Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

15.3.12

Os ollos das palabras

I
Os ollos das palabras é o título da exposición que estes días se pode ver na Cidade da Cultura. Arte e literatura da autoría de Caxigueiro e Baldo Ramos apareándose para darnos, ademais, un fermoso catálogo:

Unha xoia. Eu non vexo nel un catálogo; vexo un libro de poemas fermosamente editado, palabras que case se enganchan no arame encerellado que sae do cadro na páxina do lado ou pensan en entrar polos buratos que o libro de barro cocido no forno lles abre para que inunden as páxinas que non hai.

De entrada, Baldo Ramos énos máis coñecido como escritor, Caxigueiro como artista plástico, pero os dous son capaces de traspasar o linde e entrar con éxito na leira menos transitada. Mestúranse, mestúranse como eu mesturo os seus versos que, por veces, falan do mesmo –silencios, soños, cegueiras, …- habitando distintas latitudes:
hai un bosque de imaxes onde medran os silencios (Caxigueiro)
ocos de silencio que nos obrigan a entrar na súa cerna (Baldo Ramos)
de como os silencios se volven cómplices / da imposibilidade de nomear (Baldo Ramos)

algunhas verdades non se ven / por falta de audiencia (Caxigueiro)
palabras para habitar / desoutro lado da cegueira (Baldo Ramos)
Podería seguir.

 II
Os que entenden din que Caxigueiro é un bo artista plástico. Non o dubido, pero tampouco podo afirmalo porque carezo de criterios defendibles para valorar iso. O que si sei é que unha noite de néboa destas que caen con frecuencia polas terras de Mondoñedo vou ir ó seu obradoiro a San Martiño e voulle romper todo. E despois de escacharrar canta peza teña elaborada ou en proceso de selo, voulle desgraciar as ferramentas e vou botar ó río os materiais cos que traballa, para que se nutran as troitas.

Non é que eu sexa un esculturicida vocacional; o que pasa é aprecio a palabra fermosa e ben escollida, e dáme rabia que o seu bo labor como escultor tape as súas cualidades como poeta. Así, privado do seu labor plástico -que xa rexurdirá-, agromarán desde o medio das ruínas os versos con toda a intensidade, coma xostregazos na alma.
din dun pobo
que para vivir de aluguer
vendeu o amencer
a néboa e a memoria
 
non son felices
os homes
non lembran o sabor das bágoas.
 III
Da Cidade da Cultura non vou falar. Xa propuxen un día sementar rodaballos Pescanova no Gaiás e manteño a idea, pero mentres non me fan caso, aplaudo a presenza dos ollos das palabras mirando tanto baleiro, alí e en todo o que nos rodea, coa esperanza de que un día os homes do pobo que vive de aluguer recuperen a memoria porque
debaixo do paraugas 
todo é posible
cando a pedra escoita
e ti gozas 
co canto das pucharcas.
                                        (Caxigueiro) 

2 comentarios:

Rosa Varela dixo...

Case me convences para visitar o Gaiás, e eu que me estaba mantendo firme e non pór nin o aliento alí! Iso que me custou cartiños, pero roubados. Pero se a exposición e o catálogo merecen a pena, non me vou condenar como o Ramires, non cres?
Saúdos.

Clara dixo...

Lendo a entrada do blog, case estou eu tamén convencida de visitar a exposición! Pode que me pase.