Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

12.6.07

Himno

Andan ultimamente a voltas coa proposta de póñerlle letra ó himno español. Miguel Anxo Murado, dixo que en vez de poñerlle letra o que había era que quitarlle a música. Eu diso non entendo moito, pero creo que poñerlle letra a unha marcha militar debe ser máis ou menos como poñerlle música á guía telefónica. Non sei..., total tampouco imos gañar o mundial de fútbol, e o resto non conta moito ós ollos da sociedade, así que non creo que se note tanto a diferenza.

E o galego? Ó noso o que lle sobra é letra. Se non se canta enteiro, é unha versión fanada, e se se canta enteiro, ferve o polbo no pote antes de que se remate. E que letra! Para empezar, pouca xente a sabe. Din os rumorosos que os bos e xenerosos entenden a súa voz. Pois eu non o teño tan claro. Aínda me lembro dunha versión en castelán que circulou hai uns anos entre a comunidade galega de Latinoamérica e que empezaba:

¿Qué nos dice el aura
en la costa verdeante
y el rayo transparente
del plácido lunar?
¿Qué dicen las altas copas
de oscuro aroma arpado

E despois dicía:
Los tiempos han llegado
de los barcos soñadores

Non é broma. A tradución fixéraa alguén con intención de o facer máis comprensible entre a comunidade emigrante. Estou seguro de que era unha persoa boa e xenerosa, porque o fixo con boa intención; non un imbécil e escuro, como habería que consideralo se tomamos ó pé da letra o texto de Pondal.
E entre os que saben a letra, ¿cantos a entenden?, ¿cantos coñecen, por exemplo, o significado de “arume arpado”, ”arroubo” ou “encono”?

Non. A min non me gusta o himno galego. Eu sempre dixen que prefería “En pé!” de Cabanillas, que fai un repasiño pola nosa historia mítica de maneira breve, clara e directa, e di que hai que ser tolerantes pero non parvos.

5 comentarios:

Anónimo dixo...

E non che gusta máis a Marcha do antigo reino de Galicia? Ademais, vexo na Wikipedia que hai que interpretala con gaitas de tres tonalidades, que sinceramente non sei o que son, pero seguro que fan bastante máis ruído que as gaitas normais.

Anónimo dixo...

Ah, e eu si que coñezo o significado de todas esas palabrejas que dis e máis. Explicáronmas unha vez nese colexio tan antigaleguista e fascista ao que dis que fun, e non se me esqueceron desde entón.

Suso F. Acevedo dixo...

A ver, a ver, ... que despois todo son malentendidos: eu nunca dixen que fose fascista ningún colexio.

Anónimo dixo...

Bueno, por se alguén está xa pensando mal aclaro que por suposto Suso nunca dixo nada diso, só que a min me gusta darlle caña.

Dimo dixo...

Hai un artigo moi sabroso de Ferrín no faro do venres sobre o tema do himno. E non lle falta razón, a meu ver. Despois está o que seica dixo Quico Cadaval: que o noso himno está moi ben porque, comparado cos outros "normais" do mundo, cando chegas á terceira estrofa aínda non morreu ninguén... :)