Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

21.4.13

"A Veiga de Ribadeo": cen anos dun poema

Tal día coma hoxe, 21 de abril, remataba hai cen anos Antolín Santos Mediante o seu longo poema A Veiga de Ribadeo.

Como non me sinto capaz de escribir sobre o tema mellor do que outros o fixeron xa, e encima teño o día algo nugallán, remítome ás palabras dun par de amigos:

Quique de Roxíos, que desde a distancia mantén acesa a chama da ilusión por darlle vida á lingua e á cultura da súa terra, publicou no seu blog un magnífico traballo sobre este acontecemento e, de paso, recordou unha vez máis moitos nomes que non se deben esquecer.

Xoán Babarro é o autor dun caderniño publicado na súa autoeditada colección Samamede sobre o poema que hoxe cumpre cen anos. O traballo publicouse tamén en La comarca del Eo o día 30 de marzo deste ano. Para facilitar a lectura, copio aquí o texto, tal e como el mo remitiu:

Literatura galegoasturiana
Centenario d’A Veiga de Ribadeo de Antolín Mediante
(1913-2013)
Por Xoán Babarro González

Este ano en que estamos celebrando o cento cincuenta aniversario de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, obra clave do Rexurdimento da nosa literatura, tamén se cumpre o centenario d’A Veiga de Ribadeo de Antolín Santos Mediante Ferraría (Taramundi, 1880 – Piantón, 1944), un autor que se prodigou en Las Riberas del Eo, La Comarca, Brisas del Eo, Ecos Vegadenses e outros periódicos comarcais.
Xa coñecido en 1912 pola súa poesía de carácter popular relacionada con festas e romarías (“O Santiago de Abres”, “O Homenaxe a Veiga”, “A Virxen do Conforto”, “A Festa do Xuio”…), é ao longo de 1913 cando se vai afianzando como escritor representativo do occidente asturiano, con títulos como “Aires enxebres”, “Seguidillas”, “Como cantan os cegos” e mesmo o que leva por título “Das festas de Ribadeo”, onde dous labregos conversan sobre a exhibición aeronáutica que se programou na vila en setembro do devandito ano.

[...] Ruando por entre as nubres
estuvo, ¡que sei o tempo!,
en feguras, requiveques,
voltas e caracoleos,
como ríndose talmente
das mismas barbas do vento [...].

Entre esa produción salienta dun xeito especial A Veiga de Ribadeo, que aparece cincuenta anos despois da mencionada obra rosaliana. O longo poema, 298 versos, unha loa á vila asturiana e ás súas “Feiras e festas de Pentecostés”, remátao en Sante (onde daquela Santos exercía como mestre), con data 21-4-913, en recordo das primeiras feiras, as de 1912, e como prólogo das segundas, que terían lugar do 11 ao 13 de maio.

[...] A Veiga de Ribadeo,
vila nobre, hospitaleira,
vila frorecente, próspera,           
vila sin par en espréndida,
vila rumbosa, sonada,
á redonda en muitas leguas,
vila inquieta e buliciosa,
vila que é de vilas reina,               
rico diamante engarzado
en dúas rexiós xemelas,
Asturias e mais Galicia;
vila, en fin, das escolleitas
polo ben que está situada;         
por alegre e pracenteira;
polas gaiospeiras mozas
que nunca faltaron nela;
porque na maina corrente
de Eo e Suarón se refresca. [...]

O texto, publicado en dúas entregas, espallouse polas dúas bandas do Eo e supoxo o recoñecemento do poeta e a consolidación do Rexurdimento no occidente do Principado con autores asturianos.  Das moitas gabanzas que recibe fixámonos nas procedentes do mundo da literatura, en particular na do veiguense Federico Magadán Vidal, que dá a coñecer en maio o soneto “Gratitú”:

[...] Cantache ben, poeta, e de por vida,
deuda de gratitú, deuda sagrada,
contigo ten A Veiga contraguida.

Ela cha pagará sin que eu yo pida,
que tanto como nobre e como honrada,
A Veiga sempre foi agradecida.

Ao que responde Mediante cos sesenta versos de “Correspondendo a unha fineza”:

[...] ¿Como pagarei honor
tan comprido, tan redondo?;
non podo, se non dun xeito                                       
que me sai barato abondo.

 Dándolle ó vate i á vila
que nel pra honrarme delega
unha fanega de gracias
pola medida gallega.      

Xunto ao diálogo poético entre Santos e Federico habería que considerar textos doutros autores que, sen mencionaren a composición hoxe centenaria, si teñen como referente para as súas pullas as citadas feiras, xa que a súa organización estivo rodeada de certo escándalo. As loas dos simpatizantes da Veiga contrastaban coas críticas, a ridiculización do evento, así como as sátiras contra o alcalde, onde aflora a pugna dos chamados “novos” do Partido Reformista contra os “vellos”, difundidas desde o periódico Castropol por aqueles que seguían defendendo as sonadas feiras da Silvallá, como facía Farruco, seguramente o castropolense Ramón Ignacio García González, o 10 de maio, nunha poesía titulada “Un sono”, na que recrea como o alcalde veiguense soña o descalabro das súas feiras fronte ao triunfo das de Silvallá:

[...] Por aquí, por alí, montois de xente
dos montes descendían por as faldas,
vían todos alegres, churrusqueiros,
con potros i cabalos de gran talla. [...]
Chegaron arrogantes, ordenáronse,
pasiaron a fachenda por a plaza;
con guantes i chistera i macferlán
acercóuseyes el a dar as gracias,
pero un delos, alzando unha bandeira,
gritouyes aus demais “¡A Silvallana!”
¡I a galope tendido, os puñefleros,
saliron, fendo burla i algazara!

Outro eloxio que queremos salientar é o de Amador Vázquez (mestre de Couxela, que máis tarde sería director de Brisas del Eo). Publícase no mes de novembro, cando, ao parecer, aínda non sabía quen se escondía detrás dun dos pseudónimos máis utilizados por Santos. Vázquez valora o seu mérito literario e afirma que “en las poesías d’o poeta de tres o carto hay mucho y bueno; están escritas por una imaginación viva, fecunda [...]” ao tempo que lle pide unha sinatura máis acorde coa súa talla literaria.
O futuro mestre de Piantón contéstalle o 14 de decembro cun longo artigo onde se sintetizan os motivos fundamentais da súa musa e onde se declara “un mero aficionado a la rima gallega, esa rima tan armoniosa como preterida y olvidada, esa rima en la que no se desdeñaron de lucir los primores de su ingenio vates de tan alto vuelo e inspiración como Añón, Lamas Carvajal, Curros Enríquez [...]”. Antolín, que acabaría colaborando tamén en Brisas del Eo, dedicará en 1918 á morte de Amador a sentida elexía “¡Luitosa!”:


Quen imaxinar puidera,
caro amigo e compañeiro,
que do teu corpo fixera
tan axiña pudrideiro
a Parca implacable e fera.

Que a luz do teu craro espritu
esmorecerse xa iba
neste desterro maldito,
pra con craridá máis viva,
brilar no reino infinito.    [...]

Os escritores galegoasturianos, durante tanto tempo “preteridos y olvidados”, foron degrañando as súas creacións na funxible prensa comarcal e iso condicionou o seu coñecemento a nivel de toda Galicia e mesmo a visibilidade na propia Asturias dunha literatura autóctona de expresión galega. Desde unha óptica actual, cunha visión máis panorámica do século XX, podemos afirmar que 1913 resulta a primeira data significativa para o rexurdir literario das comarcas de entre o Eo e o Navia. 



Ningún comentario: