Sempre me alegraron os éxitos dos meus alumnos. Un acaba sentindo por eles máis afecto do que moitos pensan. E por éxito
entendo que a vida lles vaia ben, sexa no ámbito que sexa. Alégrame
ver que van abrindo o seu propio camiño e que atopan guieiros polos que meterse e deixar ver a cabeza, satisfeitos consigo mesmos.
Pero se encima os éxitos teñen algo que ver coa filoloxía
ou coa literatura, a alegría é dobre. Non é que un considere ter algunha
responsabilidade en que collesen eses
camiños; a alegría é polo feito de que non botasen a
correr na dirección contraria despois de aturarme.
Por iso me aleda que Sergio Irigoyen fose finalista no
premio Minotauro coa novela Los seres infinitos, que vai estar a disposición de todos nós moi pronto. O próximo
sábado terá lugar a presentación na Casa das Letras, con Toni Deaño como
mestre de cerimonias. Gusta tamén ver que este xubilado amigo multiplica co xúbilo propio da súa nova situación o labor cultural que xa desempeñaba en Ribadeo antes de deixar de pisar as aulas.
Sergio únese así ó listado de escritores que pasaron polo
instituto Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo e que son motivo de orgullo para o centro, listado no que figuran xa
Camilo Valdehorras, Jaureguízar, Eva Moreda e outros que seguramente esquezo inxustamente.
Que veñan máis.
Sergio Irigoyen chegou de Madrid hai uns anos. De pequeno
seica comía formigas. Eu non sei se foi por iso, pero o certo é que traía a
mente aberta e non perdeu de durmir por “el gallego” nin lle foi impedimento
que lle impartisen materias nese idioma. Axiña se meteu no grupo de teatro do instituto e falou en galego para todos desde o escenario. Xa fóra do centro,
formou parte do grupo Albións, que puxo en escena, entre outras obras, unha adaptación de Fridom Speak
de Jaureguízar.
Aínda que Los seres infinitos está escrita en castelán, ben sei eu que Sergio non é dos que desexan a desaparición do galego. El é unha mostra de que “os de fóra” non son máis ca unha escusa doada para “os de dentro” que se erguen cada día co desexo de que o galego morra calquera noite, mentres canta a curuxa no souto máis cercano. “Os de fóra” deberían montar un club e cobrar dereitos cada vez que alguén use o seu nome en van. Así, en tempos de crise, tería ingresos ben merecidos Sergio e tamén Aida, Laura e Ariadna, tres agora xa exalumnas chegadas de Cataluña e Madrid ás que este curso tiven o pracer de impartirlles clase. Tampouco elas perderon de durmir por “el gallego”. O que non sei é se tamén elas comían formigas de pequenas.

1 comentario:
A dicir verdade, Suso, tes parte de culpa disto. Foi máis ou menos por este tempo cando empecei a escribir algunha cousiña, e tamén a querer e respectar o galego. Gracias por estas palabras conmovedoras.
Publicar un comentario