Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

21.1.14

Un texto esquecido de Manuel María

[SE CADRA INTERESA VER NOTA A FINAL ANTES DE COMEZAR A LER]

Segundo un autor vai deixando atrás anos e libros, vai aumentando a posibilidade de que algún editor queira publicar a súa Obra Completa, posibilidade que medra bastante se ó autor lle dá por morrer.

Cada caso é cada caso, pero se algo teñen en común as obras completas de todos os autores é que nunca están completas. Por moito interese que poña o recompilador, sempre ha de haber algún texto disperso que se lle escapa.

Manuel María non foi unha excepción. En 2001 Espiral Maior publicou a súa Obra poética completa (I e II), pero non inclúe todos os seus textos. O autor chairego faleceu no 2004, polo cal é é moi probable que el mesmo revisase a edición e que o feito de deixar fóra algúns textos fose unha decisión persoal consciente. Tamén pode ser que, tendo en conta a súa enorme fecundidade creativa, nin el mesmo conservase todos os poemas, especialmente os que se publicaron en revistas e non chegaron a editarse en formato libro.

Hai algúns anos chegou ás miñas mans un deses textos de Manuel María que non está na súa Obra poética completa, e aínda que xa o teño divulgado entre o meu alumnado e tamén nalgunha rede social, desde hoxe vouno deixar no meu blog para que se difunda urbi et orbi, que ben bonito é e ben merece saír do tobo no que está abandonado.

Trátase dunha separata numerada do nº XI de Papeles de Son Armadáns (febreiro de 1957), a revista que dirixía Camilo José Cela en Palma de Mallorca. En concreto, é o nº 40 dunha tirada de 50 exemplares. Nunha ocasión, tiven oportunidade de ensinarllo ó propio Manuel María e confesoume que nin el mesmo o conservaba.

A separata inclúe unha tradución do texto ó castelán feita por M. T., coa autorización do propio Manuel María. O poema vai dirixido a unha moza que está lonxe, porque a bota de menos. Trátase, seguramente, de Saleta Goi, a quen coñecera en 1956 e coa que casaría no 59. A sensación de ausencia acentúase pola presenza do outono, unha estación á que Manuel María lle prestou bastante atención nas súas composicións, ata o punto de dar título a un libro, no cal non sabemos se está incluído o texto ó que nos referimos. Outono, distancia, soidade...
Un no Outono non debe chorar pra non matarse.
Camilo José Cela nunca demostrou moito interese pola nosa lingua, pero sería inxusto non recoñecerlle que, xa nos anos 50, deu cabida na súa revista a autores que escribían en galego (Celso Emilio, Manuel María, Neira Vilas, ...) e a reseñas de libros galegos publicados por Galaxia. Seica o de Padrón morreu sen ver cumprido o seu desexo de que se coñecese ese seu apoio á cultura galega, segundo nos conta Carlos CasaresÁ Marxe” o 18 de xaneiro de 2002. Supoño que o prematuro falecemento de Casares impediu que chegasen a publicarse eses papeis que unha bolseira fora recompilando na Fundación Cela.

Máis nada, que o que importa é o texto de Manuel María. Velaquí o deixo:







NOTA POSTERIOR:
Xusto é recoñecer un erro e agradecer a corrección que nos fan: comunícanme que o poema si está na Obra Completa porque se publicou en libro nos anos 60, pero desde a Fundación Manuel María indícanme que descoñecían que saíse anteriormente en "Papeles de Son Armadáns". Quede polo tanto esa pequena achega e o poema para quen queira desfrutalo




Ningún comentario: