Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

26.2.08

Morte e (medo á) resurrección das palabras - II

O paisano da viñeta de Santi Gutiérrez refírese ó animal coa palabra porco, pero cando ese animal se converte en comida, cando entra pola boca, xa se chama cerdo, e así o denomina o seu interlocutor.

A cousa non é nova nin só nosa. Pode sorprendernos saber que en linguas tan prestixiosas coma o inglés sucede o mesmo:
Cando os franconormandos dominaban Inglaterra, as Constitucións de Clarendon (1104) prohibíanlle o acceso ó clero ós que falaban inglés; o francés era a lingua do Igrexa e da escola. Aínda no século XIII os frades de Westminster tiñan prohibido falar en inglés entre eles. Os fillos dos ricos aprendían francés e o resto de xente trataba de imitalos. Desde aquela os ingleses denominan o animal coa palabra xermánica pig pero refírense á carne de porco coa latina pork. Dito doutro xeito, o porco-animal fala o idioma de quen o coida e o porco-carne-comida fala o idioma de quen o come.

As palabras coas que os gandeiros galegos denominan as crías da vaca son cuxo, xato, becerro ou tenreiro. Pero cando a Xunta de Galicia quixo promocionar a carne destes animais non se atreveu con ningún dos nomes en galego e optou por “Ternera gallega”. Unha vez máis, o galego para o animal, o castelán para a súa carne.

Pouco cambiou a cousa coa denominación de orixe do lacón, para a que se optou por "Lacón gallego" co esperpéntico argumento de que se se poñía "Lacón galego" a xente podía relacionalo co País de Gales ou cos GAL. Non é broma; as hemerotecas están aí para confirmalo.

Aínda que neste caso non hai animais polo medio –ou si- xa manifestei noutra ocasión o meu cabreo co feito de que recentemente a palabra orujo ou oruxo ince pola nosa terra coma as silvas, tapando a sempre usada augardente ou aughardente que os vellos metían pola gorxa á hora da parva ou da partida e algúns nenos nada máis erguerse da cama, antes de ir á escola, para escorrentar o frío e aturar mellor os sermóns de profesores seguramente tan aburridos coma min.

Parece que os galegos estamos empeñados en matar as nosas palabras que entran pola boca. Pois xa postos, fagamos as cousas ben; tratándose de carne, en francés.

5 comentarios:

Anónimo dixo...

Suso, por ilustrar dende a zona de Asturias de fala galega:

Xa sabes que eu son del concello de Boal, na veira del Navia. Aquí al aguardente chamámoslle tamén magalla. E al porco, chamámoslle cocho (condo lo comemos tamén)

Quique Roxíos

busto.agolada dixo...

Ola Suso, novamente este teu artigo está cheo de elocuencia e de sensatez. E a min lémbrame un sucedido nun restaurante de Escairón onde xantamos un grupo de vinte amigos hai xa ben anos. Unha das miñas veciñas de mesa pediu de degundo prato CODORNIZ. Eu pregunteille se lle gustaba o paspallás. E ela respondeume sorprendida e abraiada pois non sabía que a CODORNIZ e o paspallás eran a mesma "persoa". Creo que ata se lle atragantou a comida e non puido gozar do día por mor da descuberta léxica.
Unha aperta.

Anónimo dixo...

Pois agora que o dis e o penso ... paréceme que eu maico en coellos (conexos como se di pola miña casa) pero como "conejo", sen embargo compro carne de cocho.

Carlos Andina dixo...

Ola Suso.

Vexo que me fixeches caso e puxeches a imaxe de "La Torre de Suso".

Grazas.

O de "pig" e "pork" pódoche confirmar que é verdade porque o vivín.

Chamoume moitísimo a atención,aínda que non me deu por preguntalo.

O da "Ternera gallega" e o "Lacón gallego" era para matalos.

E chámanse galegos.

Bueno,a ver se escaneas iso que recolliches hoxe na clase que teño curiosidade por saber que é.

Ata outra.(Case poño ata con h)

Suso F. Acevedo dixo...

Carlos,
O da clase creo que vai ser secreto de sumario...