Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

12.5.08

Maio do 68, fútbol e outras lerias

Como se cumpren 40 anos, fálase moito estes días do maio do 68 e de todo o que supuxo, pero oio mencionar pouco a chispa que desencadeou a revolta: un partido de fútbol televisado.

Os alumnos da residencia universitaria querían ver un partido de fútbol e a única tele que había estaba na residencia feminina, á que eles non podían acceder. Iso foi o que os alporizou e deu pé a a que montasen a liorta que veu despois.

E que pasaría se a tele estivese na residencia masculina? Pelexarían aqueles mozos para que as mulleres tamén tivesen tele? Non sei, non sei, ... que as mulleres cando hai fútbol adoitan estorbar.

E xa que toca ser realistas e pedir o imposible non sería mala cousa que o rescoldo do 68 servise tamén para que se lle gardase un pouco de respecto ó fútbol, onde hai máis intelecto do que moita xente pensa. Menos mal que chega Guardiola, listo coma un allo, para botar unha man neste duro proceso de dignificación no que algúns nos metemos de vez en cando.

Con todo, volvendo ó 68, a min gústame o mito que se xerou en torno a todo aquelo, que foi máis unha rebelión ca unha revolución porque os do 68 non querían cambiar o mundo. O que lles preocupaba era a súa liberdade individual e o futuro inmediato, se cadra só o 69.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

"E que pasaría se a tele estivese na residencia masculina? Pelexarían aqueles mozos para que as mulleres tamén tivesen tele?"

A resposta é, sen ningunha dubida, que NON. A esquerda tradicional éche bastante machista, ainda que moitos vaian de modernillos.

Anónimo dixo...

RONALDO, RONALDO, RONALDO!!!!

(é para ver se tes un detector automatico de palabras prohibidas)

busto.agolada dixo...

Está claro que toda aquela xente do 68 quería chegar ao 69. Iso tamén é unha unha reivindicación.
E a do fútbol. Coincido nesa apreciación de que fútbol e intelixencia camiñan parellos na maior parte dos casos.
Uha aperta.

Carlos Andina dixo...

Ola Suso.
Pois o ler isto non sei moi ben si teño que rir ou poñerme serio porque a verdade seiche ben pouco dese maio do 68.
Pero está gracioso o artigo.
E desde logo xa sei polas veces que o dixeches que o fútbol tamén é de intelixentes.

Un saúdo.