Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

18.6.07

Tópicos sobre a lingua galega V: As normas e os normativizadores

A SERIE EMPEZA AQUÍ

... é que están sempre cambiando a normativa!
Éche unha escusa coma outra calquera. Seguimos cos tópicos, e en relación con este hai tan pouco que dicir que axiña acabo:

1982: Publícanse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, elaboradas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega. Trátase da primeira normativa oficial para o noso idioma. Antes non ten sentido, polo tanto, falar de cambios na norma.

1995: Introdúcense unhas mínimas modificacións: algunha terminación, non acentuación das interrogativas indirectas, e pouco máis. Cabe todo en menos de medio folio ou, se a letra é miúda, nun palillo.

2003: Para tratar de acabar coa loita oficialismo / reintegracionismo lévase a cabo unha modificación na que hai máis ruído ca noces. Máis ca cambios propiamente ditos (antes A, agora B) o que se fai na maior parte dos casos é aumentar a opcionalidade (antes A, agora A e B). Foron tan poucas as mudanzas que circularon por aí na cara dun folio, incluíndo nunha columna o que era antes e noutra o que é agora. Ou sexa, unha columna de novidades.

Total: un folio escaso en 25 anos. É iso tanto cambio? Outra cousa é que non se acatasen e que iso causase confusión. Vale, pero iso xa é decisión individual, extraoficial. Sempre hai quen acata as normas e quen prefire ir por libre. Xa se sabe: “¡A mi no me gusta que me digan cuanto tengo que beber! ...¿Quién le ha dicho a usted que yo quiero que conduzca por mi?”
Por certo, o castelán introduciu recentemente modificacións na súa normativa bastante máis substanciais cás que se produciron no galego, aprobounas a Real Academia Española o 13 de outubro do 2004 e publicáronse no Diccionario Panhispánico de Dudas.

Causou isto moito problema? Cantos coñecen estes cambios? Cantos os acatan? A cantos lle supuxo algún tipo de atranco? Eu non lle oín a ninguén queixarse. Para o castelán vale todo.

Ó final, non acabei tan axiña.
A SERIE CONTINÚA AQUÍ

                 NOTA: Podes acceder ó pdf da edición en papel (2014), premendo neste enlace.

8 comentarios:

Anónimo dixo...

Eu creo que á xente o que a mata é ese "grazas" que, a dicir verdade, se oe tan pouco na fala oral "non normativa". A moitos, este "grazas" por si só dálles pé a xustificar a súa teoría de que o galego normativo pouco ten que ver con esa idea cuasiplatónica que eles chaman "el gallego de verdad".

Suso dixo...

Recoñezo que a min o GRAZAS tampouco me gusta e case sempre o evito poñendo GRACIÑAS, que si se usa na fala.
Un día vin que alguén usou GRAZASIÑAS, e tamén me parece unha opción bonita.

busto.agolada dixo...

Creo que o que máis favorecería ao galego é encontrar canto antes a normativa definitiva. As normas non son impedimento para o falar. Pero a vacilación das normas tampouco favorece a súa aprendizaxe e serve de argumento aos que non queren aprendela.
Un saúdo, Suso.

Marlene dixo...

Eu, que non sei case nada de etimoloxía nin son lingüista para opinar con verdadeiro xeito e fundamento, só direi que á miña tía avoa, que desde logo tiña un galego moito menos cheo de castelanismos có que se escoita agora na fala cotiá de moita xente, sempre lle escoitei a forma "grazas". O feito de que a forma que se escoita na fala "oral non normativa" sexa "gracias" non garante que sexa unha forma galega, ¿non vos parece?. Tamén vos escoitei toda a vida "acera", "suelo", "niebla" e non por iso penso que sexan formas propias do galego.
Bicos desde as illas, Suso!

Suso dixo...

O de "acera" e "niebla" non me sorprende, pero iso de "suelo" é para meter a todos os das Anzas nun saco e botalos ó río.

Anónimo dixo...

Companheiro! non sei se grabarei este blog ou pasarei casualmente por aqui doutra volta, so che digo que me botei umha boisima media hora lendo o que escribes porque o fas dun xeito moi clarificador.Sen andar con trapalhadas nin enredando.Sobre todo encantoume o artigo sobre o estudo este do CLub Financiero de Vigo. Segue así e sorte nesta travesía que é a de moitos...esta loita é do día a día.

Saude
Un Vigés vivindo na Corunha

ramiro do batán dixo...

Deberías corrixir unha data: a minireforma primeira non foi no 85, senón no 95.
E moitos parabéns polo blog, e por esta iniciativa necesaria.

Suso dixo...

Ramiro,
Graciñas polo comentario. Xa fago a corrección.
Suso