Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

2.5.10

Máis vidas

Un galo vello sábese decadente pero vánselle os ollos por unha pita nova de paso que envexa un galo novo que as ghala a todas; tamén se alegra da morte a coitelo deste o día da festa. Un vagalume comparte regueiro cun vello pescador e cunha cobra de río. Sapo e sapa van de paseo. Un ourizo cacho morre estripado no asfalto coma tantos outros... Pequenas historias de animais. Máis vidas que transcorren á nosa beira cada día e nas que non reparamos. Máis vidas.

A linguaxe de Pintor, sempre viva e rica, lévanos desta vez ó detalle inadvertido, ó cotián, a un mundo co que convivimos e que non vemos. Ten algo de xogo, algo de brincadeira, pero animaliños somos todos, así que a cousa é máis seria do que parece.

E por se non quedase claro, ó final de cada historia o autor baixa do mundo da literatura e pon os pés no chan; difícil acrobacia que xa ensaiara con éxito en A tribo sabe. Ó final de cada historia espéranos a realidade: as cabeciñas do odio que lixaron as Azores, o dólmen dos Muíños ó que lle roubaron o nome, Primo Castro que agarda os tempos da memoria, o poeta que sangra, que non sabe o mundo canto doe o amor, que non o sabe.

Máis vidas.
P.S: Hoxe pola mañá escribía eu este post e agora acabo de saber que unha rúa de Cangas vai levar o nome de Vázquez Pintor. Ben me alegro por esa merecida homenaxe.

3 comentarios:

Unknown dixo...

Teño debilidade por Vázquez Pintor. Recoñezo que me custou ler 'A memoria do boi', non poeque non me gustara, senón polo vocabulario e o seu estilo literario, que me facían avanzar a modiño.
Para min é xunto a Luis Rei Núñez un dos poucos escritores galegos actuais que ten unha voz propia.
Non sei se metestes a algún dos dous nas lecturas obrigatorias. Creo que o Expediente Artieda de Lusi Rei, si, pero non me parece precisamente a súa mellor novela.

xanocebreiro dixo...

É un pracer deixarche este agasallo: http://remexernalingua.blogaliza.org/2010/05/16/o-mellor-agasallo/
Saúdos

Suso F. Acevedo dixo...

Graciñas polo agasallo.
O toupo ultimamente non ergue a cabeza de debaixo da terra, pero promete saír da toupeira un día destes e fuzar de novo, para seguir sendo merecente de atención.

Unha aperta