I
Vai andando o mes de outono e levo uns días vivindo na praia, coma quen di. Non lembro en todo o verán ningún día no que gozase tanto coma hoxe coa temperatura exterior e coa da auga. A min paréceme que tanta anormalidade non pode ser posible e xa empezo a pensar que todo se debe a un erro de imprenta: seguro que un tipo se equivocou ó imprimir os almanaques e que hoxe é 2 de agosto.
Sexa como sexa, isto moi normal non é, pero moito gusta.
II
Pola mañá, nunha terraza, cunha calor que caían os paxaros, daba eu conta dun café con xeo e prestaba atención a unha conversa na mesa do lado:
-Lea, é moi importante para este bar que ti non rompas o cinseiro co que estás xogando.
Lea era unha nena feitiña, dunha idade que non acerto a concretar, pero que case cabía de pé debaixo da mesa en torno á cal súa nai e dous adultos máis charlaban amigablemente. Non os coñezo de nada. A conversa tiña lugar toda ela en castelán, aínda que por dúas ou tres veces usaron, intercalado, algún léxico asturiano.
Pero cada vez que a nai se dirixiu a Lea, fíxoo sempre en exquisito galego. O certo é que me sorprendeu un pouco a elaboración do enunciado para dicirlle á nena que tivese coidado para non romper o cinseiro ou para explicarlle que un señor se alporizara porque un coche non se detivera no paso de peóns cando el estaba cruzando, pero tamén me sorprendeu que fose unha nena a que dese pé a que o galego se oíse naquela mesa de vez en cando.
Sorprendeume porque –tristemente- moi habitual non é, pero moito gusta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario