Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

19.12.09

Lingua de oportunidade

Neste momento por aí fóra seica cae neve e non sei eu de que serán capaces algúns cerebros atrofiados polo frío, cando xa non discorren gran cousa en días calmos. Medo me dá logo o que poida dicir o novo decreto do galego que disque está para saír. Se cadra píllanos a todos coas copas na man, brindando polo Nadal, e nin nos decatamos, que esa parece a intención. Eu xa non sei se importa moito, co mal que xa se fixo.

Quéixase de vez en cando o actual Conselleiro de Educación, e mesmo o Presidente da Xunta, do traballo organizativo e reivindicativo que se vén levando a cabo nos últimos meses en defensa da lingua. Din eles que é esaxerado e que se trata de inauditas accións preventivas porque non fixeron ningún cambio en relación co idioma galego.

Pois é mentira. É certo que o decreto 124/2007 segue en vigor, pero, pinga a pinga, xa se tomaron varias decisións no ámbito cultural e noutros que tamén afectan á lingua, que non todo no idioma é a Consellería de Educación.

Pero se cadra o cambio máis importante foi o que se produciu, o que provocaron, na imaxe pública do idioma. O galego empezaba a ser visto como lingua de oportunidade, en palabras de Fermín Bouza, empezaba a verse como lingua útil, e iso resulta fundamental para a supervivencia do idioma.

Coa colaboración dalgúns medios da casa e de fóra, o galego foi sometido xa desde a campaña electoral a un xuízo mediático baseado en mentiras, en falacias que foron minando o seu prestixio. Como consecuencia, para bastante xente o galego é agora moito menos lingua de oportunidade e moito máis peza de museo, adorno do que se pode prescindir, cousa folclórica. Calquera modificación legal é que recúe no antes acadado é agora moito máis asumible socialmente.

Seguimos agardando a que alguén poña sobre a mesa o nome dalgún centro de ensino no que os nenos só poidan ou puidesen nalgún momento falar castelán no recreo, como chegou a manifestar o Señor Núñez ante un Jiménez Losantos que agora o insulta, seguimos esperando a saber o nome dalgún establecemento comercial multado por rotular en castelán, seguimos esperando as probas de tanta mentira como se vomitou.

Non, non foron actos preventivos. Foron unha resposta cívica á mentira, á falacia, ó cinismo e ó desprezo. E para desmontar de vez esas mentiras, con intervencións serias e respectuosas, pero contundentes, celebrouse estes días Ecolingua, xuntanza da que xa veriades abondosa información nos mesmos medios de comunicación que, un día si e outro tamén, falaban da imposición do galego... Non? Non saíu nada? Vaia, ho! Non darían chegado aló pola neve, que eles querer querían...

5 comentarios:

Deschant dixo...

Bueno, hai que recoñecer que grazas a Ecolingua conseguimos saber que Galicia Bilingüe non só está formada por GL e JMP... agora sabemos que hai polo menos tres, que a Ecolingua eles mandaron a un tal Mato.

Suso dixo...

O tal Mato dixo que era só "simpatizante".

Chousa da Alcandra dixo...

Pois se nos pilla coa copa na man brindando polo Nadal -que pode ser-, cando a pousemos volveremos coller a pancarta da Lingua e imos brindar de novo á Quintana con ela.

E digo eu que o ano dez, Xacobeo, a ver se ademáis de abrir a porta Santa; non sería capaz de abrir algunhas mentes dunha vez?

xavier dixo...

Lede os comentarios, é incrible. Eu xa non sei se é unha coña ou existen tarados así.

http://www.manueljabois.com/2009/12/sentir.html

Eva dixo...

Xavier:

Mira o comentario 16 desta entrada no blog de Fermín Bouza, alí o propio Manuel Jabois (imaxino que será el) aclara que se trata en realidade da mesma persoa (un tarado, imaxino) escribindo con seudónimos distintos.