Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

21.6.09

A lingua do río e dos montes

- O que se goberna non é a barca, é o río. Trátase de coñecelo e saber seguir os rumbos que traza. A barca vai ela sóa. Iso foi o que me ensinou o barqueiro.
Marqués sorriu. Era un sorriso nervioso, un sorriso inesperado. Sorriu porque se decatou de que Cordel falaba noutro idioma. Non era só que Cordel falase o crioulo da fronteira co que el aínda se estaba familiarizando. Cordel falaba o idioma do río. Foi quizais decatarse de que el non participaba do idioma do río o que lle fixo percatarse do tamaño do seu empeño. Non eran palabras desa linguaxe o que lle era descoñecido, era outra cousa.
XELÍS DE TORO: Riofero. (2008)


A segunda advertencia é: en que lingua debo contar esta historia? Que ninguén pense que os fontamareses falan italiano. Para nós, a lingua italiana é unha lingua que se aprende na escola, como poden ser o latín, o francés, o esperanto. Para nós, a lingua italiana é unha lingua estranxeira, unha lingua morta, unha lingua cun dicionario, cunha gramática que se formaron sen ningunha relación connosco, co noso modo de actuar, co noso modo de pensar, co noso modo de expresarnos".SILONE, Ignazio: Fontamara (1930)
Fontamara é unha novela antifascista ambientada nas montañas dos Abruzzos italianos. Na última Semana Santa, o tesouro histórico máis prezado deste territorio, L’Aquila, derrubouse a causa do terremoto e supoño que os seus habitantes aínda estarán de camping, e non precisamente en Villa Certosa, de balde nin pagando.

Non sei que pasaría co río fero de Xelís. Non sei que vai pasar co río do noso país, porque temos xente gobernando a barca pero non coñecen o río nin distinguen o idioma propio dos que non o son.

NOTA
:
Tradución do fragmento de Fontamara: Eva Moreda.

13 comentarios:

Deschant dixo...

Verdadeiramente, a novela de Silone é arrepiante... e así estabamos en boa parte de Europa non hai nin cen anos. Coido que che había gustar.

xavier dixo...

Gustoume moito este post, moito. E metéchesme gañas de ler esa novela. Haina en galego, portugués ou español?

Deschant dixo...

No rexistro do ISBN aparece unha tradución de "Fontamara" ao español en Argos Vergara, de hai bastante tempo, pero non sei se aínda se poderá conseguir (eu intentei atopala por Internet para regalala pero non tiven demasiada sorte). Hai tamén unha en catalán, en Edicions de 1984. En galego non creo que haxa nada (polo menos no do ISBN non se atopa nada) e en portugués, nin idea.

Marlene dixo...

Entón se cadra habería que proporlle a algunha editorial que Eva Moreda se encargue da tradución, Rinoceronte, por exemplo. Porque si que entran ganas de lela.

Marlene dixo...

Acábome de decatar, vendo o blog de Xavier, que Deschant é Eva, hahahaha. Pois nada, aí queda iso!
Por certo, Eva, gustoume moito o comentario que deixaches en Cavanardá sobre a enquisa da Xunta, mágoa que non fagan gala da mesma sensatez na Xunta. Saúdos

Suso dixo...

Eu non sei como se moven esas cousas pero, sendo tan antiga, supoño que ademais non habería problemas cos dereitos de autor, ¿non?

Marlene dixo...

Para non pagar dereitos o autor ten que levar máis de 25 anos morto. Polo menos funcionaba así cando vivín a miña aventura bradburiana con Xerais. Pero Rinoceronte, á marxe da opinión que me mereza o seu responsable, a verdade é que está apostando por obras de todo tipo, tanto recentes coma clásicas, e as traducións teñen fama de ser de moi boa calidade.

Suso dixo...

Ai vaaaai!
Descóbrense as identidades e o círculo feminista péchase en torno a min, desde Londres a Tenerife.

Estou perdido!

Marlene dixo...

Anda, anda, estás como queres...

Suso dixo...

Silone morreu no 78, o que pasa é que non sei se na Italia de Berlusconi os anos contan igual, porque el parece que está coma de 15.

Deschant dixo...
Este comentario foi eliminado polo autor.
Deschant dixo...

@Marlene, grazas pola túa observación, desde logo pouco sentidiño fai falta para superar aos ocupantes actuais da Xunta.
Grazas tamén polo teu comentario sobre "O demo...", déixoo aquí porque non me apetece buscar o comentario orixinal e contestarche aló :)

Suso dixo...

Por se alguén non o sabe, quen elimina un comentario é o propio autor do mesmo, non eu como administrador do blog, que non elimino nada... por agora.
Suso