de Silleda que cada vez se nos antoxa máis lonxe de nosco. [...] É noite pecha, ben pecha.

A marcha continúa, con poucas referencias e bastante desorientación:

Arboredo grande e sombroso de un lado e d’outro; unha volta tras d’outra sen topar a ninguén. Algunha vegada, o ladrar de un can anuncia que pasamos por onde algunha casa, ou casas. Ás veces se non ven, metidas entr’e o arboredo. Se están â veira da estrada están pechadas e sen luz. De unha vez cruzamos con dous camiñantes. De outra con un só. Dimpois, ninguén. [...]
Xa temos visto ao lonxe as luces de unha vila, mais desapareceron. Ao pouco principiamos a ver outras â dereita. As outras eran â esquerda. De noite non hai xeito de identificalas. O camiñar tórnase xa canso e noxento.

Por fin, algún dato de que o obxectivo está ó alcance. Aínda que tamén xorden as dúbidas sobre se Silleda será unha vila que se move, coma as illas Gutor, Babarón e Trapobana, das que nos fala Cunqueiro no Sinbad.

Por fin hai casas con lus â veira da estrada. N-unha síntese falar; petamos na porta e sainos ao corredor unha muller; preguntamos o que falla pra Silleda; dinos que dúas legoas. Volta a andar. Non falta de nós quen pese si seremos xoguete de un engano do trasno, e que Silleda, a cada volta afasta máis de nós. Casos de istes teñen pasado e non hai boyeiro, nin carreteiro, nin arrieiro que non seipa de algún que lle pasou a il. [...]

Máis cans. Máis carballos. Sons e paisaxes que se repiten:

E andamos e andamos. Novas casas anonciadas pol-o ladrar dos cás. Adiante. Arboredo de un lado e d’outro. O camiño agora rube. Coidamos que vencida a costa, e chegados ao lobro, atoparemos Silleda; máis non. Voltamos a baixar, e non ollamos ren. Hai á dereita, ao principiar a baixada, unha chea de albres decotados, de feitío pantasmagórico, destacando sobre o ceo. A baixada alóngase e o noso paso faise xa apurado de máis. Baixamos e baixamos e Silleda non parez nin ao lonxe, cando entre o arboredo dos lados hai algún craror.
A estrada de cote silandeira... Onde estará Silleda?

 

Será a baixada ó río da Mera a que se cita no fragmento anterior [Mapa: Fontán]

Despois de tanto desespero, de máis árbores, o cronista introdúcenos unha descrición que había valer para situalos se coñecésemos a paisaxe daqueles anos nas proximidades de Silleda:

Chegamos a unha gran renta, unha perspectiva versallesca, entre dúas ringlas de outos albres. Á esquerda hai un valado novo de pedra, con postes de unha gran finca. Camiño longo, longo, longo... Logo torce, e outra renta igoal. Andamos e andamos e semella que non saímos dun sitio [...]


Serán estas as carballeiras que atravesan antes de chegar a Silleda?
[Mapas: Vuelo americano (1957) e PINOA (2017)]


Por fin, a poder de moito andar, óllase aló no fondo unha luz brillante, eléitrica, con seguranza. Andamos e pasamos diante de un pau con luz coma os da vía do tren.
Alá lonxe hai outra. Andamos. Cruzamos un camiño imitante a un paso a nivel. Parez que imos chegare a unha estación do tren. Andamos e andamos. Por fin estamos en Silleda; alá está a estrada de Ourense. Chegamos a ela e atopamos ó Sánchez e a Risco, sentados nun banco de pau e ferro diante de unha casa. Nós sentámonos tamén. Descanso que ben merecemos dimpois de seis legoas de camiño.
É a unha da madrugada.

O fragmento anterior fainos dubidar sobre por onde entraron en Silleda. A alusión ó “paso a nivel” ten que ser unha percepción errónea, porque o ferrocarril Santiago- Ourense inaugurouse en 1958, e non cremos que a vía estivese en obras xa 1926.

O certo é que os nosos camiñantes, por fin, chegaron a Silleda e o cronista conta que non lle foi doado atopar pousada. Á unha da mañá aínda non tiñan onde durmir, todo estaba pechado e non sabían onde estaban as pousadas. Salvounos un arrieiro que lles axudou a buscar onde pasar a noite e incluso se lles ofreceu, se non atopaban cama, a acollelos na súa casa porque, segundo cita literalmente o cronista: “Eu non sei quen son, mais sexan quen sexan, máis ladrós ca min non han ser”.

Finalmente durmiron na de Trabazo e ó día seguinte ben entrada a mañá do día dez de xullo, erguéronse e no comedor redactaron a maior parte da crónica da viaxe. Xantaron en compañía dunha mestra natural de Toral de los Vados que poñía escola cerca de Silleda, durmiron a sesta mentres agardaban a Cuevillas e a Monxardín, que viñan no Castromil, pasadas as seis da tarde continuaron camiño en dirección a Ponte Ulla, etapa que o cronista denomina “curta e sen importanza”, pois dada a hora que era non se achegaron a Carboeiro. Fixeron parada en Chapa onde recolleron caravillas que “teñen por esta terra a chapa de ferro rematada n-unha cruz”. Ademais di que “as partes das casas están moitas d-elas recubertas de chapa de zinc cravada, c’os cravos ben dispostos”. Polo que contan, víase moita chapa en Chapa.

Despois beberon gasosa na Bandeira, pasaron xa con noite pecha por Orazo, “onde hai unha fábrica de campás”, e chegaron ás once da noite a Ponte Ulla, onde cearon chourizos, ovos, “bon viño da Ulla con agulla e molete de Sat-Yago” e durmiron nunha pousada de arrieiros a carón da igrexa.

Ó día seguinte remataron o traxecto ata o Pico Sacro, onde se xuntaron con “queridos irmáns de ideal” chegados desde Santiago, a onde volverían todos xuntos.





[Distintos tramos do camiño no mapa de Fontán]


NOTA:
Despois de que redactase este artigo, coméntanme que alguén estudou xa o trazado da ruta e que os camiñantes, despois dos Carballiños (Vilatuxe) foron por Barcia, Gresande, Mato (Cristimil), Prado, a Ponte Taboada e desde alí cara a Silleda.

Sen máis datos, non me convence ese trazado, a non ser que se perdesen. O cronista di que usaron o mapa de Fontán e nesa carta xeográfica, como se pode comprobar na última imaxe, vese perfectamente o camiño dos arrieiros polo Pereiro (Laro) e Oleiros. Pola contra, non hai absolutamente nada que indique a ruta por Barcia, Cristimil e Ponte Taboada.  

No texto da crónica, tampouco hai nada que faga pensar que a viaxe fose por Ponte Taboada. O único, unha alusión que se fai a algo que parecía unha estación de tren, pero ten que ser unha percepción errónea porque en 1926 non existía a estación do tren de Taboada.

Agradezo máis datos.

 

Ningún comentario: