Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

17.1.10

Tabernas

Esta fin de semana fixen uns cantos quilómetros. Moitos. Algúns deles foron por autovía, pero a maioría discorreron por estradas "nacionais", que agora veñen a ser secundarias. A vantaxe deste tipo de estradas é que un ve máis a realidade, a Terra.

Cando conduzo préstolle atención ó que lle cadra, pero acostumo a fixarme nos topónimos e nas tabernas. Gústanme as tabernas que aínda subsisten no rural á beira das estradas. Apetéceme parar en todas, observar e escoitar. Pola miña retina entraron estes días centos de topónimos e tamén ducias de tabernas.

Nas tabernas técense e destécense historias que darían para alta literatura nas mans dun bo artesán das letras. Non hai moito asistín a unha acalorada discusión entre un inmigrante e un indíxena sobre a conveniencia ou non de mandar cartos para o país de orixe. O inmigrante, exhibindo orgulloso a súa cartilla da Caixa Rural, non estaba polo labor de mandar nada para un país que lle negara unha vida digna. Aquela disputa pareceume unha boa lección de economía internacional adubiada con algo do que soen carecer os economistas: os sentimentos, os (des)afectos.

Contáronme que nunha taberna, cerca da anterior pero hai moitos anos, un tipo díxolle a outro que se lle pagaba unha cea comía un periódico. E aceptoulle. Como non estableceran prazos, o tipo tiña o xornal na taberna e de vez en cando ía por alí, pedía unha folla, mastigaba e mastigaba ata que a tragaba. E papou o xornal enteiro, e despois a cea, de balde.

Outro día seica apostou a que comía unha tortilla de corchos. Esfaragullou ben a cortiza e fixéronlle a tortilla. Tamén a papou. Foi o último que comeu; morreu aquela noite.

Historias de tabernas que van quedando na beira do camiño, e da vida.

1 comentario:

A Ulloa en fotos dixo...

Acordeime de ti fai uns días estando en Lalín. Precisamente do lugar de Donramiro, hai un bar (antes taberna) que debe ser teu, porque se chama Bar Suso.

Antes na Ulloa había unha taberna en cada parroquia, agora quedan dúas.

Tabernas ben curiosas podes velas en Ventosa (Agolada) ou en Borraxeiros (Agolada), por aquí cerca xa case son as únicas que quedan.

Saúdos dende A Ulloa