Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

6.2.09

As vellas expresións

Podería escribir hoxe sobre as esperpénticas respostas de Gloria Lago na entrevista que publica La Voz de Galicia. Claramente di, sen dicilo, o que todos sabemos que pensa:

-Impórtame un pito o galego e o bilingüismo; o que realmente me interesa é o castelán (entre outras cousas, para que o meu fillo, que non anda moi sobrado, dea aprendido "Conocimiento del Medio").

Fronte ó que di o amigo Cordal nun brillante artigo, eu creo que á xente así había que darlle cada día media hora na TV, en prime time, porque cada vez que abren a boca quedan en evidencia, descobren as súas patrañas, e se non perden credibilidade é porque nunca a tiveron.

Podería falar dela, pero acórdome de que a min non me gusta o circo nin os pallasos. Por iso refiro falar do tempo, que xunto co fútbol son os temas nos que os intelectuais nos movemos con soltura:

Pasou o temporal, e foi duro. Vimos ducias de fotos de estragos, oímos testemuños que poñen os pelos de punta, lemos páxinas e páxinas nos xornais. E no medio de tanto desastre, gustoume oír unha sinxela pero contundente expresión dunha muller de Rinlo, onde os vivos camiñan con calma e os mortos van á présa:

- Roncaban as ribeiras!

Volveu a luz, están volvendo as lousas ó tellado, retoñarán os eucaliptos, pero as vellas expresións que morren, coma as andoriñas que papou o gato, esas non volverán.

1 comentario:

Discantus dixo...

Xa che dixen que o de Gloria Lago (esta entrevista en concreto é moi ilustrativa) paréceme un exemplo perfecto de privilexio. Privilexio de que a súa lingua sexa de primeira e a outra de segunda e oposición total a todo o que signifique romper ese privilexio. Eu creo que, á hora de falar de desigualdades e discriminacións, deberíase tratar este concepto de privilexio e animar a cada un a que recoñeza os privilexios que ten como primeiro paso cara á eliminación das desigualdades. O que pasa é que cando se naceu cun privilexio é moi difícil velo como tal, máis ben parece que é a orde natural das cousas.