Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

26.7.07

San Andrés de Teixido: volve morto quen chega vivo

Onte estiven en San Andrés de Teixido. Alí seica vai de morto quen non foi de vivo, e a min iso de ir de lagarto dáme reparo.

De todos os xeitos, eu creo que o dito está mal. Seguro que o correcto é:

  • San Andrés de Teixido,
  • volve morto quen chega vivo.

    Porque é difícil sobrevivir a tantos estímulos. Velaquí algúns.

    - A estrada que leva ata alí, sobre todo se se vai desde Cedeira.
    - As aberracións urbanísticas. ¿Ninguén terá unha máquina desas que tiran con todo de catro labazadas e un minutiño libre para usala?
    - Os cans que andan ceibos coma os lagartos, cheirando canta canela se lle achega. Algún acabará facendo das súas.
    - As trangalladas que se venden. A maioría parecen sacadas dun bazar chinés.
    - O letreiro NOPOT ABLE, así escrito, que hai na fonte.
    - A colección de klínex que hai colgada nos ramallos do carreiro que leva ó mar. Supoño que antes a xente ataba panos de seda, pero agora case todo o mundo usa papel e aquelo parece calquera cousa menos un ritual amoroso.

    Menos mal que despois pillei o solpor no cabo Ortegal e iso compensou tanto desastre, como proba a foto de Álvaro.

22.7.07

O Decreto 124/2007 sobre o uso do galego no ensino: feitos obxectivos - III

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado o o 22 de setembro de 2004, por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia establece, entre outros aspectos:
2.1.27. Na educación secundaria obrigatoria garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Dentro das posibilidades de cada centro, tenderase a que entre as materias que se impartan nese idioma figuren as matemáticas e a tecnoloxía, á parte das que xa están legalmente establecidas.

O Plan Xeral redactouse e aprobouse cando gobernaba o PP, sendo presidente D. Manuel Fraga e Conselleiro de Educación D. Celso Currás. Daquela nin Feijoo nin ningún outro político dixeron nada en contra do Plan. Tampouco escribiu nada en contra ningún columnista.

O Decreto 124/2007, do 28 de xuño establece:

Artigo 9º.- Educación secundaria obrigatoria.
1. Na educación secundaria obrigatoria impartiranse en galego as seguintes materias: ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e educación para a cidadanía. Cando a materia de ciencias da natureza se desdobre en bioloxía e xeoloxía, por un lado, e física e química, por outro, ambas as dúas materias impartiranse en galego.

2. Ademais das materias establecidas na epígrafe anterior, o claustro completará o número de materias, excluída a materia que a Lei orgánica de educación determina de carácter voluntario para o alumnado, que garantan o cumprimento do establecido para esta etapa no Plan xeral da normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto.

3. A educación secundaria obrigatoria proporcionaralle a todo o alumnado unha boa competencia nas dúas linguas oficiais que repercuta de forma positiva no seu uso.

Cando se consensuou o Decreto, en febreiro do 2007, o PP aceptou a redacción do borrador e cando se fixo público ningún columnista falou de inmersión. En xuño de 2007 o PP rexeitou o Decreto e algún columnista non tardou nin unha semana en criticalo.

17.7.07

O Decreto 124/2007 sobre o uso do galego no ensino: feitos obxectivos - II

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado o o 22 de setembro de 2004, por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia establece, entre outros aspectos:

Grupo de medidas 2.1.h
2.1.26. Na educación primaria garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Á parte da área de coñecemento do medio natural, social e cultural, xa fixada legalmente, fomentarase que se impartan nesta lingua materias troncais en toda a etapa, como as matemáticas.

O Plan Xeral redactouse e aprobouse cando gobernaba o PP, sendo presidente D. Manuel Fraga e Conselleiro de Educación D. Celso Currás. Daquela nin Feijoo nin ningún outro político dixeron nada en contra do Plan. Tampouco escribiu nada en contra ningún columnista.

O Decreto 124/2007, do 28 de xuño establece:

Artigo 8º.-Educación primaria.
En toda a etapa da educación primaria garantirase o cumprimento do establecido para esta etapa no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto. Impartiranse obrigatoriamente en galego as áreas de matemáticas, coñecemento do medio natural, social e cultural e educación para a cidadanía e dereitos humanos, garantindo a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais da comunidade autónoma


Cando se consensuou o Decreto, en febreiro do 2007, o PP aceptou a redacción do borrador e cando se fixo público ningún columnista falou de inmersión. En xuño de 2007 o PP rexeitou o Decreto e algún columnista non tardou nin unha semana en criticalo.

13.7.07

Falar galego é noticia- I

Este país non ten amaño. Agora resulta que hai galegos ós que lles dá por falar en galego. Moitos non deben ser, porque o detalle acaba sendo destacable na prensa.

Hoxe mesmo, en La Voz de Galicia de A Mariña, lin isto que reproduzo:

Tras la inauguración de la exposición, a la que asistieron el director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, los ex alcaldes de Ribadeo y otras personalidades, se celebró una recepción oficial en la casa consistorial. Arias, que al igual que el regidor habló en gallego, destacó que es una buena ocasión para acercar el patrimonio histórico a la sociedad. Suárez recordó en su discurso la tarea del historiador Francisco Lanza. A continuación, se sirvió un ágape en el Parador.

Como sigamos así, non sei en que vai acabar todo.

10.7.07

O Decreto 124/2007 sobre o uso do galego no ensino: feitos obxectivos - I

O 22 de setembro de 2004 aprobouse o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, referente para o novo decreto, e establece, entre outros aspectos:

Obxectivos de área:
- Alcanzar un uso maioritario do galego na docencia, entre os docentes e nas relacións escolares en xeral.

Obxectivo específico do grupo de medidas 2.1.g:
- Garantir unha ampla oferta educativa en galego nos primeiros treitos educativos e na aprendizaxe da lectoescritura, na perspectiva de que este idioma se converta na lingua primeira do sistema educativo en Galicia
.

O Plan Xeral redactouse e aprobouse por unanimidade cando gobernaba o PP, sendo presidente D. Manuel Fraga e Conselleiro de Educación D. Celso Currás.

Daquela nin Feijoo nin ningún columnista dixeron nada en contra.

3.7.07

O Gadis e O canto do muecín

Hai uns anos cheguei a unha vila galega xusto no momento no que comezaba unha manifestación, e uninme ó grupo. O nome do lugar é o de menos, porque a escena repetíase daquela por todo o país.

Durante media hora, máis ou menos, percorremos varias rúas da vila. Abrindo o paso, unha pancarta con letras ben grandes: NON Á GUERRA. Eu non coñecía a case ninguén dos que me acompañaban, pero iso era o de menos. Sentía que era xente de ben.

Aínda así, debo recoñecer que me sorprendeu o remate da marcha: a comitiva parou de súpeto no medio dunha rúa, xirouse cara ó GADIS e comezou a berrar cousas que non reproduzo aquí porque non camparían en blog tan distinguido. Eu non sabía qué culpa tiña o GADIS da invasión de Iraq, por iso non comprendía aqueles berros alí, precisamente alí.

Entendín todo cando erguín os ollos ó primeiro andar, encima do GADIS, e vin pendurado da parede un rótulo cunha gaivota fraca.

Hai uns días estiven nun fermoso acto da xira-presentación de O canto do muecín, de Lois Diéguez e viñéronme á memoria aqueles días. É bo non esquecer.

24.6.07

Paxaros na memoria. Lección de sociolingüística

- “...hoxe estiven no sofá repasando mentalmente os nomes dos paxaros en euskera”.
Cóntamo un amigo na noite de San Xoán, mentres compartimos unhas cuncas de tinto e unha cabala que asamos con fiúncho desde que botamos as sardiñas de enriba das brasas.

El sabe que a min me interesan esas cousas; eu sei que el xa non ten con quen falar como falaba. A primeira luz viuna en Euskadi e alí viviu ata que se fixo home, cun reparto lingüístico que eu ben coñezo.

- “Na escola era todo en castelán, pero en canto saiamos eu sempre falaba en euskera”.
Despois percorreu mundo, el e o pai, e os dous acabaron na Mariña. Abrazou o galego para nós, pero as conversas entre eles seguiron sendo en éuscaro, sempre en éuscaro. Fun testemuña máis dunha vez. Hai pouco máis dun ano morreu o pai, a outra voz.

- “Agora non teño con quen falar euskera. Hoxe estiven no sofá repasando mentalmente os nomes dos paxaros...”.
Estamos debaixo do que probablemente sexa o castiñeiro máis oriental do país. A poucos metros de nós, case na entrada da ponte dos Santos, un sinal da autovía recén estreada informa da distancia a San Sebastián. Non é tanto, á velocidade que hoxe se anda; pero cincocentos e pico quilómetros poden ser un mundo para as linguas pequeniñas.

Unhas horas antes, eu falaba por teléfono con meu irmán, tamén lonxe. Contábame que á xente alá non lle vai moito iso das sardiñas.

- “Nós imos comer churrasco e codornices”.
A codorniz é ese paxaro que el e eu, de pequenos, chamabamos sempre paspallás. Pero daquela non se comía; daquela buscabámoslle o niño entre os toxos e as carpazas do Campo dos Marcos.

As linguas ás veces morren porque morre a xente que as fala; outras veces porque sacamos as palabras de entre os toxos e poñémolas á mesa. Contra o primeiro non podemos facer nada; o segundo cómpre evitalo.

18.6.07

Tópicos sobre a lingua galega V: As normas e os normativizadores

A SERIE EMPEZA AQUÍ

... é que están sempre cambiando a normativa!
Éche unha escusa coma outra calquera. Seguimos cos tópicos, e en relación con este hai tan pouco que dicir que axiña acabo:

1982: Publícanse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, elaboradas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega. Trátase da primeira normativa oficial para o noso idioma. Antes non ten sentido, polo tanto, falar de cambios na norma.

1995: Introdúcense unhas mínimas modificacións: algunha terminación, non acentuación das interrogativas indirectas, e pouco máis. Cabe todo en menos de medio folio ou, se a letra é miúda, nun palillo.

2003: Para tratar de acabar coa loita oficialismo / reintegracionismo lévase a cabo unha modificación na que hai máis ruído ca noces. Máis ca cambios propiamente ditos (antes A, agora B) o que se fai na maior parte dos casos é aumentar a opcionalidade (antes A, agora A e B). Foron tan poucas as mudanzas que circularon por aí na cara dun folio, incluíndo nunha columna o que era antes e noutra o que é agora. Ou sexa, unha columna de novidades.

Total: un folio escaso en 25 anos. É iso tanto cambio? Outra cousa é que non se acatasen e que iso causase confusión. Vale, pero iso xa é decisión individual, extraoficial. Sempre hai quen acata as normas e quen prefire ir por libre. Xa se sabe: “¡A mi no me gusta que me digan cuanto tengo que beber! ...¿Quién le ha dicho a usted que yo quiero que conduzca por mi?”
Por certo, o castelán introduciu recentemente modificacións na súa normativa bastante máis substanciais cás que se produciron no galego, aprobounas a Real Academia Española o 13 de outubro do 2004 e publicáronse no Diccionario Panhispánico de Dudas.

Causou isto moito problema? Cantos coñecen estes cambios? Cantos os acatan? A cantos lle supuxo algún tipo de atranco? Eu non lle oín a ninguén queixarse. Para o castelán vale todo.

Ó final, non acabei tan axiña.
A SERIE CONTINÚA AQUÍ

                 NOTA: Podes acceder ó pdf da edición en papel (2014), premendo neste enlace.

12.6.07

Himno

Andan ultimamente a voltas coa proposta de póñerlle letra ó himno español. Miguel Anxo Murado, dixo que en vez de poñerlle letra o que había era que quitarlle a música. Eu diso non entendo moito, pero creo que poñerlle letra a unha marcha militar debe ser máis ou menos como poñerlle música á guía telefónica. Non sei..., total tampouco imos gañar o mundial de fútbol, e o resto non conta moito ós ollos da sociedade, así que non creo que se note tanto a diferenza.

E o galego? Ó noso o que lle sobra é letra. Se non se canta enteiro, é unha versión fanada, e se se canta enteiro, ferve o polbo no pote antes de que se remate. E que letra! Para empezar, pouca xente a sabe. Din os rumorosos que os bos e xenerosos entenden a súa voz. Pois eu non o teño tan claro. Aínda me lembro dunha versión en castelán que circulou hai uns anos entre a comunidade galega de Latinoamérica e que empezaba:

¿Qué nos dice el aura
en la costa verdeante
y el rayo transparente
del plácido lunar?
¿Qué dicen las altas copas
de oscuro aroma arpado

E despois dicía:
Los tiempos han llegado
de los barcos soñadores

Non é broma. A tradución fixéraa alguén con intención de o facer máis comprensible entre a comunidade emigrante. Estou seguro de que era unha persoa boa e xenerosa, porque o fixo con boa intención; non un imbécil e escuro, como habería que consideralo se tomamos ó pé da letra o texto de Pondal.
E entre os que saben a letra, ¿cantos a entenden?, ¿cantos coñecen, por exemplo, o significado de “arume arpado”, ”arroubo” ou “encono”?

Non. A min non me gusta o himno galego. Eu sempre dixen que prefería “En pé!” de Cabanillas, que fai un repasiño pola nosa historia mítica de maneira breve, clara e directa, e di que hai que ser tolerantes pero non parvos.

7.6.07

The new major


O PP de Orihuela usou exclusivamente o inglés nos carteis da súa última campaña electoral. Non me parece mal; o importante é que os políticos se fagan entender, que transmitan claramente as súas mensaxes e que, chegado o momento, cumpran o que prometeron. Pero non deixa de ser chamativo.

Eu sempre dixen que me parecen unha parvada as voces alarmistas que falan da desaparición do castelán en calquera lugar do Estado, pero se a algún caso hai que estar atento é precisamente á costa mediterránea, onde o inglés, caladiñamente, ten cada día máis presenza. E o inglés non é calquera cousa. Son tantos os habitantes instalados neste idioma que se contan por ducias os xornais que se editan diariamente en inglés e as emisoras de radio que emiten integra ou parcialmente nese idioma. Tamén se esixe o seu coñecemento para a maioría dos postos de traballo. Paréceme lóxico: quen ten determinados coñecementos ten vantaxe sobre quen non os ten -só faltaría que dese igual saber ca non saber!-, pero neste caso ninguén fala de discriminación, de que non todos teñen os mesmos dereitos nin desas lerias que ás que estamos tan afeitos.

É ben curioso que precisamente os que soben ós campanarios para tocar a rebato pola suposta ameaza que supoñen o galego, o catalán e o éuscaro sexan os mesmos que non teñen reparo ningún en deixar a un lado o castelán noutros lugares. Non me parece mal que o fagan, pero que acouguen noutros sitios.

Por certo, non lle foi nada mal á tal Mónica.

1.6.07

O bosque de Nadgor e outros inéditos


Hai xa ben anos, Xelís de Toro permitiume ler o manuscrito –máis ben mecanoscrito- de Seis cordas e un corazón. Foi o primeiro inédito que lin dunha obra literaria e aínda o conservo, con algunhas anotacións que lle fun facendo. Cando, meses despois, se converteu en libro nunca me molestei en comprobar con detalle os cambios. Eu gardo virxe a sensación da primeira lectura, encanutillada.

Algúns anos despois foi Eva Moreda quen me deixou ler o seu Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota, daquela inédito. Desta volta as sensacións foron aínda máis agradables porque era unha alumna e amiga que, con tan só dezaseis anos, poñía a súa primeira novela nos andeis das librarías. Desde aquela, fun lendo outros textos seus, sempre con ilusión e agrado. Algúns editáronse, outros non.

Recentemente Farruco Graña deume a ler O bosque de Nadgor, novela que está a punto de saír á rúa en edición de autor.
Pola obra desfilan feitos e desfeitas con Llolcrab ó fondo. O lugar é un trasunto de Carballo, pero ben podería ser calquera vila galega, desas que parece que están subvencionadas polos oculistas, porque mancan a vista desde calquera ángulo que se miren.
Pero que ninguén quede coa idea de que se trata dun panfleto fácil e oportunista contra o feísmo urbanístico. Non; ó longo das súas páxinas o lector debe ir ripando mensaxes agachadas detrás dos comportamentos e das conciencias dos personaxes, mensaxes unhas veces máis evidentes e outras menos. O dereito a soñar ninguén pode quitalo.

Farruco Graña é natural de Carballo, pero reside na Mariña e imparte clases de Filosofía no instituto de Tapia de Casariego. Ademais, colabora habitualmente na prensa escrita (La comarca del Eo, A Mariña-El Progreso, La Voz de Galicia, Vieiros) e, de vez en cando, participa en tertulias de radio.

Agardando xa a súa fornada, agradézolle a el e ós anteriores que me permitisen comer as cereixas na árbore, onde mellor saben, antes de poñelas na praza á vista de todos.

29.5.07

Tópicos sobre a lingua galega- IV: A opcionalidade e os liberalistas

A SERIE EMPEZA AQUÍ
“Eu úsoo se quero, e se non, non. Ninguén está obrigado a sabelo”.
O capítulo anterior lévanos directamente a este, que se basea nunha confusión fácil de esclarecer. Consiste en confundir os nosos dereitos e deberes como cidadáns como tales cos que poidan corresponder como consecuencia do papel que cada un desempeña na sociedade. Creo que se pode entender ben se botamos man dunha comparación:

Ningún cidadán, como tal, está obrigado a saber galego, igual que ningún cidadán, como tal, está obrigado a saber conducir nin a vestir dunha determinada maneira. Pero se ese cidadán é taxista terá que ter carnet de conducir, se é futbolista, durante os partidos terá que vestir igual cós seus compañeiros de equipo, e se é un obreiro da construción, mentres estea na obra, terá que levar casco. Todos estes personaxes seguen sendo cidadáns, pero nuns determinados momentos exercen de taxistas, de futbolistas, ou de albaneis, e iso tamén implica unhas obrigas

Cada posto de traballo ten un perfil, require unha serie de coñecementos por parte da persoa que o ocupa e que, non o esquezamos, cobra por desempeñalo. E cada un deses coñecementos ten unha motivacion: se un taxista non sabe conducir, a viaxe pode ser emocionante de máis; se cada futbolista viste como queira, compadézome do árbitro que teña que distinguilos, e así con todo.

O motivo que provoca que para exercer determinados postos de traballo haxa que saber os dous idiomas oficiais ―non esquezamos que tamén hai que saber castelán, pero iso ninguén o cuestiona― é que os cidadáns teñen dereito a seren atendidos en calquera deles. A Administración ten que garantir ese dereito, segundo establece a lei, e por iso se lle esixe ó funcionariado o coñecemento dos dous idiomas: do castelán, como establece a Constitución, e tamén do galego, como establecen outras disposicións legais derivadas desta: Estatuto de Autonomía, etc.

Quizá se esqueza con demasiada frecuencia que os funcionarios están ó servizo da cidadanía, que é quen lles paga o seu salario, e non ó revés. Ninguén está obrigado a ser funcionario en Galicia; se unha persoa non quere saber galego, pode dedicarse a moitas outras actividades dignas de toda consideración para as cales non cómpre saber galego. Pode montar unha mercería, por exemplo.

Pretender ocupar un posto de traballo sen reunir os requisitos que se requiren, invocando os dereitos individuais, non é máis que unha falacia.
CONTINUACIÓN
                 NOTA: Podes acceder ó pdf da edición en papel (2014), premendo neste enlace.