Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

14.1.14

Ribadeo na "Antoloxía consultada de poesía galega" de Arturo Casas

Lin ultimamente a Antoloxía consultada da poesía galega (1976-2000) de Arturo Casas, que a un tamén lle gusta de vez en cando que lle dean as fabas escollidas. Tivera o libro varias veces na man, pero sempre me pesaran demasiado as súas setecentas e pico páxinas. Desta vez fixen músculo e lino de cabo a rabo.

Ben sabido é que nas antoloxías uns pasan para dentro e outros quedan fóra e a criba nunca se fai a gusto de todos. Niso, a poesía non é tan distinta ó fútbol, onde o equipo deseñado polo adestrador nunca cadra co de cada un dos os seareiros. Con sermos conscientes diso, problema resolto.

Nesta ocasión, o adestrador Arturo Casas quixo darlle voz ós seareiros e artellou unha antoloxía consultada, ou sexa, non foi el quen fixo a escolla ó seu gusto, senón que pediu a opinión de 200 persoas vinculadas dalgún xeito co asunto (autores, editores, críticos, profesores, ...). A cada un deles pediulle que elaborase un listado cun máximo de quince autores de poesía galega e outro cun máximo de dez libros. Fixeron os deberes máis ou menos a metade dos especialistas ós que se lles pediu colaboración.

Luz Pozo Garza
Despois de facer o cómputo de todo, Arturo Casas elaborou tres listados: un cos autores máis votados, outro coas obras  máis citadas e elaborou unha terceira lista coa suma da presenza dos autores na relación dos títulos, porque non ten por que haber relación directa entre as dúas listas anteriores, xa que un autor pode aparecer citado sen que se escolla ningunha das súas obras, igual que pode aparecer con máis dunha, e unha obra pode aparecer entre as preferidas, sen que, globalmente, o autor se considere con méritos para aparecer entre os escollidos.

Se observamos as tres seleccións, vemos que en todas hai representación porcentualmente importante de autores vinculados dalgún xeito a Ribadeo, xa que Xavier Rodríguez Baixeras e Luz Poz Garza  están sempre presentes.

Xavier Rodríguez Baixeras
No primeiro listado, Xavier R. Baixeras é o 4º autor máis mencionado, só por detrás de Ferrín, Álvarez Cáccamo e Avilés de Taramancos. O 7º posto ocúpao Luz Pozo Garza, separada de Baixeras por Pilar Pallarés e Uxío Novoneyra.

No listado de obras, Códice Calixtino de Luz Pozo ocupa o 6º posto, precedida só por Con pólvora e magnolias (Ferrín), Herba aquí ou acolá (Cunqueiro), Estirpe (Ferrín), Livro das devoracións (PIlar Pallarés) e Cantos caucanos (Avilés de Taramancos). No posto 19 sitúase Fentos no mar de Xavier Rodríguez Baixeras e o listado das 25 máis mencionadas péchase con outra obra de Luz Pozo: Prometo a flor de loto.


No tercero listado, o que fai unha lectura sumatoria dos autores na relación dos títulos, Luz Pozo sitúase no 7º posto, seguida inmediatamente por Xavier Rodríguez Baixeras. Por diante deles, só Ferrín, Avilés de Taramancos, Cunqueiro, Pilar Pallarés, Xosé Mª Álvarez Cáccamo e Chus Pato.

Habería que mirar con calma as xeografías dos 25 autores que compoñen cada un dos listados de nomes e as dos autores das 25 obras máis citadas, pero non creo que ningún concello do tamaño de Ribadeo teña tanta presenza.

Sei que non se trata máis ca de estatísticas que son o resultado obxectivo de escollas subxectivas, pero ben orgullosos debemos estar os que por aquí habitamos de estar tan ben representados.

Ningún comentario: