Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

16.2.09

Instituto Castelao. Bos embaixadores.

No rosario de propostas que estes días nos fan os nosos candidatos reparo hoxe na de crear un instituto Castelao para promocionar a cultura galega no exterior. Difícil non debería resultar porque embaixadores non faltan, como explicarei axiña.

Hai por aí estudos (MSG) que din que, independentemente do uso, as mellores actitudes cara ó noso idioma están entre a xuventude con maior formación cultural: os mozos titulados universitarios ou en proceso de selo.

Sen ánimo de ofender, veño observando desde hai anos algo similar nos alumnos de ensinanzas medias: independentemente dos usos, as mellores actitudes cara ó galego adoitan ser as do alumnado academicamente máis brillante que é, cando menos, perfectamente bilingüe e vive libre de prexuízos.

Nun país normal, eses alumnos deberían estar chamados a seren a elite social, a desempeñaren os labores máis cualificados en consonancia coa súa formación, a seren os referentes.

Estamos cansos de dicir que o abandono do galego se produciu, en boa medida, porque as clases inferiores tentaron imitar os hábitos das clases dominantes. Pois por ese mesmo camiño debería volver a cousa ó rego, porque nun país normal as clases dominantes deberían ser as mellor formadas, as que agora teñen as mellores actitudes cara ó galego.

O problema está en que, ano tras ano, vexo como eses mozos máis cualificados se ven obrigados a marchar fóra para teren unha situación laboral minimamente presentable.

Non me canso de dicir que o futuro da nosa lingua vai estar moi ligado ó futuro da nosa economía como pobo. Por iso cómpre poñer fin ó espolio de na nosa riqueza persoal e material, cómpre que as nosas vacas teñan os tetos onde teñen a boca, que o noso vento non voe como voaron os vales. E cómpre que as nosas mellores mentes poidan volver con dignidade.

Pero mentres non chega ese día, poden ser os mellores embaixadores dese instituto Castelao que nos ha facer sacar peito polo mundo adiante.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Pois si, Suso, non podería estar máis de acordo: tamén fan moita falta bos embaixadores e ese é o consolo dos que (de momento)vivimos fóra da Galiza: poder desmentir tópicos e promover a nosa cultura por terras alleas. Entre outras cousas, para dar o contrapunto ó labor dos Centros Galegos, a maioría deles dedicados a ofrecer aulas de sevillanas e tango e sacar publicacións en español (grazas ás subvencións de carácter público, se non estou mal informada). Home, iso si, de cando vez fan unhas xornadas gastronómicas, que por lacón non será...
Chuchos