Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

7.1.14

A invernía das palabras

Hai uns anos entrei nunha tenda irlandesa na que vendían os típicos recordos que se levan e despois estorban na casa. Entre todos os produtos, chamoume a atención que vendesen palabras escritas nunha especie de azulexos.

Si, eran palabras en irlandés, sen máis, unha por cada cadro. Supoño que se trataría de vocábulos en desuso ou deses que sempre aparecen nos listados de palabras fermosas cando toca poñerse melancólicos.  

Pareceume algo triste que alguén teña que pagar para ter cerca de si palabras que deberían formar parte da súa vida diaria, pero tampouco me sorprendeu a ocorrencia porque ben sei que hai palabras que morren cada día sen que ninguén as bote de menos nin rece por elas. Ata hai quen se empeña en acabar de rematalas.

Non dixen nada porque ó paso que imos non descarto montar un día un tenderete para forrarme vendendo palabras galegas pintadas en lousas. Palabras coma esas que Marilar Aleixandre chamou “descarreiradas” nun dos seus relatos. Xa sabedes: vagalume, bolboreta, ledicia, agarimo, ...polbo.

Acordeime daquela tenda irlandesa este nadal, cando vin na Estrada un escaparate dunha zapatería onde había pratos con palabras galegas relacionadas co inverno estrados no medio do calzado. Ben feito!, que neste triste país moita xente xa nunca di neve nin néboa e descoñece totalmente xiada, xistra e outras invernías.



Ningún comentario: