O goberno andaluz (PSOE) propón ofertar
galego nalgunhas escolas de idiomas de Andalucía e o PP ridiculiza a proposta.
Uns días despois Esperanza Aguirre (PP, creo) propón crear en Madrid un colexio
catalán e ata lle escolle o nome: Josep Tarradellas.
País, país, ...
A min parécenme ben as dúas propostas. Se o galego se estuda en case 40 universidades de todo o mundo, non sei que mal fai que se estude entre as oliveiras andaluzas.
Pero levo tempo dicindo que, máis que o estudo dos idiomas en si,
boto de menos que se difunda por todo o estado a situación legal e social de todas as linguas do país. Non resulta difícil comprobar o absoluto descoñecemento que hai con respecto á situación real das distintas linguas.
Moita xente cre cegamente os
tópicos interesados que difunden determinados medios ou políticos analfabetos e así non é raro atopar españolitos que cren que en Galicia, Cataluña e Euskadi almorzamos cada mañá un neno castelanfalante ou que xa nin iso podemos facer porque o castelán está practicamente extinguido nestas Comunidades.
Dáse por feito que hoxe en Galicia é imposible estudar en castelán, que se lle impón o galego a todos, cando precisamente un punto de desencontro no intento de reforma do
Estatuto foi a proposta da obrigatoriedade de coñecer o galego
IGUAL CA É OBRIGATORIO COÑECER O CASTELÁN, segundo se establece na
Constitución. –Disto non din nada os
tangas monolingües que percorren o país bilingüe co seu autobús policromo-.
Creo que xa falei unha vez dun columnista con tratamento de Usía ata no DNI que vendeu miles de exemplares dun libro no que confunde a
Mesa pola Normalización Lingüística coa
Dirección Xeral de Política Lingüística. Tamén son frecuentes os comentarios sobre as decisións políticas “de los nacionalistas gallegos” cando a
Secretaría Xeral de Política Lingüística depende directamente de Presidencia e está en mans do PSOE. Ademais, como xa contei, non propoñen nada que non estivese no
Plan Xeral elaborado polo PP cando gobernaba.
Nada se sabe por aí abaixo da situación real da nosa lingua, nada se sabe da nosa literatura máis alá ca catro tópicos sobre Rosalía. Nada se sabe do
aragonés salvo que hai un tipo con bigote que di Chunta no Parlamento e que un día tiña unha mochila. Nada se sabe tampouco da existencia do
aranés, do
portugués en Olivenza e non só, do
tamazigh que falan tipos e tipas veladas ou sen velar que tamén son españois, ... Nada se sabe da diversidade que agroma en cada recanto desde a esquiniña do fondo de Melilla ata Cabo Ortegal.
Estou canso de oír cando convén que o bilingüismo enriquece. Claro que si! E o trilingüismo máis aínda, e o tetralingüismo o dobre có bilingüísmo, e máis aínda o pentalingüismo e poderiamos seguir! Vivimos nun estado máis ca pentalingüe e supoño que esa riqueza é riqueza de todos e todos temos que mirar por ela.
Pero estou esperando a que algún destes defensores do bilingüísmo en Galicia defendan o multilingüísmo en todo o Estado. Non lle pido a ningún chulapas madrileño que aprenda todos os idiomas, pero si
que se alegre se nalgún momento CALQUERA dos idiomas que temos dá un pasiño adiante para vivir con un pouco máis de dignidade. Ou acaso o bilingüísmo só é bo para min?
Polos centros de ensino desfilan cada curso especialistas en tráfico para convencer ós rapaces de que anden a modiño, especialistas en nutrición para que coman menos bollicaos e máis mazás, especialistas en enerxías para que aprendan a apagar a luz e a billa cando non lles fan falta, especialistas en lombos estrangallados para que aprendan a meter menos peso nas mochilas, especialistas en sexo para que aprendan a facer mellor o que xa fan como poden, especialistas en defensa para que se metan no exército para facer guerras pola paz, especialistas en patrimonio para que aprendan a loitar contra os construtores depredadores, especialistas en natureza para que non maten as arañas, especialistas en animación á lectura para que lean algo máis có Marca, ... Hai especialistas para todo e a todos lles damos cabida nas aulas.
Sería tanto pedir que por aí abaixo os alumnos dedicasen tres ou catro horas do curso a coñecer con rigor cal é a situación real, legal e social, de todas as linguas do Estado?
Sería moito pedir que escoitasen un día un conto de
Casares ou “
Paraules d’amor” de
Serrat?
Mal ningún non lles facía e se cadra valía para rachar tópicos, para avergonzar impostores, para sementar
tolerancia e
orgullo pola diversidade.