Aínda
que neste blog teñen habitual presenza os libros e as letras, xa teño
manifestado noutras ocasións que a min do que me gusta falar é de temas serios
e verdadeiramente intelectuais, por exemplo… de fútbol. E iso farei hoxe.
Tiven
hai pouco a honra de presentar a Carlos Lomas no transcurso das xornadas
Abordaxe integral da violencia de xénero no ámbito local, centradas este ano no
tema Violencias simbólicas, violencias invisibles.
Foi
un pracer descubrir o seu labor e resultoume enriquecedora a súa intervención,
tanto polo contido como por observar como coida con esmero todos os detalles: a linguaxe, os recursos
audiovisuais que utiliza, os aspectos técnicos, etc.
Con
todo, hai un elemento da súa ponencia co que non concordo: as excesivas alusións ó mundo do
fútbol como referente negativo para contrapoñelo ós valores desexables na
sociedade.
É
algo que sucede con frecuencia. Xa empezo a pensar que cos futbolistas pasa
coma cos funcionarios, que apandamos con todas as culpas do universo coñecido e
descoñecido. É evidente que o fútbol se soe vencellar ó mundo dos homes e ós
seus comportamentos máis negativos, pero creo que pode ser interesante tratar
de darlle a volta e convertelo nun
instrumento para transmitir valores desexables, polo menos no eido educativo.
Tendo
en conta a posición privilexiada que ocupa o fútbol nos intereses dos nosos
adolescentes, non vai resultar doado que renuncien a iso nin vexo por que, a
priori, teñen que facelo. O fútbol é deporte. Pois sendo esa a realidade, o mellor é tratar de facérmonos
donos estratexicamente dese centro de interese e resaltar as súas
potencialidades positivas, que as hai: os modais de Guardiola, o seu respecto
cara ó rival, ó que sempre trata como adversario pero nunca como inimigo; os
microrrelatos e outras iniciativas literarias de Juan Pablo Sorín; o labor humanitario dalgúns futbolistas de elite procedentes de países subdesenvolvidos
que, con máis ou menos acerto, tratan de salvar da rúa a nenos compatriotas
condenados ó analfabetismo e á miseria, …
Entre os futbolistas hai cabezas tralladas, coma en todos os colectivos, pero hai
tantos e tantos xestos modélicos dentro
dun campo de fútbol que non entendo porque sempre se teñen que resaltar
comportamentos reprobables que, na maior parte dos casos, son sambenitos que se
lle colgan ós futbolistas sen que propiamente lles correspondan.
O
anuncio de Coca-Cola no que un neno aparece chutando cabezas de bonecas contra
o radiador non é idea nin responsabilidade de ningún futbolista senón dun
publicista. Os titulares bélico-deportivos que a diario aparecen na prensa
deportiva non os redacta un futbolista senón un profesional da comunicación
escrita. As expresións agresivas ou violentas relacionadas co fútbol saen máis
veces da boca dos afeccionados que presencian o partido na grada ou no bar ca
dos propios futbolistas. A perenne amnistía fiscal coa que se agasalla ós equipos de fútbol é decisión dos gobernantes, non dos
futbolistas.
Aínda
así, non se transmite unha idea negativa dos publicistas nin dos xornalistas nin
de canto colectivo profesional senta diante da TV ou nas bancadas e desafoga
alí os seus instintos máis salvaxes. Quen apanda coa mala imaxe pública son os
futbolistas, converténdoos en referentes dun mundo insolidario, machista, violento e
agresivo do que eles en realidade, moitas veces son máis vítimas ca culpables.
No
proceso de formación polo cal se lle aprende a un neno a golpear o balón
correctamente, a gañar a posición para disputar un balón de cabeza con vantaxe,
a facer un desdobramento, unha cobertura, un desmarque de ruptura ou unha diagonal, tamén se lle pode
aprender a ser solidario cos compañeiros, a ser puntual e disciplinado, a convivir con
normas, a coidar os hábitos alimenticios e, o que é máis importante, a respectar o
adversario, o público, o árbitro... Porque quen aprende a respectar como persoa
a quen ten en fronte nun campo de fútbol, respectará tamén a persoa que teña ó
lado na barra dun bar, na cola da panadería ou na area da praia, sexa home ou
muller.
A
imaxe visual do fútbol, cando se presente como referente negativo, se alguén
teima en facelo, ten que deixar de ser un balón ou un futbolista dando un salto espectacular detrás dun coiro redondo. Debería ser, en todo caso, unha tasca atestada de fanáticos alborotados fronte a un televisor ou unha grada de exaltados
entre os cales hai taxistas, maquinistas, chapistas, dentistas, publicistas, docentes,
discentes, carniceiras e carniceiros, panadeiras e panadeiros, enxeñeiras e enxeñeiros, catedráticas e catedráticos, curas e… curas, ... O que non abundan, seguramente, son
futbolistas.
Seguir
poñendo unha pelota diante dos ollos da xente cando o que queremos é que se
visualicen comportamentos incivilizados de profesionais de variopinta orixe
non é xusto. Que os futbolistas, coma os funcionarios, tamén teñen os seus
corazonciños.
2 comentarios:
E xa postos a resaltar, déixame dicir que Guardiola fala en catalán, na súa lingua. E que o fútbol é un deporte no que é fundamental traballar en equipo, no que é o equipo non o individuo (aínda q iso sexa o q nos tentan vender, individualizando ás figuras millonarias) Encantoume o artigo (e iso q non me gusta ver o fútbol, quizais pq mo impoñen, e todo o que me veña imposto "arreguiza")
De acordo en todo, Suso, pero falas coma se o fútbol fose impopular... E é xusto o contrario, é un espectáculo de masas, non lle fai falta ninguén que o defenda. De feito, parece que non existen máis deportes que promocionar. É dicir, que a súa mala fama nalgúns ámbitos é o prezo que teñen que pagar por gustarlle ó resto da xente (é dicir, todo quisqui). Chuchos.
Publicar un comentario