Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

6.8.25

Xuan Bello: O neno que corre cara ó río.

FONTE: bibllioasturias.com

Coñecín a Xuan Bello en outubro de 2005, cando inaugurou en Ribadeo a “I Escola Permanente Fermín Penzol”, coordinada por Quique Costas, coa conferencia Les dos hermanes y un llobu malu. Pareceume fermoso o seu relatorio e parecéronme igual de fermosas as súas intervencións espontáneas ó longo das xornadas. Máis alá dos contidos, a min hai voces que me engaiolan, que escoitaría durante horas, igual que hai voces que me mancan os oídos. A de Xuan é das primeiras. O seu ton inconfundible e o seu ritmo sosegado quedaron para sempre gravados na miña memoria.

E empecei a ler a súa obra. Creo que desde aquela lin canto publicou. En cada viaxe a Uviéu ou a Xixón aproveitaba para ir comprando os títulos que me ían quedando atrás e penso que os lin tratando de imitar interiormente o seu xeito de facelo, como se estivese escoitando a súa voz, esa estraña mestura de tabaco e melodía.

Daquela eu teimaba en loitar contra o descoñecemento da literatura asturiana por parte do meu alumnado. Durante uns cursos procurei convidar cada ano a unha persoa representante das letras asturianas e non tiven dúbida de que o primeiro tiña que ser Xuan Bello. O 3 de decembro de 2006 falou no salón de actos para o meu alumnado de bacharelato.

Lembro que, ao falarmos da compensación pola súa visita, de “les perres”, díxome: “Trato vaqueiro: ti dáme o máximo que poidas e eu aceptarei o mínimo que poida”. Nin lembro en canto quedou a cousa, pero seguro que saíu perdendo.

Antes de ir ó centro, quedamos de vernos no Cantón. El chegou antes e a espera valeulle para debullar un relato que me enviaría algún tempo despois. Xa o contei. Publicouno inicialmente en castelán en El Comercio: “La perspectiva de la eternidad”. En 2007 incluíno no libro La hestoria tapecida xa co título en asturiano: “La perspectiva de la eternidá”. É unha fermosa historia que sempre me trae á cabeza un relato de Gerry Adams sobre a imposibilidade de ver as fronteiras que non hai, aínda que alguén se empeñase en esgarabellalas un día nun mapa. Xuan refírese á fronteira entre Galicia e Asturias; Gerry Adams á que algúns inventaron entre as dúas Irlandas. Fronteiras que non hai e que nin sequera teñen o encanto de podermos atravesalas ilegalmente, o único verdadeiramente interesante das fronteiras.


[...]

Fragmentos de "La perspectiva de la eternidá".


Algúns anos despois volveu a Ribadeo, onde recitou con Olga Novo, Quique Roxíos e Elisabete Marques. A última vez que o escoitei foi en Mondoñedo, outra vez con Olga Novo e acompañado por Miguel Anxo Fernán Velho. “Unha Novo entre dos Vello” –dixen aquel día. Máis do mesmo: escoitar a Xuan sempre foi unha delicia para os sentidos.

Gústame sobre todo a súa narrativa –non me atrevo a chamarlle prosa porque eu penso que hai poesía en cada liña-, pero emocióname un poema seu que de cote aproveito para lerlle ó meu alumnado, poñéndoo en relación con “O neno suicida”, de Dieste. Destrás dos versos hai unha triste e fermosa historia, segundo lle escoitei contar unha vez a Xuan:

El estaba en Portugal cando faleceu seu avó e chegar a Paniceiros para o funeral era cousa imposible, que as comunicacións daquela tiñan pouco que ver coas de agora. Sendo consciente diso, mentres en Paniceiros enterraban o avó, el deulle unha nova vida facendo que as cousas discorresen en sentido contrario, levando o tempo marcha atrás, igual que fixo Scott Fitzgelald con Benjamin Button ou Dieste co neno suicida do seu conto. E aí naceu esta marabilla de poema. 

Lédeo, pero mellor escoitádeo neste enlace, a partir do minuto 42:20. Despois xa teredes tempo de volver atrás para escoitar toda a súa intervención e tamén a de Miriam Ferradás.

A LA SOMBRA D'UNA ZREZAL

El día que morrió mio buelu suañó que taba

a la sombra d`una zrezal cerca del ríu, durmiendo.

Y mentes dormía suañaba que les zrezes ya madures

de xunu apicalvaben, poníense verdes y espalmaben

ente la fueya rosao d`una antigua mañana de marzu.

 

Suañó que los caminos ermos abríen el pasu de la xente

que volvía con cantares na boca y palabres perdíes

cuantayá pela xamasca.

 

Suañó cases que nacíen del fueu,

yerba del gadañu, árboles de la madera.

 

Suañó una vieya furmosa que yera a cada día que pasaba

munchu más nueva.

 

Y cuandu acordó un neñu salió d`el,

camín del ríu, corriendo.

Despois vímonos poucas veces. A última, volveu ser no Cantón de Ribadeo, asistindo á gravación dunha coprodución da TVG e da TPA. Faloume marabillas de Rodrigo Cuevas, que andaba por alí. 

Non nos volvemos ver. En xeral, tiven máis trato coa súa obra ca con el. E iso que me chamou por teléfono unha morea de veces. Todo empezou cunha chamada perdida. Cando a vin, fun eu o que contactei para saber o motivo. El nin era consciente de que me telefonara. Marcara por equivocación. A cousa repetiuse con frecuencia durante bastantes meses: ou atopaba a chamada perdida ou contestaba a tempo e o único que oía era ruído ou conversas de fondo que nada tiñan que ver comigo. Algunha vez mandábame unha mensaxe desculpándose polo equívoco e outras, tanto el coma min, deixamos quedar así a cousa, sabendo xa o que pasaba. Por se acaso, un día que cadramos nun evento díxenlle: “Xuan, se algún mes non me chamas voume preocupar”. 

Volvo a Xuan Bello, coma outras veces, e agora sei que non me vai chamar máis, pero sigo escoitando a súa súa voz pausada, medio esgazada, e sei que ha estar correndo desde debaixo dunha cerdeira cara o río, en Paniceiros, sen cobertura.

23.6.25

As nosas cantareiras e outros versos

 

Algunhas das cintas que conservamos coas gravacións orixinais

No curso 90-91 implicamos o noso alumnado de bacharelato no Proxecto Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, dirixido polo ourensán Afonso Vázquez-Monxardín. O traballo, no que participaron varios institutos de Galicia, consistiu na gravación de mostras da cultura popular oral da zona, actuando como informantes persoas que aínda conservaban na memoria eses saberes transmitidos de xeración en xeración.

Nos cursos seguintes ampliamos ese labor, xa á marxe de calquera proxecto intercentros. Como consecuencia, obtivemos unhas 70 gravacións con contido moi diverso: contos, lendas, lembranzas da vida de antes, miserias da guerra e da posguerra, cantigas, refráns, coplas, adiviñas, trabalinguas etc. Daquela non eramos conscientes, pero seguramente se trata da última xeración de informantes que aínda puido transmitir o tesouro da nosa cultura popular.

Durante máis de tres décadas, conservamos esas cintas e houbo alumnado que preguntou se tiñamos ese material e se lle podiamos facilitar copia, porque ó faleceren os seus avós ou avoas déronse conta de que era un tesouro que lles prestaría volver escoitar. Foi especialmente gratificante para nós cumprirlles ese desexo, dixitalizando cada gravación requirida. Hai uns anos decidimos dixitalizalas todas, por medo a que as cintas se deteriorasen e quedasen inservibles.

No presente curso, aproveitando que se lle dedica o Día das Letras Galegas ás cantareiras e á poesía popular oral, retomamos aquel material, fomos escoitando de novo todas as gravacións de xeito íntegro e identificamos os fragmentos que, de xeito máis ou menos flexible, consideramos que encaixan co acervo cultural que se homenaxea en 2025: a poesía popular oral. O noso Director, Pipo Alvariño, que domina ben os segredos do son, encargouse do laborioso traballo de ir cortando cada fragmento e de organizar todo. Queda para outra ocasión o contido que podemos etiquetar como “prosa”, ou sexa, contos, lendas, recordos da vida de antes etc.

Pantallazo da web do IES desde onde se accede ós audios

Coas partes que escolmamos elaboramos unha especie de playlist e difundímola desde a web do centro, indicando o nome das persoas informantes, do alumnado que gravou e o lugar onde se realizou a gravación, sempre que dispoñamos deses datos, xa que nalgún caso non constan todos nas cintas.

Sabemos que o noso deber sería contactar previamente coas persoas implicadas na recollida, tanto co alumnado coma cos informantes ou coas súas familias, para contar co seu consentimento antes de publicar as gravacións, pero desistimos de facelo porque hai bastante xente da que non conservamos ningún tipo de enderezo. Para informar a unhas persoas e non a outras, preferimos publicar os fragmentos seleccionados e, en todo caso, suprimir o que sexa necesario se alguén manifesta a súa desconformidade. Agardamos que se entenda a nosa decisión e que se acepten as nosas sinceras desculpas, de ser o caso.

Sexa como sexa, queremos deixar constancia pública do noso agradecemento, especialmente ó alumnado implicado e ás persoas informantes, e subliñamos o respecto e o agarimo co que nos achegamos ás súas voces máis de trinta anos despois.

Unha vez que todo estivo preparado e dispoñible na web, contámosllo ós medios de comunicación onde difundimos habitualmente actividades do centro, pero non lles debeu parecer interesante, que non temos noticias de que se fixesen eco do asunto. Polo menos, que se saiba desde aquí.

29.5.25

Fútbol de por aí e apelidos de por aquí.

O seleccionador español, Luís de la Fuente, acaba de facer pública a relación de futbolistas para o próximo partido. Entre eles, como vén sendo habitual, está David Vivian (así, con acentuación grave), do Atletic de Bilbao. O seu avó era natural de Ourense e, sendo así, é máis que probable que o apelido do defensa fose en orixe Vivián (con acentuación aguda), apelido que ten aínda hoxe presenza en varios concellos ourensáns e tamén na cidade de Vigo, a onde é ben sabido que buscou o mar moita xente de Ourense. Pode ser esclarecedor darlle un vistazo ó mapa do apelido na Cartografía dos apelidos galegos. Pero os locutores -e non sei se o propio xogador- ignoran esa circunstancia e teremos que escoitar outra vez o seu apelido coa acentuación deturpada, mancando nos oídos cada vez que toque o balón.

Xa pasou con Pablo Insua, nado en Arzúa, que empezou a ser mencionado como Insúa (con tonicidade no "u") cando abandonou o Dépor e saíu de Galicia para ir ó Leganés e despois a outros equipos (Shalke 04, Huesca, Sporting de Xixón e Granada). Os locutores mencionábano sempre como Insúa e así aparecía tamén na escrita en moitos medios, por máis que a forma correcta sexa Insua.

Hai un rapaz de Bertamiráns que, despois de medrar na canteira do Dépor, fixo as maletas camiño do Leipzig, en Alemaña. Tras algunhas cesións a equipos de Suíza e dos Países Baixos, recalou no Alavés, onde estivo esta temporada. Tamén formou parte da selección galega e de distintos combinados da española non absoluta. Sempre nos falan del como Hugo Novoa, con acentuación grave. Téñolle oído a Gonzalo Navaza explicar que a forma xenuína é a esdrúxula, Nóvoa, e así se conserva nas terras do Ribeiro, de onde é orixinario, mentres que vai aparecendo a variante coa acentuación alterada, Novoa, a medida que imos deixando atrás barras de bar co pouso da treixadura no fondo das cuncas.

Non sei se os antepasados de Álvaro Carreras, xoia ferrolá do Benfica que medrou lonxe do Madrid e agora seica queren recomprar, serían en realidade Carreiras ou se a súa estirpe estará fóra do país. O certo é que a área onde máis presenza ten o apelido Carreiras non anda lonxe de Ferrol, así que o máis probable é que nalgún momento alguén decidise suprimir o "i", seguramente por aforrar tinta e tempo, que ninguén ten nada en contra do galego, ho!


Acórdome agora tamén de Angeliño Tasende, de quen falaban por aí adiante como Angelino, de xeito que máis ca galego parecía de Calabria ou de calquera outro lugar de Italia. Non sorprende nada, pois, que o de Coristanco acabase fichando pola Roma.

Triste país este onde ata perdemos a lingua cada vez que o árbitro chifra o comezo do partido.


25.2.25

Polo futuro do galego

Hai dúas ou tres semanas contactaron conmigo desde o BNG para pedirme que colaborase na gravación dun vídeo opinando sobre algúns aspectos relacionados coa lingua galega. Non tiña nin teño eu nada claro que a miña opinión lle interese a ninguén, pero aceptei, como adoito facer en todo o que se me pide en defensa da nosa lingua e da nosa cultura en xeral, se me vexo capaz.

Daquela non sabía eu cantos nin quen eramos os seleccionados para a campaña, que acabou levando por título POLO FUTURO DO GALEGO. A miña sorpresa foi aínda maior cando souben que eramos só cinco persoas as escollidas e que as outras eran Carlos Callón, Valentina Formoso, Fernando Ramallo e Ana Iglesias. Quen coñeza un pouco a realidade galega saberá que se trata de xente relevante en todo o que ten que ver coa lingua, mentres que eu achego ben pouco a ese ámbito, pero o certo é que non é a primeira vez que teño a oportunidade de compartir equipo con compañeiros ben mellores ca min.

Ó longo da semana pasada fóronse facendo públicos os cinco vídeos e a min tocoume tirar o último penalti, xusto dous días antes da manifestación convocada por Queremos Galego para espertar as conciencias anestesiadas e dicir que seguimos vivos, esa manifestación que segundo algúns foi política, non coma outras, que eran alta cultura, disque.

E feito o estropicio, cómpre difundilo, así que velaquí deixo o vídeo, por se alguén non o viu ou non ten nada mellor que facer:


Como é normal, a gravación foi máis longa, pero despois editouse de xeito que non superase os tres minutos, como xa me indicaran. É por iso que agora, para completar este post, redactei o que, máis ou menos, recolle todo o que dixen ou non dixen porque cousas do directo pero que me gustaría dicir. Velaí vai:

1- Evolución.

O marco legal básico que se estableceu nos primeiros anos da democracia (Constitución, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística) foise desenvolvendo e o momento máis esperanzador foi a aprobación nos últimos tempos do goberno de Fraga do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Ese foi un momento esperanzador, pero en canto o bipartito comezou a aplicalo o PP, daquela na oposición, empezou a dinamitalo con mentiras coma a da imposición e en canto volveron ó goberno ralentizaron, paralizaron ou retrocederon, segundo os casos, o contido do PXNL.

2- O ensino.

O actual Decreto debería ser derrogado xa por dous motivos:

Primeiro porque é ineficaz para lograr o establecido na LNL que establece que a Xunta de Galicia ten que conseguir que o alumnado, ó remate de cada unha das etapas nas que o ensino é obrigatorio domine en pé de igualdade os dous idiomas oficiais da Comunidade. Iso non se consegue; cada vez hai máis rapazada incapaz de expresarse en galego aínda que o pretenda.

Segundo, polo que representa, porque simboliza un momento de mentiras e de xogo sucio que debería pasar á historia e non repetirse nunca máis.

O novo Decreto debería servir para que se cumprise o establecido na LNL: o dominio por igual de galego e castelán. Non vexo que mal pode haber niso. E hai modelos en Europa que se poden seguir, que funcionan. En Luxemburgo, por exemplo, toda a rapazada recibe o primeiro ensino en luxemburgués, independentemente do idioma que fale na casa. Despois vanse implementando outros idiomas e, cando chegan á adolescencia dominan varios. Aquí estamos empeñados en formar rapazada monolingüe en castelán.

É absurdo o que establece o Decreto do 2010, o actual. Se eu teño 100 horas para aprender a andar en bicicleta e a montar a cabalo e xa sei andar en bici con soltura, pero non domino o cabalo, é absurdo dedicarlle o mesmo tempo ás dúas aprendizaxes. Terei que compensar, dedicándolle máis horas ó que pero domino. Pois está demostrado que, globalmente, o dominio do galego é menor. Por outra banda, hai tamén cada vez máis nenos e nenas que falan en galego na casa pero pasan ó castelán en canto pisan o sistema educativo. Algo falla. O ensino é un espazo importante é hai que coidalo.

3- O consenso.

O consenso debería ser posible e, de feito xa o houbo. E se cadra non sobra recordar que quen o rompeu foi o PP. Non o digo eu; está nas hemerotecas. Algún tempo despois “anos da peste”, Agustín Baamonde, daquela portavoz de educación do Partido Popular, explicou nun acto do Consello da Cultura Galega que o PP non tiña pensado levar o tema do idioma á campaña electoral. Pero a aparición de UPyD, con teses similares ás de Galicia Bilingüe, fixéronlle pensar que lles ía sacar un Deputado e que podían non gobernar. Por iso decidiron incluír o tema da lingua no debate político. Efectivamente, os estrategas do PP fixeron un bo traballo e a manobra saíulles ben, pero ó galego fixéronlle moito dano.

"O tema da lingua non foi unha das prioridades do PP até a aparición de Galicia Blingüe que fixo medrar un caldo de cultivo sobre a necesidade de romper coa política lingüística do bipartito, non cos consensos anteriores".

«a previsible incidencia de Galicia Bilingüe e UPyD na bolsa de votos que podía decidir a cor do último e decisivo escano nas eleccións de marzo do 2009, foi o factor que levou os “estrategas” do PP a incorporar o tema da lingua na campaña “de xeito claro” coas promesas de derrogar o decreto do galego do bipartito e consultar os pais.» 

4- O pacto pola lingua e a politización do idioma.

Agora fálase da necesidade dun pacto pola lingua. Está ben. É necesario, pero debería levarse a cabo sen vetos e sen liñas vermellas e moito me temo que non está sendo así.

Dise que non se pode politizar o galego. Vale. Pode que non sexa bo para o idioma que estea no debate político, pero é necesario facer política lingüística e que esta sexa seria, non un paripé. Política lingüística faise e fíxose sempre en todo o mundo. Donald Trump acaba de suprimir o castelánda web da Casa Branca. Iso tamén é política lingüística. Por certo, non vexo que ninguén dos que sempre andan coa bandeira da defensa do “español” na man dixese nada. Pois ese si que é un golpe serio ó castelán, pero como o fixo Trump, que é un colega...

5- A liberdade

O da liberdade para escoller en que idioma falar é outra mentira. Para que se poida escoller libremente teñen que darse dúas condicións: que se dominen os dous idiomas por igual e que socialmente ningún deles estea estigmatizado. Esas condicións non se dan: hai moita xente incapaz de expresarse en galego e, por outra banda, o galego está socialmente inferiorizado. Con este contexto, non se pode falar de liberdade.


19.1.25

"Entre a vontade e o destino", de Xosé Henrique Costas


Se agora nos fixesen un exame sobre a nosa historia nos séculos VIII e IX, probablemente tivésemos pouco que dicir. É un período da nosa historia que non nos contaron ou que nos contaron daquela maneira.

Un xeito de saber algo máis daqueles tempos, desa nosa historia que nos negaron ou que nos terxiversaron é ler as novelas de Xosé Henrique Costas, autor da triloxía Banu Marwan: a estirpe do galego.  A primeira entrega foi Ao sur da liberdade, publicada a finais do 2023, con gran éxito de crítica e de público. A finais do 2024 saíu á venda o segundo volume, Entre a vontade e o destino, que non só leva o mesmo camiño do primeiro, senón que está gustando aínda máis.

Non temos intención de atribuírlle etiquetas ás obras do amigo Quique nin autoridade para facelo, pero desde logo sería inxusto colgarlle só o cualificativo de novela histórica. Como mínimo, cómpre cualificalas tamén de novela de aventuras, de amor, e no primeiro volume incluso de picaresca. Se Ao sur da liberdade era claramente itinerante, Entre a vontade e o destino é máis estática e case toda a acción sucede en Mérida, onde o protagonista acaba accedendo a importantes cargos. Se na primeira o lector acababa solidarizándose claramente co personaxe, que tiña que fuxir da súa terra cara o sur para librarse dunha condena por algo que non cometera, na segunda a identificación co personaxe resulta máis complicada, porque malia as súas boas intencións (a vontade) acaba corrompéndose (o destino), aínda que sexa por unha boa causa.

O que atopamos tanto nun título coma no outro é un galego riquísimo, intencionadamente arcaizante porque así o pide o tempo no que nos sitúa a historia. Con todo, o contexto é suficiente para comprender o sentido da maioría dos vocablos e, por se non fose así, o autor inclúe un glosario final que nos soluciona as dúbidas que puidese haber. Repiten tamén os irmáns Picallo como ilustradores, engadíndolle atractivo a unhas novelas que xa o son de seu.

E como tampouco son crítico literario nin pretendo selo, remato dicindo que foi un pracer acompañar o autor na presentación en Ribadeo de Entre a vontade e o destino e agardamos xa ansiosos a aparición do terceiro volume, que seica se vai titular O señor de Badallouce