Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

7.3.21

Wolfram, wolfram!

Portada de ¡Wolfram, wolfram!

De pequeno, eu lía novelas do oeste e escoitaba historias do wolfram nas minas de Fontao. A diferenza non era moita: tanto nun caso coma no outro, as relacións humanas non se asentaban en documentos e a vida dunha persoa dependía de se o seu nome estaba escrito no ronsel dunha bala ou no gume afiado dunha navalla.

Despois, as historias do oeste trasladáronse máis ó oeste e o tabaco e a droga foron o novo ouro negro. A partir dos 80, lin unhas cantas novelas sobre este novo territorio comanche con epicentro no mar de Arousa. Pola contra, pouca literatura coñezo sobre o wolfram.

Hai pouco, atopei nunha librería de vello ¡Wolfram, wolfram!, de Carlos Caba. Resultoume moi atractivo o subtítulo, “La diplomacia en la bocamina”, aínda que despois a diplomacia escasease nas páxinas.

Atopei, iso si, escenarios coma os das historias que oía de pequeno: Fontao convertido nun salvaxe oeste onde os cartos circulaban a feixes nos tugurios da zona, identidades sempre sospeitosas, xente que se achegaba sen que ninguén puidese saber se tiña contra si a suave pel dunha tentadora meretriz ou a invencible man de ferro dunha espía nazi.

Oín, nunha ocasión, que nas tascas da Brea había quen lle limpaba as babas ó can con billetes de mil pesetas naqueles anos 40 do pan mouro, da fame. Anos despois, xa nos 90, coñecín en Lugo o dono dun concesionario que, ó ver “Silleda” na documentación do meu coche, díxome que no estraperlo do wolfram gañara el todos os cartos para montar o seu primeiro taller.

Carlos Caba, o autor do libro que me trae á cabeza todas estas lerias, seica foi un policía medio aragonés medio estremeño que estivo daquela destinado na zona, loitando contra o estraperlo do wolfram... ou implicado nel, calquera sabe. A novela publicouse no 47 en Bos Aires. Daba para un thriler rural deses que tanto se estilan ultimamente.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Nesa temática tamén vai A balada do wolfram de Fariña Jamardo que, se non estou mal informado, foi secretario do concello en Vila de Cruces. Literariamente moi frouxas pero reflicten os tempos da Brea. Saúdos

Anónimo dixo...

Si. Graciñas polo comentario.
Coñezo o título da novela de Fariña Jamardo, pero non a lin.
Neste enlace cítanse algunhas máis: https://laboratoriodeecocr.wixsite.com/ecolab/single-post/2017/03/21/influencia-del-wolframio-en-la-literatura-gallega