Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

15.6.17

A praia das Catedrais na literatura galega

Un día que viña o aire a favor inventei unha materia sobre literatura clandestina. Cousas da LOMCE. Non é que trate de literatura ilegal; chámolle clandestina porque traballamos sen papeis, como lle sucede a moita xente que sobrevive na vella Europa.

Bauticeina como Literatura galega e sociedade porque había que buscarlle un nome que aceptasen no rexistro civil das autoridades, pero en confianza denominabámola así: Literatura galega clandestina. Outras veces iamos máis alá e atreviámonos con Literatura galega para ateos, porque a materia é alternativa á Relixión.

Ana, ManuelClaraMateo, Irene, RamónMaría e Simón foron os atrevidos que riscaron esa opción no impreso da matrícula do 2º de BAC que hai pouco rematou. Tratei de levalos polos camiños que unen a literatura galega co cine, coa música, coa fotografía, co audiovisual, cos novos medios de difusión, mesmo con outras artes como a escultura ou a pintura. Tamén viaxamos á inversa e crearon booktrailers, preciosos textos literarios a partir de imaxes, etc. E fixérono fermosamente.

Rematamos o curso cun traballiño sobre a presenza da praia das Catedrais na literatura galega. Fomos xuntando as pezas do puzle e despois Tania púxolle o ramo á obra cunha magnífica montaxe. Penso que ben merece a pena que se lle dediquen uns minutos, sen esquecer o remate, onde se pode comprobar que, ademais de aprender, pasámolo ben:

Non sei cales serán os camiños futuros desta materia, pero gardarei sempre na memoria o recordo desta primeira promoción, con quen tan a gusto me sentín.

Ningún comentario: