Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

5.6.09

Antonio Fernández y Morales

A SERIE EMPEZA AQUÍ Antonio Fernández y Morales naceu en Astorga o 17 de setembro de 1817. De pequeno trasladouse a Cacabelos e ós 17 anos comezou a carreira militar. No desempeño desta profesión, acabou participando en varias batalliñas. Ata agora nada de particular. Xente así ou similar houbo moita.

Nunha estancia en Vilafranca do Bierzo coñeceu ó filólogo catalán Mariano Cubí i Soler, que o animou a escribir poesía en galego. Así naceu o seu libro Ensayos poéticos en dialecto berciano composto por 8000 versos repartidos en 16 poemas. Algo de particular? Depende... xente así xa non houbo tanta.

Pero se temos en conta que o seu libro se publicou en 1861 a cousa xa cambia ben e descubrimos que estamos ante unha figura absolutamente excepcional no seu tempo.

Estamos cansos de oír e dicir que o primeiro libro publicado integramente en galego foi Cantares Gallegos de Rosalía (1863), pois isto non sería certo se non fose porque Fernández y Morales icluíu un, un só poema bilingüe galego-castelán a carón dos outros 15 escritos unicamente en galego.

Ou sexa, por medio poema non se lle adiantou Morales a Rosalía no mérito de encetar a andaina do Rexurdimento. Moi inxusto é, xa que logo, que se descoñeza tanto a súa figura e que non apareza o seu nome en case ningún sitio. Para dalo a coñecer, cada ano por estas datas celébrase unha xuntanza en Cacabelos que inclúe sempre un acto en honra de Morales, ante a súa tumba. Nunca falta o entusiasmo de Quique Costas nin os versos de Anxo Angueira, que xunto cos amigos bercianos de Xarmenta realizan un labor de difusión ben meritorio.

Parece ser que Barreiro xa aceptou telo en conta para un Día das Letras Galegas. Que non tarde, non sexa que alguén decida facer unha consulta entre as familias e se decida suprimir esta data. Coa ganiña que eu teño de que me pregunten outras cousas!
CONTINÚA

6 comentarios:

Carlos 4ºeso dixo...

Acórdome de este escritor,Suso,que nos mandaras buscar información sobre el o ano pasado.
Ademáis o libro era curioso porque tiña un título larguisimo :P

Anónimo dixo...

O que ten mérito é escribir 8.000 versos, que eu xa teño problema para chegar aos 400 que piden na maior parte dos certames.

Suso F. Acevedo dixo...

É que Morales usaba versos de arte menor, e iso facilita as cousas.

Anónimo dixo...

Si, non é por nada, pero a verdade é que é moito máis fácil facer poesía medida/rimada que sen medida nin rima, aínda que a primeira vista poida parecer o contrario...

Anónimo dixo...

... aínda que se se pretende facer poesía dunha certa calidade, tan difícil é unha cousa como a outra, penso eu.

Suso F. Acevedo dixo...

O de "arte menor" era por dicir algo. Morales tamén utilizou versos de arte maior, como se pode comprobar en fragmentos accesibles en internet.