Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

27.8.15

Unha metáfora do galego nunha praza de Bruxelas

Pedrafita doada pola Xunta de Galicia, nun parque de Bruxelas
Este verán estiven algún tempo en Bruxelas e noutros lugares de Bélxica. É divertido, porque hai moita xente estrada polo chan bebendo cervexa e, ademais, en Bruxelas un pode ver cousas que aquí xa non se permiten porque seica as prohibe Bruxelas. Pero non vou enredar agora con esas lerias.

Tamén atopei un fósil dos tempos de Fraga. Nunha pequena zona axardinada deixoulle espetado un menhir coma os que hai cerca da Torre de Hércules da Coruña.

Eu imaxino que un día de 1999 chegou Don Manuel ás alancadas co pedroulo ó lombo, vestido de Obelix, chantoullo na herba e díxolles:
-Aí queda iso!
Despois marchou correndo sen despedirse. Detrás foi alguén e puxo unha placa de mármore, que era o que se levaba naquela era, para explicar un pouco a cousa. 
"Dobre placa" conmemorativa, ó pé da pedrafita de Bruxelas
Non sei por que, pero alguén rachou a placa e resulta que por debaixo hai outra case igualiña. O texto, redactado en catro idiomas, di na versión galega: 
Esta pedrafita, antergo símbolo solar, dedicada ó Peregrino anónimo, ha sido doada pola Xunta de Galicia e erixida no punto de encontro e de saída dos peregrinos cara a Santiago de Compostela. 
Digo que son case igualiñas porque entre as dúas placas hai un par de diferenzas:

Ese "ha sido doada", que tanto manca o oído, non está na placa de abaixo, onde, polo que se ve, a versión galega estaba redactada con corrección.
Fragmento onde se poden ver as diferenzas da placa inferior.
Ademais, pódese observar que na de abaixo a orde dos idiomas era castelán, galego, francés, neerlandés, mentres que na que está superposta o galego pasou para o fondo de todo.

A min o asunto paréceme unha metáfora da situación do galego: cada vez máis deturpado e máis relegado.

1 comentario:

paideleo dixo...

Boa metáfora.