Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

1.12.13

O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura)

Portada do libro
Hai uns días estiven en Lugo na presentación de O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura), de Xosé Henrique Costas, acto organizado pola asociación "Culturadopaís".

A obra, na que o autor debulla multiples aspectos relacionados coa variante lingüística que el bautizou co glotónimo “valego” –parece razoable fuxir do termo “fala”, usado polas autoridades estremeñas, por inconcreto e tamén por evitarlle ós seus usuarios cargar coa denominación de “falofalantes”-, é o resultado de máis de vinte anos de investigación e inclúe datos inéditos a carón doutros que o autor xa publicara en varios artigos ó longo das dúas últimas décadas.

Trátase dunha lectura máis que recomendable na que conviven paixón e ciencia, como moi ben indica o académico Fernández Rei na introdución. Non é un simple traballo descritivo, non é “taxidermismo lingüístico” (en palabras do autor), senón que hai compromiso, hai intención de que ese estudo teña aplicación social e contribúa a enfrontar e reverter “mediante a difusión do coñecemento as inercias aniquiladoras destas e outras variedades lingüísticas galegas extramuradas”.

Precisamente, se traemos ó noso blog este libro é porque aínda que o cerne da obra son as falas de orixe galega do noroeste de Estremadura, o estudo inclúe un par de capítulos iniciais sobre lexislación que son perfectamente aplicables ó galego do occidente de Asturias. De feito, hai bastantes alusións a esta zona nas case 70 páxinas que ocupan estes apartados, titulados respectivamente “Contexto lexislativo e político das linguas minorizadas en España” e “Lexislación lingüística deliberadamente ignorada: a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM).
 
Xosé Henrique Costas
Tamén pode acaer ben un fragmento do remate do libro, que é unha evidente declaración de intencións: 
Para poñermos xa o ramo, e para a tranquilidade dos que viven obsesionados coa invasión de leiriñas e movementos de marcos, en última instancia tanto nos ten que estas falas sexan galegas ou austronésicas, que se escriban á portuguesa ou en alfabeto tibetano, que esta fala cheagase aquí no século IX ou no XIX, e que chegase en ovni ou en patera. É bo sabelo, por suposto, todo coñecemento é enriquecedor, pero non é o obxectivo prioritario. A nosoutros o que nos interesa de verdade é que esta fala entre nas escolas; que se publiquen libros, e-books, webs. blogs e revistas nela; que se empregue con naturalidade en medios locais e comarcais; que se utilice con normalidade nas administracións públicas do val, no eido sanitario-asistencial, na toponimia, nos actos relixiosos; que se coñeza e se recoñeza, que se ame, se difunda e se valore no resto de Estremadura, de España e de Europa; que a poidamos estudar e perfeccionar en cursos en liña e presenciais; que se cante nela tanto rock coma pop, rap ou folk; que dentro de vinte anos poidamos volver polo val e sigamos escoitando os nenos xogar nela. Todo isto é o que nos interesa de verdade, un interese que non teñen demostrado polo de agora os que se adicaron asepticamente á lingüística contemplativa, curriculable e autocompracente, ou á necrolingüística coleccionable, ou a coidar que ninguén lles fose sachar nunha leira que teñen de poulo porque a terra é deles.
Luís Villares e Quique Costas durante a presentación

En Lugo, o autor foi presentado polo maxistrado Luís Villares, de novo en Galicia despois dunha estadía profesional no País Vasco. Moito nos alegramos de contar de novo no país cun dos profesionais da xustiza máis comprometidos co uso do galego neste ámbito.

Ningún comentario: