Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

3.9.09

Tópicos sobre a lingua galega VI: Os repartidores de dereitos.

A SERIE EMPEZA AQUÍ

“Quen teñen dereitos son as persoas, non as linguas nin os territorios”

Depende. Os dereitos en democracia tenos quen se decida que os teña: as persoas, as linguas ou as miñocas. Na India seica teñen moitos dereitos as vacas –non sei se tamén é un tópico-, aquí antes tíñanos os toxos molares do Cabo Touriñán e agora seica van ter máis os rodaballos de Pescanova. Os dereitos poden cambiar de dono.

Falando de linguas, na maior parte dos Estados europeos os dereitos artéllanse en torno a dous criterios: personalidade e territorialidade.

Cada Estado decide democraticamente o modelo que quere seguir e tan lícito é un coma o outro. Incluso é lícito que se combinen arteiramente os dous para que saia gañando quen conveña que gañe, como se fai aquí, pero diso xa falaremos algo máis adiante.
  1. Personalidade: tómase como punto de referencia a xente, ou sexa, se nun territorio hai falantes de máis dun idioma, tense en conta isto á hora de escoller cales deben ser oficiais.
  2. Territorialidade: tómase como referencia o territorio na cal habitan as persoas, ou sexa, a zona e non as persoas en si. Deste xeito, escollerase como oficial a lingua propia desa zona, independentemente de que haxa falantes doutros idiomas.
Aínda que non hai políticas absolutamente paralelas e en cada país danse unha serie de particularidades, dun xeito xeral en Europa occidental podemos distinguir os seguintes modelos:

1. Estados oficialmente plurilingües: baséanse no criterio de personalidade. Seguen este modelo Luxemburgo, Irlanda e Finlandia. Nestes tres países hai máis dun idioma oficial en todo o seu territorio.

En Irlanda, por exemplo, a pesar de que saben que a inmensa maioría da poboación que fala irlandés se concentra en tres zonas (Donegal, Connemara e Kerry), declararon o irlandés oficial en todo o Estado porque en todo o territorio hai algunhas persoas que o falan, e non importa que sexan moitas ou poucas, guapas ou feas, nin que sexan do lugar ou vidas de fóra.

2. Federalismo lingüístico: baséanse no criterio de territorialidade. O Estado divídese en zonas e dentro de cada unha é oficial unicamente un idioma. Seguen este modelo Bélxica, coa excepción da área de Bruxelas, e Suíza.
A xente non importa. Se un habitante dunha zona se traslada a outra, sabe que o idioma oficial vai ser distinto e amóldase. Cómpre dicir que, en contra do que se poida pensar, a consecuencia deste modelo é que os habitantes de todo o Estado soen acabar tendo un dominio suficiente de todas as linguas do seu país e a mobilidade non é ningún inconveniente. As tensións, que se dan principalmente en Bélxica, teñen moitas máis motivacións económicas ca lingüísticas.

3. Autonomismo lingüístico: É un sistema híbrido no que se combinan territorialidade e personalidade. Na práctica, escóllese en cada zona o criterio que máis beneficia ó idioma A, que goza deste xeito de certos privilexios legais sobre os outros. En parte do territorio é oficial só un idioma e noutras partes hai cooficialidade do idioma propio co idioma estatal. Este modelo está presente en España, Italia e Portugal.

No caso de España, para Galicia e para as outras comunidades con lingua propia que decidiron oficializala escolleuse o criterio de personalidade porque así ten entrada oficial o castelán: en Galicia son oficiais o galego e o castelán porque hai falantes dun e outro idioma. Para o resto do territorio escolleuse o criterio de territorialidade porque así non teñen cabida oficial os idiomas alleos a ese lugar.

Seguramente cando se aprobou a Constitución e o Estatuto de Autonomía non se puido facer outra cousa e ímonos amañando, pero tamén é certo que noutros países aplícanse modelos de política lingüística diferentes ó noso, con resultados bastante mellores tanto para a convivencia coma para o dominio de idiomas.

4. Estados oficialmente monolingües: Só se recoñece a oficialidade dun idioma aínda que se admita a existencia doutros, que incluso poden gozar de certa protección. Organízanse con este modelo Francia, Alemaña, Reino Unido, Holanda e Grecia.

Pero volvamos ó comezo e poñamos por caso que é certo o tópico, que quen teñen dereitos son as persoas e non as linguas nin os territorios. Se hai que xogar, xogamos:

Cóntanse por milleiros os galegos que residen noutras comunidades. Acaso non temos o país cheo de Casas de Galicia, Centros Galegos e Lares galegos? Serán os lugareños os que os crean por exotismo ou admiración ó noso ou será que os galegos andamos espallados por todo o territorio? Abonda con pisar calquera deses centros galegos un sábado pola noite para decatarse de que a inmensa maioría desa xente fala galego, polo menos na intimidade. Ese é o idioma que usan entre tallada e tallada de polbo, entre tute e tute, entre cunca e cunca de viño.

E por que non defendemos o dereito deses galegos a poderen usar o seu idioma de xeito oficial alí onde estean? E por que non reclamamos para eles o dereito fundamental a educaren os seus fillos na súa lingua?

A resposta é sempre a mesma: porque non están en Galicia. Pero non diciamos que son as persoas as que teñen dereitos e non as linguas nin os territorios? E logo un galego en Madrid xa non é persoa?

Respectemos as leis que democraticamente se adopten, pero non sexamos cínicos á hora de interpretalas, porque son as que son pero poderían ser outras. Co modelo finés, irlandés ou luxemburgués o galego tamén sería oficial no resto do Estado; co modelo belga ou suízo, o castelán non sería oficial en Galicia.
CONTINÚA AQUÍ
                       NOTA: Podes acceder ó pdf da edición en papel (2014), premendo neste enlace.

6 comentarios:

Marlene dixo...

Oes, Suso, eu entendía o tema irlandés doutro xeito. O gaélico irlandés recoñeceuse en toda a República de Irlanda porque era faltado en todo ese territorio ata que os ingleses forzaron ós seus falantes a agruparse nos recantos máis deprimidos e aillados do país. Así que o lóxico é que, acadada a independencia, se recoñecese o idioma como propio en toda Eire. Estou enganada?
Polo demais, noraboa polo artigo.
Aperta, Marlene

Deschant dixo...

Súmome á noraboa polo artigo, pero paréceme que tes a Bélxica e Suíza un pouco mitificadas, é certo que probablemente haxa máis cidadáns plurilingües que en estados como España, pero tamén che hai moita xente que nunca saíu da súa rexión e vive feliz no seu monolingüismo. Claro que a actitude é diferente, probablemente ninguén destes países ande montando escándalos polo feito de que se lle pida coñecer a lingua do lugar no que quere traballar (se non está disposto a aprendela, sabe que a súa mobilidade se ve limitada e acéptao e punto), mentres que aquí unha ridícula proba de galego nas oposicións xa recibe acusacións de racismo, paletismo, falta de igualdade de oportunidades entre os españois e non sei que máis.

En fin, alégrome pola volta dos tópicos e a ver se falas axiña de "nós, os subvencionados".

Deschant dixo...

Por certo, o que me chama a atención de Italia é que as súas linguas "cooficiais" estean todas no norte (Val de Aosta, Alto Adige) e no sur, que tamén ten unha riqueza lingüística incrible (hai comunidades mesmo de fala grega ou serbocroata), esta riqueza non se ve recoñecida. Imaxino que terá que ver co distinto nivel económico de uns e outros.

Anónimo dixo...

Magnífico artículo, sr. Suso. Pero. Eu estiven non hai moito por Bélxica e tratei con xente de varia condición. Saquei a conclusión, talvez errada, de que no norte, Flandes, resulta case ofensivo tratar de empregar o francés, polo menos así meaconteceu a min en Amberes, en Gante e mesmo en Lovaina. En Antwerpen mesmo falamos acotío en Inglés aínda que nos acompañaba unha hábil franco parlante, pero resultaba inútil. E que conste que eu non o digo para contradicir o artigo ou para "afearlle" a tese, a min non me parece nin ben nin mal, pero é o que eu observei.
A respecto de Irlanda, Marlene, o conto é moito máis complicado e cheo de sutilezas. De Parnell a O'Connell pasando por moitos sitios... dígollo eu que son irlandés. Do sur, pero irlandés.
Saúdade. (e Terra)
Luisiño de Amancia.

Fatima dixo...

A pregunta dunha ignorante, ou que non prestaba moita atención en clase... Que outros idiomas hai en Portugal aparte do portugués?

Anónimo dixo...

En Portugal, na zona de Miranda de Douro, unhas 25.000 persoas falan "mirandés", que non é senón unha variante do astur-leonés.
E desde hai uns anos é oficial.

Saúdos
Suso