Leo na prensa unha entrevista con Iria Varela, da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, na que se refire á inmersión dos turistas na cultura local e á importancia do idioma galego como clave diferencial na promoción turística. Para que nos entendamos: di que a nosa lingua e a nosa cultura son elementos que se poden aproveitar para atraer turismo de calidade. De maneira aínda máis clara: o galego pode dar cartos.
Sería bo que se levase a cabo algún estudo rigoroso e que se
difundise axeitadamente, para que as mentes acomplexadas que rexeitan o idioma
co argumento de que os de fóra non o entenden tivesen que buscar outra escusa.
Creo que se ten feito algo nesa liña en Santiago, a cidade
galega máis galeguizada e, asemade, a que máis turistas recibe cada ano. Lembro
ver na prensa unha noticia que dicía que os turistas valoraban positivamente a
visibilidade do galego (hostalería, rotulación...) e que non lles supoñía un
impedimento senón un atractivo máis.
A Santiago e á Coruña acoden cada ano centos de universitarios de todo o mundo que asisten ós cursos de lingua e cultura para estranxeiros que organizan as Universidades e a RAG. Agora son estudantes, se cadra con poder adquisitivo limitado, pero veñen precisamente polo idioma e, ademais de estudosos, son potenciais visitantes de calidade no futuro.
Un artigo publicado en 2016 no New York Times sobre a
presenza do catalán no Alghero, en Sardeña, provocou interese internacional por
ese feito e, vendo que era un activo diferencial que atraía cada vez máis
visitantes, as autoridades locais, que ata entón se desentenderan bastante
desta particularidade cultural, empezaron a apoiar o catalanismo algherés.
Placa en catalán e italiano no Alghero (Sardeña- Italia) |
Portada do libro de X.H. Costas sobre o galego do Val do Ellas (valego) |
Irlanda recibe cada ano millóns de turistas e, ademais de Dublín, de visita obrigada, os lugares que suscitan máis interese entre os viaxeiros son os Gaeltacht (Gallimhe - Galway, Dhún na nGall -Donegal e a península de Dhuibhne -Dingle), ou sexa, as zonas de Irlanda onde o irlandés ten máis presenza e visibilidade.
Eu vivo nun concello no que hai rótulos que complementan os
sinais de dirección prohibida dalgunha rúa co texto “agás residentes” e aínda
non oín a primeira queixa de ningún turista nin sei de ninguén que se metera co coche por non entender a mensaxe, que unha cousa é ser de fóra e
outra é ser parvos.
Está claro que hai que garantir a comunicación cos
visitantes –saber inglés non é mala idea–, pero para iso primeiro cómpre ter
visitantes e un bo activo diferencial pode ser precisamente un idioma e unha
cultura distinta. O turismo de calidade, que seica é o que interesa cada vez
máis, o que busca é atopar experiencias diferentes. Aquí témolas, pero agochámosllelas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario