Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

7.5.09

Drogha na bebida

Entro nunha panadería e atopo unha señora despotricando porque está nas listas de espera para que a operen e non a acaban de chamar porque (palabras textuais) “como a los médicos les piden que sepan gallego no hay ninguno que quiera venir a los hospitales de Galicia” e os enfermos teñen que esperar. Sendo así, a solución é ben fácil: irse para fóra, onde non hai galego e polo tanto supoño que tampouco listas de espera. Despois a vendedora, que ademais dunha experta manexando as barras de pan, debe ser unha gran filóloga, estivo impartíndome o tema ese titulado “El gallego que se enseña en la escuela no es gallego”. A punto estiven de coller apuntamentos na barra, igual que antes facían as contas a lapis na parte traseira das petadas.

Pouco despois cae nas miñas mans un xornal que deixei de mercar pero que me acosa, e atopo esta entrevista:
http://www.lavozdegalicia.com/deportes/2009/05/06/0003_7698564.htm

O tema do idioma tardou en aparecer, pero na 9ª pregunta, saíu.

Hoxe non houbo que esperar tanto. Xa saíu na 4ª. Dá igual a quen se estea entrevistando; o asunto ten que saír e sae:

http://www.lavozdegalicia.es/ocioycultura/2009/05/07/0003_7700945.htm

Por suposto, dise “en algunas oposiciones”, pero non se concreta ningunha. Sería, seguramente, no mesmo lugar onde os profesores de historia, matemáticas ou filosofía non lles deixan falar castelán ós alumnos. Debe dar medo vivir nese sitio!

En Alcoa descobren de pronto que non entenden as actas do comité de empresa en galego porque poñen "estar de quendas". Como o modelo Burela anda cerca, aínda lle han botar a culpa ó amigo Bernardo.

Eu creo que é hora de organizar xa unha xira polo país para que á xente lle queden as cousas ben claras: o galego é o culpable de que haxa listas de espera nos hospitais –fóra de Galicia chegas e córtanche as dúas orellas e o rabo nada máis entrar pola porta-, de que os nosos deportistas non rendan máis, de que os nosos músicos toquen o piano borrachos coma un instrumento de percusión ata que os dedos lle empecen a sangrar un pouco, -San Bukowski nos ampare-, de que fundan as empresas, da peste dos porcos mexicanos, de que polo mar corran as lebres - polo monte as sardiñas trailará. E creo aínda que da teima de Bin Laden contra a arquitectura vertical de Manhatan.

A xente non pode esperar máis sen saber estas cousas, sen saber que na orixe de todos os nosos males está o galego. Cómpre, sen agardar, ir fusilando cada día un galegofalante para que, en pouco tempo, os poucos que queden vivan (coma galegos?) no paraíso.

Para min que alguén nos botou drogha na bebida.

5 comentarios:

Anónimo dixo...

Jejejeje... no dos músicos tes unha falta.

Suso F. Acevedo dixo...

je, je, ... lle, lle...

Mélodi dixo...

Non era mala idea meter unha grabadora no peto que logo un conta estas cousas e parece surrealista ... Hoxe mesmo falaba de linguas e oposicións cunhas compañeiras de clase ...

Alex Ghalpon dixo...

Moi ben contas, Suso, dá gusto ler as cousas que che pasan. É tan surrealista o país que case parece unha película de terror (de risa?). Drogha dura!

Bicos, Ghalpon

Marlene dixo...

Pois a min o teu artiguiño prestoume moito, pero máis aínda me gustou o vídeo sobre Burela, que non o vira nunca.
Haberá que velo de cando en vez para non perder a esperanza, que nos esperan uns anos moi duros co noso novo flamante presi.
Unha aperta.