Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

23.3.08

Falar inglés


Un artigo de “El País” refírese ó pouco dominio do inglés que temos neste país. É un motivo recurrente. De feito, eu creo que cando un xornalista non sabe de que escribir métese cos nacionalistas ou recorda as nosas carencias en canto ó dominio de idiomas. Pero non por iso deixa de ser certo.

O bo do artigo é que por unha vez non se relaciona o descoñecemento do inglés co estudo do galego, catalán ou éuscaro. Todo o contrario: alúdese ó gurú David Graddol, que di que un dos factores que convidan a ser optimistas é o feito de que en España haxa zonas bilingües, coma Cataluña e Euskadi. De Galicia non di nada, pero é de supoñer que o razoamento sexa aplicable.

E non só iso: recoñécese que quen máis está presionando para favorecer políticas de aprendizaxe do inglés é o nacionalismo, con CiU á cabeza. É a vantaxa de sabermos que o coñecemento dun idioma non quita o doutros, por moita mentira que se difunda urbi et orbi desde Madrid. Hai só uns días, mentres subía cara á Alhambra nun deses taxis que traen a COPE posta de serie igual cós airbags, oín como alguén vomitaba que agora xa non só se impón o catalán, o galego e o éuscaro, senón tamén o bable en Asturias. O malo é que hai xente que cre esas barbaridades; o bo é que un aforra a propina que pensaba darlle ó taxista.

Volvendo ó descoñecemento do inglés, o ensino é un dos factores ós que se culpabiliza da situación, aínda que non o único. Eu non sei que pasa, pero aínda que mudan as estratexias, non cambian os resultados.

Non van tan lonxe os tempos nos que non se estudaba nin palabra de idioma estranxeiro ata os doce anos, en sexto de EXB. Agora cando un neno nace, despois de levar a azouta da comadroa para ir afacéndose ás que lle esperan na vida, se o cativo é galego pide perdón, que é o primeiro que facemos os galegos ó nacer por se acaso, e a continuación ponse a estudar inglés. Despois mama algo e pasados uns días vai para a casa e segue estudando inglés. E nin así.

Machado de Assís, que para moitos é o mellor escritor negro de todos os tempos e a quen o goberno brasileiro lle dedica este ano 2008, non foi á escola ata os 12 anos pero pouco despois dominaba inglés, francés e alemán.

Se cadra teñen razón esas amigas miñas que din que se alguén quere saber inglés o que ten que facer é estudar inglés, pero en serio. Nin máis nin menos.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Imposición do bable?, home non sei como anda a cousa, pero segundo Ashleigh a primeira vez que subiu á catedral de Oviedo bateu de fronte cunha manifestación que pedía a oficialidade e o recoñecemento do bable como lingua … a fonte non é moi fiable por que ela acaba de chegar e non se enteraba de moito. O que si teño comprobado é que algunhas das miñas compañeiras o identifican coa vulgaridade e a pouca cultura, co campo, a pobreza e os trastes vellos …que pena.
En canto o inglés ... non me aproveito nin da teacher coa que comparto piso, falamos entre nos en francés e se lle deixo fálame en italiano e alemán, da lingua de Dante aínda pillo un chisco pero da de Goethe non entendo ren. Vou ter que empezar a estudiar idiomas en serio, que é o mellor método sen dúbida nin comparación.
Saúdos.

Carlos Andina dixo...

Ola.
Eu co inglés creo que non teño problema pois xa o combrobei durante tres semanas cos seus vinte e un días e non me pasou nadiña.
O único que teño que decir é que o único que ten que cambiar son as ganas da xente para aprender inglés.
Teño compañeiros que pasan e xa está.
Haberá xente que pense así e outra que decida poñerse as pilas pero aí xa non me podo meter.

Un saúdo.

Marlene dixo...

Ola Suso,

Estou lendo o teu blog despois de un par de semaniñas sen botarlle o ollo, por iso comezo por artigos atrasados...

O caso é que a min paréceme que algúns países van máis adiantados na aprendizaxe do inglés e que iso debe ter moitos motivos e non só as escasas ganas de estudar de españois e demais habitantes do Estado.

Sen dúbida trátase un círculo vicioso, porque se non hai bo nivel de inglés nas Universidades tampouco o profesorado vai estar ben capacitado para ensinalo nos centros de Secundaria.

Para min un aspecto que lles outorga moita ventaxa ós do Norte de Europa é que a televisión e os cines ofrecen todas as series e películas subtituladas. Deste xeito a xente familiarízase co acento e o vocabulario desde moi cedo.

En todo caso, que conste que a min non che me gusta nadiña que a xente aprenda idiomas e me quite o traballo. Cada un que se ocupe do seu, carai...

En fin, aí queda a reflexión.

Un chucho.

Suso F. Acevedo dixo...

Marlene,
Eu creo que as deficiencias no ensino de idiomas están máis nos centros de primaria ca nos de secundaria.