Captura de pantalla da web da plataforma "Queremos galego" |
Hai algún tempo falei nun acto público da importancia
estratéxica da terminoloxía á hora de transmitir mensaxes para acadar
obxectivos. As mensaxes son importantes, pero transmitilas adecuadamente é
imprescindible.
Dicía eu daquela que, en relación coa defensa da lingua, habería que ir aparcando o termo normalización, porque foi adquirindo connotacións negativas e dificultan o proceso, e propoñía promover o termo igualación, que é moito máis transparente semanticamente e deixaría en evidencia a quen se opuxese a un proceso que tivese ese obxectivo.
Alégrome por iso de que a recente proposta impulsada pola plataforma Queremos galego e outros colectivos de Cataluña e Euskadi leve como lema Liberdade, igualdade e democracia.
Liberdade, igualdade e democracia son termos valorados positivamente pola sociedade e non
hai que permitir que se apropien deles precisamente os que desexan poñerlle cancelas ó valor deses termos.
Outro termo que non deberiamos deixar caer en mans alleas
é o de constitucionalistas. Eu estou
convencido de que o nacionalismo defende moito máis os principios
constitucionais do que o fai o liberalismo de dereitas, especialmente no que se
refire á xustiza social e ó recoñecemento da diversidade.
Non son nada constitucionalistas, por exemplo, as propostas
lingüísticas que veñen defendendo o PP e Ciudadanos –doutros prefiro nin
falar-, se temos en conta o artigo 3.3 da Constitución. Porén, estas formacións
entran dentro do que se deu en chamar o “bloque constitucionalista", no que
parece que non cabe ningunha formación nacionalista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario