Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

2.5.15

Eonaviegos en “Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000)”

Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000)
Dionisio Gamallo Fierros
Rematei abril coa lectura das últimas páxinas de Conciencia política e literatura galega enMadrid (1950-2000), de Ana Acuña, que poucos días antes foi galardoado co premio Losada Diéguez de Investigación.

Achegueime a ese libro, principalmente, porque presupoñía que nel ía atopar novos datos das andanzas de Dionisio Gamallo Fierros no Madrid dos anos 50, xusto antes de volver a Ribadeo para ser o primeiro director do instituto de ensinanza media que agora leva o seu nome, a carón do do concello.

E Gamallo está no libro, acertadamente clasificado como “erudito non belixerante”, pero intúo que o seu protagonismo queda un pouco diluído, esparexido aquí e acolá, se cadra de xeito acorde coa súa desorganizada vida intelectual: estaba sempre pero parecía que nunca estaba.
Daniel Cortezón

Seguramente a relevancia de Dionisio cobre máis protagonismo cando alguén sexa capaz de poñer orde no seu interminable arquivo e dea a coñecer máis datos do seu labor naqueles anos. E sei que hai quen anda metido nesa difícil faena. Polo que vou sabendo, poida que sexa Pura Vázquez quen mellor o retrate cando di “[Gamallo Fierros] será introdutor e guía naqueles tempos de cantos galegos caïamos por Madrid”.

Porén, non contaba con tanta presenza doutro ribadense, bo amigo do anterior: Daniel Cortezón. Descoñecía eu tanta implicación, incluso política. Por exemplo, non sabía nada do seu arriscado esforzo vendendo nos anos sesenta exemplares dos libros prohibidos de Castelao, chegados de América, para recadar fondos para a película que Valentín Fernández promoveu daquela en Arxentina sobre o rianxeiro, dirixida por Jorge Prelorán.
Luz Pozo Garza
A mí Valentín Fernández me mandó cientos de libros que estaban siendo perseguidos en España, cientos de libros que yo vendí para la película de Castelao” (Daniel Cortezón). 
“Nese labor traballou moito Daniel Cortezón e eu proprio” (Isaac Alonso Estraviz).
Tamén atopei referencias a Cotarelo Valledor –poucas, porque faleceu xusto no ano no que comeza o estudo de Ana Acuña-, a Fermín Penzol e a outros eonaviegos como Luz Pozo, Xavier Rodríguez Baixeras, Crisanto Veiguela, Xavier Frías Conde ou Viqui Veiguela, todos implicados na difícil tarefa de manter acesa a chama da cultura galega en Madrid. Por haber, ata hai unha pequena alusión a Antón Moreda, un mariñao de Barreiros relacionado co nacionalismo galego, de quen non sei case nada.
Xavier Rodríguez Baixeras

Xavier Frías Conde
Eu sabía xa, por diversas fontes, do labor dalgúns destes. Coñecía, por exemplo, o decisivo papel de Frías Conde como impulsor e mantedor, a carón doutros, do Grupo Bilbao. Sabía tamén da presenza neste grupo de Viqui Veiguela, para min unha poeta excelente, de quen me dixeron unha vez: “É que xa no instituto era capaz de converter en poesía os apuntes de matemáticas”.

Pola contra, non tiña constancia ningunha da actividade en Madrid de Luz Pozo e de Xavier Baixeras, nin do activismo de Crisanto Veiguela.

No título do libro alúdese por separado á “conciencia política” e a “literatura galega”. Eu creo que, en xeral, a relevancia dos eonaviegos madrigalegos medra canto máis nos achegamos ó segundo aspecto, e é máis escasa en relación co primeiro, aínda que a militancia política non é algo alleo a todos
eles.

A análise de Ana Acuña remata co inicio deste século, pero cando alguén  revise coa mesma minuciosidade os quince anos que van do mesmo, atopará seguramente máis dinamismo có que a autora describe por volta do 2000, cun Grupo Bilbao avivado e cun Xavier Frías máis hiperactivo ca nunca.

Polo de pronto, o libro de Ana Acuña paréceme unha lectura moi recomendada para todos os que queiran saber do asunto que ben se explicita no título e, de xeito especial, para os eonaviegos das dúas bandas da ría que queiran saber máis sobre o traballo dos seus conveciños que son ou foron nalgún momento “madrigalegos”.
Viqui Veiguela



Crisanto Veiguela

Armando Cotarelo Valledor
Fermín Penzol
Antón Moreda



Ningún comentario: