Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

2.10.18

Dende Ribadeo a Tui (con Lago González ausente).

Dende Ribadeo a Tui era o título dun programa que Radio Pirenaica emitía en galego desde o outro lado do valado -seica desde Bucarest- en tempos nos que aquí caían estacazos por abrir a boca sobre certas cousas, non coma agora, que un pode dicir e rapear o que queira sen que lle pase nada...

Despois duns meses de descanso para a toupeira, fago memoria rápida e decátome de que ese programa recolle o comezo e o remate da xeografía dos meus últimos meses. O mapa que houbo entre punta e cabo ímolo deixar.

En Ribadeo comecei o verán acompañando unha vez máis a Quique Roxíos na presentación do seu libro Personaxe desconocido, desta vez na Feira do libro de Ribadeo. Moito me agrada a boa acollida que o poemario do amigo Quique leva tido desde que saíu, a comezos de ano.
Presentación de "Personaxe desconocido" na Feira do libro de Ribadeo

No Ribadeo indiano foi un pracer presentar e acompañar a Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Ribadeo, na súa disertación sobre "Nacionalistas ribadenses na Arxentina: Lino Pérez e Clemente López Pasarón".
Con Eduardo Gutiérrez, nun acto do RIbadeo indiano

Despois de andanzas pola Europa de bastante alá, acabei agosto en Tui, onde visitei a catedral como nunca fixera, con audioguía e todo. Na entrada, un traballador moi amable preguntoume polo concello de procedencia e ó ver que eu non era xaponés deume a audioguía en castelán. Foi entón cando vimos un letreiro onde se informaba de todos os idiomas nos que dispoñían deste servizo, entre eles o galego. Volvemos atrás e pedímoslle o trebello en galego, para que nos contase a nosa historia alguén que falase coma nós.

- Como casi nadie la pide en gallego... -comentou o raparigo.

E pedina acaso en castelán? -pensei eu-. Por que hai que dar por suposto que o castelán é o idioma preferido polos galegos? Seguramente se a repartise para os nosos en galego por defecto, ían ser moi poucos os que solicitasen o cambio para o castelán.

Nin a existencia do bispo Lago González, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas no 74, vale para que na catedral de Tui haxa unha mínima sensibilidade coa lingua galega

Así andamos.

1 comentario:

paideleo dixo...

Este verán fun no bus turístico de Vigo e tiña audio guía en galego. Quedei gratamente sorprendeido.
Eu vivo cerca de Tui e podo dicirche que o galego non é precisamente unha prioridade alí.
A entrada na cidade pola " Corredera " é un exemplo de trapallada de tradución de " Corredoira " que aínda persiste.